A Xunta vende como reforzo fronte á COVID-19 o que é o simple cumprimento das ratios máximas en Infantil e Primaria
A Consellaría non informa de cales son os centros nos que se habilitan aulas, mestura aulas creadas con habilitadas para ofrecer unha cifra maior e pecha dúas unitarias con cinco alumnas e alumnos en cada unha
A Consellaría de Educación vén de facer público un reconto dos efectos da creación, supresión e habilitacións[1] de unidades educativas, co seu conseguinte cambio de postos de traballo no que pretende relacionar o incremento de aulas habilitadas (un saldo positivo de 144 segundo a administración) co reforzo para facer fronte á COVID-19.
En primeiro lugar a Consellaría oculta a información de cales son os centros nos que haberá unidades habilitadas para o curso 2020/21, o que impide un control sobre os criterios que levan á Xunta a autorizar unha aulas e non outras que puideran ter solicitado as equipas directivas. Pola información da que dispón neste momento a CIG-Ensino, unha boa parte destas habilitacións se deben exclusivamente ao cumprimento da legalidade vixente sobre ratios en Infantil e Primaria (cun máximo de 25 alumnos e alumnas por aula). De se confirmar este dato, algo imposíbel coa ocultación de centros afectados que fai a Consellaría, esta medida non gardaría ningunha relación coa COVID-19 como se pretende vender pola Consellaría.
En segundo termo, os datos que ofrece a Consellaría canto a unidades formalmente creadas implicarían un saldo positivo de 14 aulas, como resultado da creación e supresións de aulas publicadas no DOG de hoxe, 12 de agosto. Sen embargo neste cómputo a Consellaría está incluíndo as 18 unidades no colexio de nova creación CEIP Novo Mesoiro da Coruña mais “esquecen” apuntar que nese centro só van estar en funcionamento 15 aulas no curso que entra (6 de EI e 9 de EP). Polo tanto, o saldo positivo redúcese a 11 aulas.
Propaganda para procurar tapar o escándalo do protocolo.
A suma de aulas habilitadas con creadas, a mención á COVID-19 na nota de prensa da Consellaría como se as habilitacións fosen algo máis que cumprir as ratios oficiais, a mestura de creación ou peche de aulas co profesorado de reforzo ARCO ao que xa contestou a CIG-Ensino forma parte dunha campaña da Xunta para procurar correr unha (moi discreta, por certo) cortiña de fume sobre a verdadeira preocupación do profesorado e do conxunto da comunidade educativa neste momento: a alarma creada por un protocolo que vai levar ao máximo as ratios oficiais e que ve a docencia como se o alumando fosen máquinas e as clases aulas maxistrais onde ninguén se move durante horas. Neste sentido son vergoñentas as declaracións do Secretario Xeral da Consellaría de Educación á Radio Galega na que se evidencia un afastamento total de quen dirixe a administración educativa galega da realidade dos centros.
O certo e verdade é que o incumprimento da Xunta das medidas e recomendacións tanto da OMS como dos Ministerios de Educación e Sanidade levarán a unha situación de risco potencialmente alto as aulas galegas, con distancias inferiores a medio metro entre mesas e, polo tanto, entre alumnos. Se xa desde un primeiro momento a Xunta debería ter anulado o protocolo da Consellaría e aberto unha vía de negociación coas organizacións sindicais e de diálogo coas confederacións de ANPAs, a situación actual de agravamento dos casos de contaxio ben deberan levar a unha reconsideración do erro cometido. Están a tempo se non queren converter o inicio de curso nun problema.
O ensino no rural, de solución a problema.
O peche de dúas aulas no rural coruñés (Luaña en Brión e Comiáns na Laracha) con cinco matriculas en cada caso segundo información da propia Consellaría) evidencia o sen sentido da política educativa da Xunta: enchéselle a boca co concepto de aula burbulla (desafortunado desde a perspectiva da CIG-Ensino) e pecha dous exemplos dos que se achegan mellor a esa idea: escolas con pouco alumnado e profesorado e nunha condicións idóneas para manter a presencialidade nas aulas. A medida estende un ano máis a deriva de recortes na escola rural por parte do goberno do PP, no que vén sendo unha continuidade na redución de servizos nas nosas aldeas e un novo atranco para frear a sangría demográfica no rural.
[1] Unidades creadas: aulas que xa existían con anterioridade en centros en funcionamento e que agora se incorporan con carácter permanente ao catálogo de postos de traballo ou ben centros de nova construción.
Unidades suprimidas: aulas en catálogo oficial que se anulan ou pechan.
Unidades habilitadas: aulas que se autorizan para o curso sen que se garanta a súa permanencia. Normalmente están vinculadas ao medre de matrícula puntual e agárdase a que se consolide para pasar de aula habilitada a aula creada.