A Xunta pretende limitar as ensinanzas de persoas adultas, que cursan actualmente 10.000 persoas, nunha Lei que está sendo tramitada sen contar co profesorado
O anteproxecto céntrase exclusivamente na ensinanza a distancia, dependente dun novo organismo (o IGALVA), e que sementa a incerteza sobre a rede actual de centros con formación presencial na que traballan máis de 300 docentes.
- A CIG-Ensino alertou esta mañá en rolda de prensa de que o Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta non contempla o mantemento do actual sistema de ensino público presencial do que forman parte 11 EPAPUS e 106 IES espallados por todo o país, no que se imparten ensinanzas básicas, Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas e ciclos formativos a distancia e en réxime modular.
- A aposta por unha educación de persoas adultas exclusiva ou moi maioritariamente a distancia implicaría un empeoramento da oferta educativa, a desatención de moito alumnado e a perda de moitos postos de traballo de profesorado, tanto nas EPAPU como nos IES con réxime de persoas adultas.
- O sindicato exixe a retirada do anteproxecto de lei e a apertura dunha fase de debate e negociación sobre o futuro do sistema de aprendizaxe de persoas adultas no país, preservando e potenciando as tres modalidades existentes (presencial, semipresencial e a distancia).
A CIG-Ensino fixo unha avaliación esta mañá do Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que pretende aprobar a Consellaría de Educación e que está nestes momentos en fase de consulta no Consello Escolar de Galiza, sen ter pasado previamente pola Mesa Sectorial nin contar coa opinión do profesorado que desenvolve o seu traballo na educación e promoción de persoas adultas. A norma que se presenta derroga a anterior Lei 9/1992, de 24 de xullo, de educación e promoción de adultos e que, no que ten que ver co seu articulado, “resulta moi preocupante”, en opinión do sindicato maioritario no ensino público galego, dado que pretende limitar claramente as opcións de cursar estas ensinanzas de forma presencial e descentralizada por todo o territorio galego e ten un impacto directo tamén no número de docentes e de centros educativos involucrados neste tipo de ensinanzas.
Actualmente, segundo datos da propia Consellaría, hai 10.000 persoas que cursan ensinanzas para persoas adultas no sistema de ensino público en Galiza, entre as que se inclúen ensinanzas básicas, ESA (Educación Secundaria para persoas Adultas) e Bacharelato para persoas Adultas. O centro que concentra máis matrícula deste tipo é o IES San Clemente de Santiago de Compostela, con máis de 2000 alumnas e alumnos entre ESA e Bacharelato, ao que lle seguen as EPAPUS (Centros de Educación permanente de persoas adultas) que ofertan esta formación en réxime presencial ou semipresencial nas outras seis grandes cidades galegas e nos 5 cárceres galegos. Entre as EPAPUS das cidades e o IES San Clemente contabilízanse preto de 7.300 persoas matriculadas, segundo un estudo realizado pola CIG-Ensino.
Sen negociación e sen contraste co profesorado
Unha das principais críticas que lle fai a CIG-Ensino, por boca do seu secretario nacional, Suso Bermello a esta Lei é que se elaborou sen contar en ningún momento co profesorado implicado nin coa súa representación sindical. A pouca información previa que se tivo deste Antoproxecto de Lei foi un anuncio do presidente Alfonso Rueda no Consello da Xunta o pasado 7 de decembro e unha nota de prensa da Consellaría de Educación do pasado 3 de febreiro. “Sorprende que unha norma que pretende derrogar outra de hai 30 anos e que é a única Lei educativa presentada pola Xunta no que levamos de lexislatura pretenda pasar co máximo hermetismo na súa tramitación”, indica Bermello, quen sospeita que as intencións da Xunta son precisamente “cargarse todo o sistema de ensinanzas de persoas adultas que existe actualmente, fundamentalmente a oferta presencial”, e no que, segundo cálculos do sindicato, traballan directamente 300 docentes pero que cos cambios propostos nesta norma podería afectar a un número moito maior de profesorado.
A CIG-Ensino acusa de falta de consideración absoluta co persoal docente á Dirección Xeral de Formación Profesional, que é da que dependen as ensinanzas de persoas adultas e que desde a remuda da persoa que está ao seu cargo non se reuniu nin unha soa vez coas organizacións sindicais. “Esta lei tiña que pasar pola Mesa Sectorial para o seu debate e negociación previa, con tempo para que o profesorado que actualmente traballa nestas ensinanzas puidera facer achegas, como acontece con outras normas de carácter menor como Decretos ou Ordes. O feito de que non fose así, de que ademais a Consellaría pareza que non queira que publicamente se fale moito deste tema e que agora só se dea opción a presentar emendas a través dun órgano consultivo, ao que practicamente nunca se ten en consideración, como é o Consello Escolar de Galiza, fainos pensar que a indefinición e a ausencia total de referencias á rede de centros educativos e ao persoal que traballa neles no anteproxecto de lei non é unha casualidade”, explica Bermello. “Desde o noso punto de vista, e despois de analizar con detalle o articulado da norma, semella que toda a formación presencial que se imparte actualmente de ensinanzas básicas, ensinanzas non regradas e Ensino Secundario e Bacharaleto para persoas adultas vai quedar ou ben totalmente diluída ou ben moi limitada, basicamente aos centros penitenciarios. Isto dedúcese de que en todo o texto só se fai referencia á creación dun novo organismo, o IGALVA (Instituto Galego para aprendizaxe ao longo da vida adulta), que será o que coordine todas estas ensinanzas e que se ofertarán exclusivamente de forma telemática. Esta cuestión foi ademais remarcada polas declaracións do conselleiro apelando a unha suposta maior flexibilidade, a facilitar a formación permanente das persoas que viven no rural e a conciliación da vida familiar e laboral. Pois ben, estas declaracións demostran o pouco coñecemento que teñen os responsábeis educativos do noso país do perfil do alumnado destas ensinanzas: persoas inmigrantes ou en risco de exclusión social, persoas sen rematar as ensinanzas obrigatorias que retoman os estudos despois de moitos anos fóra do sistema educativo, adolescentes con diversas problemáticas que esgotaron as convocatorias para obter o título da ESO... Precisamente se hai unha modalidade de ensino que sexa capaz de recuperar e manter no sistema educativo a este perfil de alumnado é a presencialidade, ou como mal menor a semipresencialidade. A isto debemos engadir a enorme fenda dixital que existe tanto por cuestións socioeconómicas como precisamente por vivir no rural de moito deste estudantado que precisaría dunha maior alfabetización dixital e sobre todo de medios informáticos no seu fogar para poder seguir as clases a distancia”, matiza Bermello.
Para a CIG-Ensino o labor social das ensinanzas de adultos é incalculábel. Neste sentido o máximo responsábel do sindicato insiste en que “o sistema educativo público está precisamente para dar resposta a estas necesidades sociais e a Consellaría con esta lei quere botar por terra, como se dunha multinacional se tratase, todo aquilo que non é rendíbel en termos economicistas e actúa de forma curtopracista. É obriga da administración facilitar tanto a adquisición das ensinanzas básicas (competencias lingüísticas en galego, castelán e linguas estranxeiras ou en matemáticas), como a obtención dos títulos da ESA e Bacharelato ao longo de todo o territorio galego e non limitarse, como parece a intención desta lei, a crear un novo centro que non se sabe nin sequera se vai contar con persoal docente ou con “persoal técnico seleccionado a dedo pola Consellaría”, como xa nos ten acostumados cos últimos centros creados nesta lexislatura, o CIEDIX (Centro de Innovación Educativa e Dixital) e o Centro Galego de Innovación da FP de Ourense, dos que descoñecemos en que termos están funcionando e con que persoal”.
Por outra banda, desde a CIG-Ensino denuncian tamén a opacidade coa que se está a traballar xa no desenvolvemento desta Lei e no Plan do sistema galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que leva aparellado. Segundo puido saber o sindicato nestes momentos estanse elaborando as guías didácticas de materias de Bacharelato para esa nova formación online unificada para toda Galiza, pero tamén doutras moitas materiais, en total máis de 40, que corresponden nalgún caso incluso a ensinanzas artísticas, como as impartidas polos Conservatorios de Música. Para o sindicato é unha incógnita saber cales son as pretensións da Consellaría ao respecto de incluír neste réxime de aprendizaxe ao longo da vida adulta titulacións que nunca antes se impartiran a distancia, como poden ser as ensinanzas de réxime especial (idiomas, artes plásticas e deseño, música e deportivas), algo que se deixa aberto explicitamente na propia lei. Así mesmo, tamén se pregunta se todos os ciclos de Formación Profesional que actualmente se ofertan no réxime modular ou a distancia van ser coordinados polo futuro IGALVA e en que medida vai afectar esta xestión “centralizada” aos centros e ao profesorado que imparte actualmente estes ciclos por todo o país.
Datos e afectación a nivel de centros, alumnado e profesorado desta Lei
Como xa se indicou, non existe no Anteproxecto ningunha referencia ás actuais EPAPU e, fóra do IGALVA, só existe unha superficial mención a “centros colaboradores, tanto públicos como privados” que acheguen as ensinanzas para persoas adultas “especialmente no entorno rural”. No texto só se indica a necesidade de “impulsar itinerarios de aprendizaxe flexibles específicos para persoas privadas de liberdade”, sen ligalos directamente á actual rede de EPAPU que existe en cada un dos cárceres galegos. Ante esta ausencia, que para a CIG-Ensino non é casual, as cifras de centros, alumnado e profesorado afectado por unha limitación destas ensinanzas a medios dixitais e telemáticos e a supresión da actual oferta presencial e semipresencial sería a seguinte, segundo datos recollidos polo sindicato:
DATOS DE ALUMNADO E PROFESORADO NOS CENTROS ESPECÍFICOS DE ENSINANZAS DE PARA PERSOAS ADULTAS DE GALIZA. CURSO 2022/23
Nome |
Concello |
Alumnado matriculado |
Profesorado |
EPAPU Eduardo Pondal |
A Coruña |
Arredor de 950 |
28 |
EPAPU Sta. María de Caranza |
Ferrol |
640 |
22 |
EPAPU Albeiros |
Lugo |
Arredor de 600 |
27 |
EPAPU de Ourense |
Ourense |
Arredor de 700
|
32 |
EPAPU Río Lérez |
Pontevedra |
1062 |
28 |
EPAPU Berbés |
Vigo |
1299 |
29 |
EPAPU centros penitenciarios |
Monterroso, Bonxe, A Lama, Teixeiro e Pereiro de Aguiar |
* |
52 |
IES San Clemente (ensinanzas a distancia) |
Santiago |
Arredor de 2030 |
23** |
TOTAL |
|
7.281 |
241 |
*Nota: Nas EPAPUS das cinco prisións os datos de matrícula flutúan moito ao longo do curso (renovan alumnado cada dous meses), de aí que non se poidan dar datos exactos pero, por exemplo, nestes momentos en Teixeiro hai entre 200 e 250 persoas matriculadas, mentres que en Pereiro de Aguiar hai 35.
** No IES San Clemente hai moitos máis docentes mais só computamos 23 que directamente teñen como función a educación de persoas adultas xa que nos demais casos imparten ciclos formativos de FP.
Como se pode comprobar as necesidades de profesorado cando as ensinanzas son exclusivamente online son moito menores que cando son presenciais ou semipresenciais. Só cómpre comparar o cadro de persoal docente do IES San Clemente que con 23 profesores e profesoras atende unha matrícula de 2030 estudantes co da EPAPU Río Lérez que ten 28 docentes para a metade do alumnado. A transformación destas ensinanzas completamente a distancia e coordinadas desde o IGALVA suporía a desaparición de moitos postos de traballo docentes, ademais da actual rede de EPAPUS nas cidades galegas. Nada se sabe das intencións da Consellaría ao respecto das funcións que desenvolvería o IES San Clemente e o seu profesorado, que xa nestes intres é o centro que está centralizando as ensinanzas de adultos a distancia en toda Galiza.
REDE DE CENTROS DE ENSINO ORDINARIOS QUE IMPARTEN ENSINANZAS PARA PERSOAS ADULTAS
Mais as ensinanzas permanentes para persoas adultas non só se imparten actualmente en centros específicos senón que a Xunta mantén, aínda que cunha tendencia nos últimos anos a eliminar claramente esta oferta formativa, estudos de ensinanzas básicas, ESA e Bacharelato de Adultos distribuídos por IES de toda Galiza. Segundo os propios datos que se extraen da web da Consellaría hai nestes intres 68 centros ordinarios que impartirían este tipo de ensinanzas de forma presencial e que redundan no labor social de atender a persoas en risco de exclusión social, con fracaso escolar, que retoman os estudos despois de moitos anos fóra do sistema educativo -sobre todo mulleres-, mozos e mozas con diverso tipo de problemáticas, tanto de saúde como sociais... Algúns exemplos de centros que destacan, ou ben polo importante nivel de matrícula ou porque dan servizo a un territorio onde non existe outra posibilidade de obter este tipo de formación e titulacións, serían:
- IES Número 1 de Ribeira: 103 alumnos e alumnas que se distribúen do seguinte xeito: ESA 25, 28 en 1º BAC e 50 en 2º BAC, para os que se precisan de 5 docentes en horario completo para a súa atención.
- IES Johan Carballeira de Bueu: 55 alumnado matriculado: 26 na ESA, 7 en 1º de BAC e 22 en 2º de BAC, tamén con 5 docentes con horario completo e outros 4 compartido.
- IES Río Cabe de Monforte: do total de 380 alumnos e alumnas cos que conta o centro teñen unha matrícula de 121 en ensinanzas de adultos, unha proporción moi alta; nalgúns casos familias enteiras de inmigrantes que comezan por ensinanzas non regradas (galego e español para persoas estranxeiras fundamentalmente e despois continúan cos distintos niveis da ESA). En concreto hai 45 persoas en ensinanzas non regradas, 51 na ESA e 25 no Bacharelato de Adultos.
- IES Poeta Añón (Outes): sendo un concello rural e con pouca poboación contan con 19 estudantes na ESA.
- IES María Sarmiento de Viveiro: Teñen 57 estudantes (32 na ESA e 15 en Bacharelato para persoas adultas), unha porcentaxe tamén elevada.
O número de profesorado galego que imparte especificamente nesta oferta educativa nos IES é moi difícil de calcular porque o normal é que teña horario compartido coa oferta ordinaria, mais poderíase afirmar que, xunto co das EPAPUS e do San Clemente roldaría os 300 docentes.
Se sumamos os centros ordinarios que, ademais de ensinanzas para persoas adultas, nestes intres ofertan ciclos de FP a distancia ou no réxime modular -e que a Consellaría inclúe no seu buscador como estudos dirixidos á formación de persoas adultas tamén- o número ascende en toda Galiza a 106 IES, sen contar os centros integrados de FP (CIFP). Dado que na Lei se especifica que tanto as ensinanzas de FP como as de réxime especial van entrar tamén dentro da coordinación que faga o IGALVA para a oferta de aprendizaxe ao longo da vida adulta o número de profesorado afectado por esta transformación en ensino exclusivamente telemático e dixital podería ser moito maior, supoñendo unha redución importante de postos de traballo docentes e deixando o alumnado máis desfavorecido sen opcións de poder asistir presencialmente ás aulas e con moitas menos oportunidades para poder obter titulacións oficiais.
Tendo en conta todo isto, a CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación a retirada do anteproxecto de lei e a apertura dunha fase de negociación para actualizar, no que proceda, o sistema de aprendizaxe de persoas adultas en Galiza, partindo da premisa da permanencias das tres modalidades existentes (presencial, semipresencial e a distancia) e cun reforzo dos fondos destinados ao estudantado que acode aos centros de educación de persoas adultas, tanto para a educación formal como para a non formal, dotando os centros do profesorado e dos medios necesarios.