A Xunta pretende esconder os datos da incidencia da Covid nos centros educativos

A día de hoxe segue sen ter publicado o informe do curso pasado ao que se comprometeu no Consello Escolar de Galiza

Desde o comezo da pandemia a Xunta de Galiza e en concreto a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade mostraron unha total falta de transparencia na comunicación da incidencia nos centros educativos.

No curso 2020/2021, só despois de que a CIG-Ensino comezase a publicar os datos diarios de afectación - obtidos a través da prensa e non da Consellaría - comezou a publicalos, mais sen diferenciar en ningún caso se os casos eran de alumnado, de profesorado ou doutro persoal dos centros educativos.

A Xunta de Galiza vén de dar un paso máis na ocultación dos datos da covid-19 nos centros educativos ao decidir que non se proporcionen de martes a sábado como no curso pasado senón cun único informe semanal. O que manteñen é a falta de información sobre grupos afectados: profesorado, alumnado ou resto de persoal dos centros educativos.

E todo isto ocorre sen que teñamos aínda un informe pormenorizado sobre os efectos da pandemia no curso pasado, un informe por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros, por ratios das aulas afectadas… algo ao que se comprometeu o conselleiro de Sanidade no Consello Escolar de Galiza do 30 de agosto de 2021 en resposta á intervención da CIG-Ensino.

Desde o sindicato volvemos esixir ese informe pormenorizado do curso anterior e que se publiquen diariamente e sectorializados, tanto por tipo de centro como por persoal afectado, os datos da incidencia da Covid neste curso.

 

Volver