A Xunta pecha dous ciclos no CIFP Leixa deixando a comarca de Ferrolterra sen opcións de estudar Promoción da igualdade de xénero
A CIG-Ensino denuncia que se apliquen criterios arbitrarios a respecto do número de matrículas necesarias para decidir a continuidade dun ciclo e reclama transparencia nos datos nas formacións aceleradas e na FP dual intensiva.
A Consellaría trasladoulle ao centro xusto antes da adxudicación definitiva de docentes provisionais para o vindeiro curso, prevista para o próximo luns, que se cancelaba a matrícula no CM de Preimpresión Dixital e no CS de Promoción de igualdade de xénero a distancia, influíndo na redución de persoal e deixando a comarca sen esta oferta formativa.
Malia que a Formación Profesional supostamente é a aposta “estratéxica” da Consellaría de Educación, segundo repiten incansabelmente os seus responsábeis, o certo é que non toda a oferta destas ensinanzas recibe o mesmo trato por parte da Dirección Xeral de FP. En primeiro lugar, a administración actúa con total opacidade ao non publicar o número de prazas ocupadas e liberadas na formación acelerada, concibida a medida das necesidades formativas das empresas, ou da FP dual intensiva. En ambos os dous casos, con carácter xeral, non se chega ao mínimo de matrículas que se estabelece de forma xenérica para o resto de ensinanzas (12 nas cidades e 8 no resto de localidades). É máis, nalgúns casos mantense a oferta con 5 persoas matriculadas, como aconteceu o curso pasado. Os datos desagregados non se poden saber porque a Consellaría de Educación non os publica no apartado da súa web onde vai informando sobre os ciclos e módulos liberados día a día.
Por outro lado, os criterios que se estabelecen sobre o mínimo de matrículas para decidir pechar ou manter un ciclo son totalmente arbitrarios porque, como se pode ver na relación anterior por exemplo nos ciclos medios e superiores a distancia liberados, algúns non chegan ao mínimo esixido e seguen mantendo a oferta de matrícula. A CIG-Ensino defende que se manteña a matrícula en todos eles porque o potencial alumnado destas ensinanzas en concreto toma a decisión de cursalas moitas veces no propio mes de setembro. No caso do CM de Preimpresión dixital do CIFP Leixa de Ferrol contaba con 4 persoas matrículas e 11 reservas. Hai que ter en conta que se trata dun ciclo a distancia que moitas veces é a única forma de cursar esta formación que teñen persoas que xa traballan e que tiña demanda de fóra de Galiza, un gancho que noutras comunidades saben aproveitar moi ben para atraer alumnado a estas formacións. No caso do CS de Promoción da Igualdade de Xénero os datos de matrícula, con 8 formalizadas e 13 reservas, están moi por riba doutros que ciclos que manteñen a súa oferta. A Consellaría castiga unha vez máis estes estudos tan relevantes nun momento en que é preciso cumprir a normativa da Lei de igualdade privando ao alumnado da comarca e doutras zonas de poder cursalos, dado que eran tamén a distancia. A única posibilidade que lle queda ao alumnado interesado, algún ao que só lle restaban dous ou tres módulos para acceder á formación en empresa, é acudir aos centros públicos da Coruña, Pontevedra ou Santiago ou aos numerosos centros privados que o ofertan tanto dentro como fóra de Galiza.

