A Xunta patrocina unha campaña dirixida a alumnado de secundaria e bacharelato sobre o uso responsábel dos móbiles só en castelán

A través duns paneis nos que se chama a atención sobre o uso abusivo de pantallas e móbiles, o inglés e o castelán danse a man nunha serie de xogos de palabras dos que se exclúe o galego.

A CIG-Ensino aféalle ao goberno galego que desprece unha vez máis a nosa lingua desaproveitando unha oportunidade para normalizala nunha campaña dirixida á mocidade e situada en centros educativos, precisamente na franxa de poboación que máis dificultades ten para expresarse no noso idioma.

Esquence de novo a Xunta, cuxo logo aparece nos paneis informativos que levan o lema “Apaga la pantalla, enciente tu vida”, que no artigo 5 do Estatuto de Autonomía se estabelece que “a lingua propia de Galiza é o galego" e que na mesma norma se fai alusión á obriga da Administración de potenciar a utilización do noso idioma en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa dispoñendo dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Na mesma liña, outra das normas básicas sobre a nosa lingua, a Lei de normalización lingüística, ditamina, no seu artigo 6, que os poderes públicos de Galiza deben promover o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa cidadanía.

No ámbito do ensino, até o de agora regulado polo polémico Decreto de Plurilingüismo de 2010, no seu artigo 3, indícase que na Administración educativa e nos centros de ensino sostidos con fondos públicos utilizarase, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarase o seu uso oral e escrito, alén de que se usará, tamén con carácter xeral, nas actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes como actas, comunicados e anuncios.

Máis alá do evidente incumprimento das leis, a Consellería parece burlarse da situación actual que vive a ligua galega en evidente retroceso en todos os ámbitos, pero de xeito especial no do ensino e entre a poboación de 5 a 14 anos, como se desprende dos estudos publicados polo IGE. A CIG-Ensino leva tempo denunciando o devalo da nosa lingua, tanto en uso como en competencia, que se fai máis acuciantes na franxa de idade escolarizada e na que sufriu a aplicación deste Decreto nos últimos 15 anos. Logo, parece insultante que a Administración bote a andar unha campaña desde un centro de ensino na que a lingua empregada é o castelán e na que se utiliza o inglés a xeito de recurso para xogos de palabras como “red”, cos usos de vermello e rede, excluíndo a nosa lingua como se non fose adecuada para as tecnoloxías. Recórdanos esta exclusión ao propio Decreto de Pluringüismo que desterra deste ámbito á lingua galega; incorre a Consellería nun dos moitos e asentados prexuízos sobre a nosa lingua, ao desligala do “moderno”, na conta de traballar, como lle corresponde, no exterminio dos mesmos.

Por todo isto, desde a CIG-Ensino facemos un chamamento á Consellería de Educación para que retire de inmediato esta campaña e rectifique a súa política lingüística no ámbito do ensino para evitar que este sexa un dos elementos máis desgaleguizadores da nosa sociedade.

Volver