A Xunta non acatará as sentenzas que a obrigan a pagar a parte da extra de 2012 até que se pronuncie o Tribunal Constitucional

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) valorará as accións a desenvolver ante esta resposta

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, comunicou este luns ás organizacións sindicais que a Xunta de Galiza non pagará a parte da paga extra de 2012 non abonada indebidamente ás empregadas e empregados públicos mentres non dite sentenza o Tribunal Constitucional. As organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Función Pública de Galiza xa anunciaron, antes de comezar a xuntanza, que de non haber unha resposta favorábel avaliarían, de inmediato, as accións a pór en marcha.

A xuntanza coa conselleira, convocada para as 14:30 horas no edificio administrativo de San Caetano, celebrábase a petición das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da Función Pública. Unha xuntanza que xa tiñan solicitado co director xeral da función pública desde novembro de 2013 e para a que non obtiveran resposta algunha.

O seu obxectivo era saber como pretendía a Xunta de Galiza dar cumprimento ás numerosas sentenzas que a obrigan a devolver a parte indebida da paga extra que non se abonou a todos os traballadores/as públicos/as. Sentenzas que xa saíron publicadas e que son favorábeis para o persoal laboral que depende de Portos de Galiza, do V Convenio da Xunta de Galiza, das tres universidades, tanto para o persoal laboral PDI como PAS, Seaga, Turgalicia ou CRTVG e persoal funcionario do SERGAS e Ensino, de momento.

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) instou a que se faga efectivo xa o pagamento dos salarios deixados de percibir e demandou que se deran instrucións para que todos os organismos e administracións dependentes da Xunta de Galiza procedan xa a facer esta devolución. Fixeron extensiva esta demanda aos concellos, onde tamén hai sentenzas favorábeis e denunciaron os custos que a vía xudicial está provocando á administración, que en moitos casos son superiores ao que custaría facer efectiva a parte correspondente á paga extra de 2012.

Malia isto, a conselleira de Facenda xustificou a súa negativa a acatar as sentenzas argüíndo que a decisión de non abonar a paga extra derivaba dun Real Decreto estatal que obrigaba á Xunta de Galiza a aplicalo e que tiñan orde do Estado de agardar a que se ditara sentenza firme do Constitucional.

 Sinalou, ademais, que a Xunta de Galiza non pode pór en marcha ningunha iniciativa propia porque dependen das decisións que se adopten a nivel de Estado. Porén, si puido o goberno galego, presentar recursos a todas as sentenzas nas que cabía presentalo, tanto as referidas a persoal laboral como a persoal funcionario.

Segundo explica a portavoz da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, “ante isto denunciamos que é unha irresponsabilidade e un abandono das súas funcións como goberno galego depender das ordes que tome o goberno de Madrid”.

CIG-Informa sobre o procemento a seguir LIGAZÓN

López Santamariña sinala que tamén se lle reclamou que fixeran uso das competencias que ten o goberno galego e que se anunciou que, deste xeito, non queda máis remedio que abrir a vía das reclamacións individuais.

Volver