A Xunta manobra para deixar de perder sentenzas por carecer dun Protocolo de acoso para o persoal docente

Onte tivo lugar unha reunión da Mesa Xeral do persoal empregado público

Na orde do día viña unha modificación do Protocolo da Xunta de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, concretamente da claúsula terceira, na que se regula o ámbito subxectivo, de forma que se recolla especificamente que queda excluído o persoal docente.

Cando as representantes da CIG-Administración manifestaron a súa oposición a esta modificación no Protocolo de acoso mentres non se aprobe un específico para o persoal docente, trasladóuselles que xa se acordara na comisión de seguimento do Plan e se traía á mesa como mero trámite.

A CIG-Administración non forma parte desta comisión de seguimento por non apoiar no seu día un plan que carece dunha diagnose correcta e de medidas significativas, pero si aprobou o Protocolo de acoso. Denunciamos que unha vez máis se excedan as competencias dunha comisión de seguimento e nelas se acorden modificacións.

O Protocolo de acoso da Xunta foi negociado no seo da comisión do Plan de igualdade da Xunta, un plan que exclúe especificamente ao persoal docente, pero ante a ausencia dun protocolo propio existen varias sentenzas condenatorias para a administración por incumprir as súas obrigas en prevención de riscos e non ter activado estes protocolos ante denuncias concretas do profesorado.

A CIG-Ensino denuncia que se acometa esta modificación por parte da Xunta para esquivar estas demandas no lugar de urxir á Consellería de Educación a que aprobe dunha vez o protocolo propio. A negociación do Plan de igualdade do persoal docente cumprirá dous anos ao remate deste curso e a negociación do Protocolo contra o acoso comezou no pasado mes de marzo, logo das denuncias e mobilizacións convocadas pola central sindical maioritaria no ensino. Esta manobra o que demostra, unha vez máis, é o desprezo da Xunta e da Consellaría de Educación polo seu persoal docente e o escaso interese por respectarlle os seus dereitos básicos e cumprir a normativa en materia de igualdade.

Agardamos que este movemento non leve a unha nova parálise na negociación.

Volver