A Xunta incumpre a legalidade no horario da ESO do alumnado de Miño para evitar aumentar gastos no transporte escolar

A CIG-Ensino apoia a demanda de profesorado e familias para que o horario do CPI Castro Baxoi garanta as 32 sesións de 50 minutos que son a norma para o alumando da ESO

Unha das condicionantes máis claras do horario dos centros escolares galegos é o orzamento que a Xunta está disposta a destinar ao transporte escolar. É habitual ver horarios en centros educativos sen sentido, especialmente comparados con centros próximos, para aproveitar os mesmos buses en varios centros.

Tal é a supeditación da educación ao transporte escolar que a propia normativa para cambio de horarios non obedece á vontade da comunicade escolar senón ás contas do transporte escolar, podendo deixar sen efecto calquera proposta de cambio, por moi sensato que este sexa e aínda que conte co apoio unánime ou moi maioritario da comunidade educativa.

O extremo desta subordinación dáse no CPI Castro Baxoi do concello de Miño (A Coruña) onde o alumando da ESO non pode contar coas mesmas condicións que o alumando da mesma etapa educativa doutro centros do país: cada semana contan con dúas horas lectivas menos á semana, pola imposibilidade imposta polo transporte escolar. Así, o alumando da ESO deste centro ten só 30 horas lectivas, reducindo a duración das clases para evitar que se deixe de impartir algunha materia, e sendo por tanto inferiores aos 50 minutos que teñen por duración as sesións lectivas en toda a secundaria.

A finais deste curso 2023/24 o centro buscou unha solución e realizou unha consulta ás familias e ao profesorado do centro co gallo de modificar o horario lectivo da ESO, adaptándoo á norma de períodos de 50 minutos e quedando equiparado en entrada e saída ao que Primaria e Infantil teñen no propio centro. A proposta foi amplamente apoiada por familias e docentes.

Trasladada a proposta á Xunta, esta comunicou que non é admisíbel o axuste horario proposto A proposta veu rexeitada da Dirección Territorial aducindo literalmente que non se podía aceptar “ao ser necesarios recursos adicionais aos necesarios para a prestación dos servizos actuais."

A CIG-Ensino exixe unha rectificación e o cumprimento da legalidade en horarios do alumnado

Para a CIG-Ensino, como para a comunidade educativa de Miño, a resposta da Xunta é inasumíbel e identifica claramente cales son as prioridades do goberno galego, vinculando os investimentos en educación a criterios economicistas como é non autorizar un incremento do gasto en transporte, aínda que isto implique incumprir cos horarios lectivos do alumnado e se limiten os dereitos do alumando de Miño. O sindicato maioritario no ensino público exixe unha rectificación da Xunta e afea que se poña como escusa o cambio de responsabilidade no transporte escolar, que coa remodelación do goberno Rueda pasou de Educación a Presidencia, baixo a responsabilidade de Diego Calvo, líder do PP na provincia da Coruña, sobre todo porque esta situación xa se producía cando a responsabilidade do transporte estaba baixo o control de Educación sen que nada se tivese feito para evitar o incumprimento do horario que agora a comunidade educativa quere solucionar. 

Volver