A Xunta, despois de numerosas sentenzas gañadas pola CIG, vese obrigada a pagarnos o subtraído da paga extra de 2013

Unha vez máis fomos capaces, coa campaña que realizamos, cos centos de reclamacións presentadas e as numerosas sentenzas gañadas, de dobregar a Xunta de Galiza

A Xunta de Galiza remitiunos o venres 27 de maio unha proposta de acordo para efectivizar a parte proporcional devindicada do complemento específico da paga extra de 2013. A CIG Área Pública quere lembrarlle á Xunta de Galiza que os acordos son froito dunha negociación e non dunha imposición e que, dende logo, non ten xustificación ningunha facer, a través dos medios de comunicación, un novo engano con marcado carácter electoralista, por parte da administración, aos seus traballadores e traballadoras, no que a CIG non vai a entrar nin colaborar de ningunha maneira.

A Área Pública da CIG demanda á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de presupostos do ano 2013 e que pague integramente o que os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir a parte da paga extra devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013. Consideramos que é unha vergoña e falta de respecto a proposta remitida pola Xunta de Galiza para pagar esa débeda en dous prazos e dous anos (2016 e 2017) o que ven de ser recoñecido por moitas sentenzas

Chama poderosamente a atención a baixa catadura moral da administración dirixida por Nuñez Feijoo a quen non lle tremeu a man para subtraernos ilegalmente parte da paga extra do ano 2013 e agora parece que lle doe para ter que devolver ese diñeiro.

A Xunta vese obrigada, agora, a efectivizar esta débeda, despois de numerosos xuízos gañados pola CIG, cuxas sentenzas a están obrigando a pagar parte da extra do ano 2013.

Por iso, a CIG-Área Pública non entrará a negociar ningún acordo que non recolla o pagamento integro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16, a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.  

Alegacións ao texto remitido:

1.- Non aparece reflectido no texto o persoal da  Administración de Xustiza. Entendemos que no apartado primeiro, despois de “ persoal da Universidade” debería aparecer “… e da Administración de Xustiza”.

Na Lei 2/2013, de 27 de febreiro, de presupostos Xunta de Galiza, vén recollido explicitamente como se realizará a redución nas retribucións para as funcionarias e funcionarios da Administración de Xustiza. No seu artigo 23, di: “As retribucións do persoal dos corpos de  funcionarios e funcionarias ao servizo da Administración de Xustiza, reduciranse, en termos anuais, nunha porcentaxe equivalente á porcentaxe resultante da aplicación do indicado na letra d) do apartado un do artigo 21 da presente Lei. Esta redución aplicarase mediante a dedución do complemento específico e do complemento autonómico transitorio”.

2.-  Punto terceiro, letra f) : Pagamento do adebedado no ano 2013 de oficio nun  único pagamento no ano 2016.

A CIG-Área Pública comunica que non entrará a negociar ningún acordo que non recolla o pagamento íntegro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16 das pagas extras arrebatadas pola Xunta de Galiza ao seu persoal, a  recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a recuperación de acordos sectoriais.

PODES CONSULTAR O TEXTO REMITIDO POLA XUNTA

Volver