A Xunta debe presionar xa o MEFP para que se poidan acumular as prazas das oposicións docentes de 2020 e 2021

Tal e como se acordou na Mesa Sectorial do pasado 30 de abril Galiza debe facer fronte conxunta para que se amplíe un ano máis o RD 84/2018 que fixa o réxime transitorio aplicado ás oposicións só até 2020

A CIG-Ensino xa fixo xestións directas co Ministerio de Educación e xa se puxo en  en contacto cos grupos parlamentarios no Congreso español PSOE, Unidas Podemos e BNG, ao tempo que vai rexistrar emendas ao proxecto de RD de cara á reunión que ten prevista a permanente do Consello Escolar do Estado o próximo 19 de maio.

O sindicato maioritario no ensino público galego vén de remitirlle unha carta á ministra Isabel Celaá para que se aproveite a modificación parcial do Real Decreto 276/2007 co fin de ampliar un ano máis os cambios transitorios introducidos no ano 2018 e que, tal e como se prevé, regulará só as oposicións convocadas con cargo á oferta de emprego do ano 2020. Esta norma transitoria, á que a CIG-Ensino no seu día se opuxo por non dar resposta á necesidade de lexislar con carácter extraordinario un sistema de dobre vía, é a que fixa entre outras cuestións o número de temas que se extraen para a realización do exame teórico ou diversas ponderacións no baremo. Na misiva, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lémbralle á ministra que a única forma de realizar unha convocatoria conxunta que aglutine as prazas das oposicións que a Consellaría de Educación vén de adiar ao ano que vén coas que corresponderían á oferta de emprego de 2021 -e poder facelas cos mesmos criterios de acceso- é prolongando un ano máis a vixencia deste réxime transitorio. 

A maiores a central sindical mantivo contactos cos grupos parlamentarios no Congreso do PSOE, Unidas Podemos e o BNG para conseguir o apoio político a esta demanda que “entendemos que ten perfecto acomodo legal e que está perfectamente xustificada na situación excepcional que estamos a vivir por mor da pandemia da Covid-19 e o decreto do estado de alarma, o que levou a que todas as administracións educativas decidiran suspender a convocatoria de emprego docente até o vindeiro ano”. 

O seguinte paso que vai levar a cabo o sindicato é presentar emendas de cara á reunión da permanente do Consello Escolar do Estado que se vai celebrar o vindeiro 19 de maio e na que esperamos que todas as organizacións sindicais estatais alí representadas se sumen a esta petición, logo de que na Mesa Sectorial de Galiza houbera unanimidade ao respecto. Cómpre salientar que a modificación parcial e transitoria do Real Decreto 276/2007 rematou o pasado 6 de maio a fase de exposición pública e está á espera, entre outros, do ditame deste órgano consultivo do Estado en materia educativa.

 

A Xunta, algo máis que palabras 

Por outra banda, a CIG-Ensino solicita a implicación directa da conselleira, Carmen Pomar, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nesta cuestión. “De nada serve tirar balóns fóra e descansar toda a responsabilidade da imposibilidade de unificar ambas ofertas de emprego no Ministerio e agora non mover un dedo para presionar o goberno central para que cambie de opinión”, comenta Suso Bermello. A Consellaría limitouse a dicir na Mesa Sectorial que esperarían a abrir o prazo de inscrición das oposicións deste ano até que remate o estado de alarma ou a que se produza unha modificación de criterio por parte do MEFP “mais que saibamos non fixo ningunha xestión para conseguir ese cambio”. 

Neste sentido, a CIG-Ensino proponlle á conselleira que aproveite as dúas reunións previstas entre as comunidades autónomas e o Ministerio para insistir na proposta. Por un lado mañá venres 8 haberá unha reunión de altos cargos educativos e o xoves 14 de maio terá lugar unha conferencia sectorial. Se a Xunta quere facer algo estes son un marco idóneo para levar esta proposta que, como seu viu, conta co apoio unánime de toda a Mesa Sectorial educativa e que sería o único garante de que a convocatoria de 2021 non se perda. Algo que ten vital importancia ante o escenario de inestabilidade que se prevé para o próximo curso académico e ante a necesidade de reforzo de profesorado para dar resposta ao incremento das necesidades educativas que se están a producir por mor desta situación excepcional.

Volver