A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra aproba por ampla maioría unha resolución da CIG polo mantemento do Decreto 124 e declarando que non aceptará a diminución da presenza do noso idioma

Decreto 124/2007

O Pleno da Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia de Pontevedra aprobou, por unha ampla maioría, dúas propostas de resolución presentadas pola CIG-Ensino en defensa do noso idioma. Unha delas para esixir o mantemento do actual Decreto 124/2007 que regula o uso da nosa lingua no ensino. Ademais, por medio desta resolución o Plenos da Xunta de Persoal deixa claro que non aceptará recortes na presenza do noso idioma no ensino, a segunda para suspender "simbolicamente" o xuíz de Alcorcón polos argumentos antigalegos empregados na súa sentenza.

A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra aproba por ampla maioría unha resolución presentada pola CIG en demanda do mantemento do Decreto 124 e declarando que non aceptará a diminución da presenza do noso idioma

O Pleno da Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia de Pontevedra aprobou hoxe, por unha ampla maioría, 31 votos a favor sobre 34 asistentes, unha proposta de resolución presentada pola CIG-Ensino esixindo o mantemento do actual Decreto 124/2007 que regula o uso da nosa lingua no ensino. Ademais, por medio desta resolución o Plenos da Xunta de Persoal deixa claro que non aceptará recortes na presenza do noso idioma no ensino.

 
O texto da proposta de resolución aprobada di o seguinte:
 
O Pleno da Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia de Pontevedra acorda reclamar unha vez máis o mantemento do actual Decreto 124/2007 e o seu cumprimento efectivo, por ser un Decreto que parte do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que acadou o máximo consenso posíbel: a unanimidade do Parlamento Galego.
            A Xunta de Persoal manifesta, ademais, que non aceptará unha diminución da presenza do noso idioma no ensino.
 
Deste xeito, a Xunta de Persoal, que representa a máis de 11000 docentes de todos os niveis non universitarios da provincia de Pontevedra, manifesta que non aceptará pasos atrás no uso do idioma, motivo polo que esixe o mantemento do Decreto 124 e ademais o seu cumprimento efectivo, como única garantía de que o noso idioma conte coa presenza mínima que lle corresponde e que no seu día acordou por unanimidade o Parlamento Galego.
 
A CIG-Ensino entende que a Consellaría debe escoitar as reiteradas demandas de mantemento deste Decreto que está a recibir desde distintos sectores, mesmo desde a propia sociedade que tan numerosamente se manifestou o 18 de outubro.
 

Estamos a falar da pervivencia do noso idioma, de aí a radical importancia de manter e incrementar a súa presenza no ámbito do ensino. A CIG seguirá reivindicando o mantemento deste Decreto e esixirá por todos os medios que o goberno cese na súa actitude antigalega e para iso emprenderá cantas medidas entenda oportunas e necesarias.


Resolución

Volver