A Xunta de Persoal Docente da Coruña esixe o cese inmediato do Xefe Territorial e que se aclare a actuación da inspectora no caso da dirección do CEIP Luís Seoane de Oleiros
Desde a CIG-Ensino ínstase á administración a asumir a súa responsabilidade como entidade que contrata á empresa de transportes e a dar explicacións á familia
No día de onte, 6 de outubro, a Xunta de Persoal da Coruña (máximo órgano de representación do profesorado do ensino público na provincia), aprobou por unanimidade solicitar o cese do Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana, e que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da inspectora do centro, Berta Estrada Arias, no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP Luís Seoane de Mera- Oleiros.
A CIG-Ensino considera que unha persoa cun comportamento tan impresentábel e caciquil como o que vén de amosar o Xefe Territorial da Coruña non pode estar á fronte, como cargo político, dun posto de representación. A central entende que coa dimisión forzada da directora o que se pretende é desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á administración, por ser quen contrata as empresas de transporte.
A CIG-Ensino, así como todos os demais sindicatos con representación na Xunta de Persoal da Coruña, consideran moi grave que o Xefe Territorial recorrera a unha acusación de “perda de confianza” cando resulta totalmente inadecuada "porque un cargo directivo ten que merecer a confianza dos órganos de goberno dos centros, claustro e consello escolar, non de cargos políticos".
Para a Xunta de Persoal, detrás deste subterfuxio está a evidencia da falta de motivos para proceder a un cesamento da directora, "algo que se evidencia tamén en que o Xefe Territorial utilizou a inspectora do centro para trasladar esa “orde de que presente a dimisión”, sen pedir nin permitir explicación dos feitos, mostrando unha vez máis o seu talante absolutamente autoritario.
A continuación reproducimos literalmente o texto aprobado.
RESOLUCIÓN APROBADA POR UNANIMIDADE NA XUNTA DE PERSOAL DOCENTE DA CORUÑA:
1.- Esixir que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da señora inspectora Berta Estrada Arias no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP “Luís Seoane” de Mera, esixíndolle a súa dimisión motivada polo lamentable erro da empresa de transporte escolar ao esquecer un alumno de educación infantil no autobús durante toda a mañá do día 29 de setembro.
2.- Esixir o cese inmediato do Sr. Indalecio Cabana Leira como xefe territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade na provincia da Coruña, pola súa actuación neste caso no momento actual tan complicado que esixe responsábeis políticos con templanza.
3.- Restituír nos seus postos ao equipo directivo cesado do CEIP “Luís Seoane”.