
A Xunta consuma a intención de controlar as actividades e colaboracións externas dos centros educativos mediante a inspección
Nas instrucións publicadas no DOG inclúese como novidade que se deberá dar conta á inspección das actividades que non estivesen aprobadas na Programación Xeral Anual, algo que non figura no Regulamento Orgánico dos Centros nin nas ordes que os desenvolven
A CIG-Ensino rexeita que a administración non dera marcha atrás na súa intención, esixe que se retiren estas instrucións e que se leven á Mesa Sectorial para debater todo o que atinxe ao papel do profesorado. Así mesmo, amosa a súa sorpresa porque se fundamente o uso do concepto “neutralidade ideolóxica” citando a LODE, unha lei educativa do ano 1985, e á que nunca se recorreu nin sequera nos mandatos de Fraga desde o ano 1989, á vez que non se mencione ningún artigo da actual lei en vigor, a LOMLOE. Dado que esta afronta se suma ás últimas decisións de non convocar as prazas de atención preferente nin as licenzas por formación retribuídas e de adiantar o comezo do curso escolar, a CIG-Ensino anima ao profesorado a defender a súa dignidade profesional e dereitos laborais acudindo á concentración diante da Consellaría o vindeiro 25 de xuño ás 12 da mañá.
Confírmase que o goberno de Rueda é o máis reaccionario de todos os que presidiu o Partido Popular na Xunta de Galiza. Desouvindo a oposición frontal de toda a comunidade educativa e saltándose a legalidade en canto a non someter a negociación unhas instrucións que afectan ao traballo do profesorado, o texto publicado no DOG vén a confirmar que non só non houbo rectificación senón que se lanza a pretensión de que sexa a inspección educativa a encargada de controlar que nada se escape do que a Consellaría de Educación entende por “neutralidade ideolóxica” nas actividades complementarias. Chama poderosamente a atención que no artigo quinto se xustifique o concepto da “neutralidade ideolóxica” coa Lei orgánica 8/1985 para fixar que tanto estas como as colaboracións externas que se realicen nos centros educativos “se farán con suxeición aos principios constitucionais, garantindo a neutralidade ideolóxica". A necesidade de xustificarse diante da reacción sindical e social chega ao extremo de que esa mesma xustificación figura nunha infografía que a propia Consellaría divulgou a modo de resumo das “principais novidades” destas instrucións. Pero ademais desta inclusión, que xa avanzaran os responsábeis da Consellaría, a principal novidade é que se concreta como se fará este control.
En que consiste o cambio?
- Fíxase un novo nivel de control sobre a normativa legal que figura nas ordes que desenvolven os ROC, pretendendo limitar a autonomía pedagóxica dos centros: até agora figura a aprobación da dirección de calquera cambio na PXA, informando ao Consello Escolar, o que se recolle nos ROC de CEIP e CPI (no caso dos IES non había ningunha mención). Agora indícase que tamén debe ser informada a Inspección.
- Onde até agora os motivos para os cambios se definían como excepcionais agora se indica que deben ser moi excepcionais.
A intención de control político ficou clara na presentación dos cambios realizada polo conselleiro, presentando o cambio como unha novidade principal e non como unha cuestión burocrática, centrando toda a atención mediática e social da súa comparecencia. Para a CIG-Ensino púxose de manifesto desde o primeiro momento que, unha vez máis, Román Rodríguez pretendía empregar a inspección educativa como elemento de fiscalización e de control do profesorado, en lugar de fomentar que traballe en colaboración con este para afrontar todos os desafíos do sistema educativo.
Que sentido ten que se faga unha referencia á Inspección e se lle dea esa importancia por parte dos cargos políticos da Consellaría, cando é un documento ao que toda a comunidade educativa debe ter acceso? Para a CIG-Ensino non hai dúbida: lanzar unha mensaxe de advertencia e control a direccións e profesorado.
Para o sindicato maioritario no ensino público está claro que obviar leis máis recentes e que foron derrogando as anteriores, como a LOMLOE, introduce o principal nesgo ideolóxico nestas instrucións. “A Consellaría é a primeira que fai ideoloxía”, apuntan, “ao non citar, por exemplo, artigos tan relevantes da actual lei educativa en vigor como os seguintes”:
Artigo 1: Principios da educación
«c) A transmisión e a posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación.»
Artigo 2: Fins da educación
«b) A educación no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, relixión, convicción, idade, de discapacidade, orientación ou identidade sexual, enfermidade, ou calquera outra condición ou circunstancia.»
«e) A formación para a paz, o respecto aos dereitos humanos, a vida en común, a cohesión social, a cooperación e solidariedade entre os pobos, así como a adquisición de valores que propicien o respecto cara aos seres vivos e os dereitos desenvolvemento sustentable.»
«k) A preparación para o exercicio da cidadanía, para a inserción na sociedade que o rodea e para a participación activa na vida económica, social e cultural, con actitude crítica e responsable e con capacidade de adaptación ás situacións cambiantes da sociedade do coñecemento.»
Onde quedaría a autonomía pedagóxica dos centros?
Outra cuestión que alerta a CIG-Ensino destas instrucións é que a Consellaría omite a lexislación para o que non lle interesa. Hai múltiples referencias legais á “autonomía pedagóxica dos centros” que se están a poñer en cuestión con estas instrucións, desde leis orgánicas como a LOE ou a LOMLOE a toda a normativa galega que a desenvolve . É precisamente esta autonomía pedagóxica dos centros a que se pretende limitar e poñer en cuestión. Por iso, a CIG-Ensino anima ás direccións dos centros e aos consellos escolares, en quen a normativa legal de rango superior a estas instrucións fai recaer a responsabilidade dos cambios, a que sigan actuando exactamente como o viñeron facendo até hoxe, coa mesma profesionalidade e rigor á hora de aprobar os cambios necesarios na PXA, mantendo viva e dinámica a organización das diferentes actividades dun centro educativo.
Ao tempo, o sindicato chama ao profesorado a que cando considere que se está producindo calquera inxerencia por parte da administración educativa que atente coa autonomía dos centros e coa súa liberdade de cátedra se rebele contra esa censura, defendendo a dignidade profesional que se quere poñer en cuestión. A CIG-Ensino non consentirá ningunha intervención política por parte da Consellaría e apoiará aos centros e ao profesorado diante de calquera intento de laminar a función docente.
A autoridade pública do profesorado sen protocolos definidos é papel baleiro
Algo que tamén se constata no texto publicado no DOG é que a Consellaría, ao contrario que na censura que busca todos os subterfuxios para implantala como sexa, no caso de “reforzar a autoridade pública do profesorado” fronte a problemas que se poidan producir con familias ou alumnado non sistematiza cales son os mecanismos para defenderse. A constatación disto é que leva transcorrido un ano desde o inicio da negociación do Plan de igualdade e nin sequera comezaron os traballos para elaborar o Protocolo de acoso, que sería unha das ferramentas onde se detallarían os pasos a dar nunha situación deste tipo. Así pois, trátase dunha redacción meramente declarativa e baleira de contido pero sen accións concretas.
Novidades en infantil e na atención á diversidade
Un exemplo patente de que estas instrucións deberan ser negociadas coa representación sindical porque afectan ás condicións de traballo docentes é o que se inclúe a respecto dos apoios en infantil. En concreto dise literalmente no apartado 8.2:
“Os especialistas con dispoñibilidade horaria no seu horario lectivo poderán apoiar o labor da titora ou titor de educación infantil. O centro poderá xestionar este apoio de diferentes formas -desde unha docencia compartida, unha docencia individual ou mesmo unha combinación das mesmas-”. Este apartado é unha novidade ao respecto do que se viña facendo até agora e a CIG-Ensino reclama que antes da súa aplicación se debata na Mesa Sectorial.
Por último, no que ten que ver coa atención á diversidade tamén hai novidades salientábeis. No artigo 34 deixa nas mans da dirección do centro adaptar ou adecuar o horario do persoal especialista de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe ao longo do curso académico pero non se indica nada de que se teña que ter en conta o criterio do departamento de Orientación que sería quen debe realizar esta proposta, a xuízo da CIG-Ensino. O sindicato tamén solicita que se indique, como se fai na orde que regula o calendario escolar, que calquera modificación do horario do profesorado debe respectar a distribución horaria e a quenda de traballo, sen prexuízo da existencia dun acordo entre a dirección e cada profesor ou profesora.
A central sindical nacionalista solicita tamén a retirada do artigo 36 porque non é de recibo estabelecer nunha norma que alumnado ten máis ou menos necesidade de adaptación curricular ou de apoio de PT e AL nin explicitar que “só se aplicarán estas medidas excepcionalmente a alumnado con necesidade específica de apoio educativo”, polo que practicamente blindan que non van fornecer recursos humanos para este tipo de casuísticas (alumnado estranxeiro, altas capacidades..)
Regulación das reunións telemáticas
Nas instrucións tamén se regulan as condicións para as reunión telemáticas, nas que se indica que unha vez que sexan aprobadas por parte do claustro, e por maioría dos membros de cada órgano de coordinación, estabeleceranse normas propias, pero que deberán incluír varios aspectos, entre as que destaca que “as persoas participantes nas sesións telemáticas deberán dispoñer de medios tecnolóxicos propios”. Para a CIG-Ensino este apartado debe ser retirado, e indicar que sempre se proporcionarán os medios tecnolóxicos necesarios ou a posibilidade de seguir a reunión desde o propio centro educativo. O EBEP así o recolle no seu artigo 47bis no que se regula o teletraballo, onde se indica “que terá carácter voluntario” e que “a Administración proporcionará e manterá ás persoas que traballen nesta modalidade, os medios tecnolóxicos necesarios para a súa actividade”.
Negociación e non imposición!
A CIG-Ensino entende que a única solución ao malestar provocado pola propia Consellaría pasa por retirar as instrucións e convocar con carácter de urxencia unha Mesa Sectorial onde debater estas instrucións en todo aquilo que implica ir máis alá da normativa superior.
Novas relacionadas
