A Xunta avanza un paso máis cara a total privatización da FP coa contratación de profesorado asociado das empresas

Rueda avanzou hoxe esta medida como unha das principais novidades do novo Decreto galego de FP, no que o sector privado terá aínda máis peso en “actuacións de innovación e investigación, difusión e acreditación da experiencia”.

A Consellaría de Educación quere desmantelar por completo as ensinanzas públicas de FP. Ao incremento exponencial nos últimos anos da oferta privada de ciclos e da oferta dual intensiva, na que as empresas deciden mediante entrevistas que alumnado ten dereito a formarse e cal non, o anuncio de hoxe de Rueda no Consello da Xunta supón a afronta definitiva ao único piar que sustentaba o carácter público destas ensinanzas: o seu profesorado. A Xunta, moi crítica co Ministerio, adopta pola contra como medida estrela a máis lesiva das que incorporaban a LOFP e o RD 659/2023: a contratación de profesorado “asociado” procedente do mundo privado para a impartición de Másteres de FP e cursos de alta especialización.

O desprezo polo profesorado de Formación Profesional da Consellaría de Educación e da Xunta de Galiza chega a límites insólitos. Se a semana pasada Rueda e Rodríguez presentaban por duplicado a oferta formativa do vindeiro curso sen previo contraste coa representación sindical na Mesa Sectorial, único órgano de negociación sobre todo o que lle afecte ás condicións laborais ao persoal docente, hoxe o presidente da Xunta volveu utilizar estas ensinanzas como principal foco de propaganda do seu goberno. Esta vez, ademais, o anuncio supón a aldraxe definitiva contra o profesorado destas ensinanzas dos centros públicos, por quen Rueda amosa un profundo desprezo ao presentar como medida estrela do novo Decreto galego de FP, e así o resalta na nota de prensa publicada polo seu gabinete, a contratación de profesorado asociado “similar ao da Universidade”. É dicir, que lonxe de apostar pola formación e actualización do persoal docente do ensino público que está en reciclaxe constante e conta tanto con formación pedagóxica como con experiencia profesional previa e docente, o goberno da Xunta vai optar por contratar “persoal de recoñecido prestixio ou que preste os seus servizos en empresas e entidades de importancia significativa para os sectores produtivos galegos para impartir ofertas de másteres de FP e de alta especialización e para que apoien accións de investigación e innovación”. Esta decisión lanza unha mensaxe que a CIG-Ensino cualifica como “terrible” á sociedade e ao alumnado destas ensinanzas: o profesorado do ensino público que, cómpre lembrar, pasou un proceso de concurso-oposición ou reúne uns requisitos de titulación e de formación pedagóxica concretos, está familiarizado con toda a burocracia e trámites aos que o somete a administración e está en constante actualización, non ten nin prestixio nin valía suficiente para impartir as titulacións máis especializadas. Si semella que á administración o seu persoal lle serve para encargarse do alumnado da FP básica, de CM e de CS, así como para buscarlles, tal cal meras ETTs, a man de obra que van empregar, máis que formar, as empresas para a nova dual xeral e a dual intensiva.

Este anuncio ademais é tremendamente confuso porque, tal e como se extrae na información facilitada aos medios, semella que esta nova figura é diferente ás que xa contemplaba a normativa estatal: a de persoa experta do sector produtivo e persoa sénior da empresa próxima á xubilación ou en situación de prexubilación. No comunicado da Xunta indica que os propios centros poderán realizar propostas para contratar este tipo de profesionais aos que, lembremos, no RD do Estado permíteselle compatibilizar un traballo público cun privado e que non teñen, en ningún dos dous casos nin que contar cunha titulación afín á especialidade que van impartir nin coa formación pedagóxica requirida para dar clase. O que si semella esquecer a Consellaría que se cumpra o condicionante incluído no RD 659 de que se recorrerá á primeira figura “unha vez esgotadas as vías ordinarias para garantir a docencia”, é dicir unha vez rematadas as listaxes de substitución dunha especialidade. No caso da segunda, o RD estatal especificaba que “se entende por persoa experta sénior quen se poida acoller a unha redución parcial de xornada na empresa ou organismo equiparado nos anos previos á súa xubilación, ou que estea acollido a xubilación parcial, flexíbel ou coas características que puideran ser compatíbeis co desempeño das tarefas contempladas no centro de formación”. Para a CIG-Ensino é totalmente anacrónico que unha persoa que se acolla á xubilación parcial no seu posto de traballo pretenda desempeñar outro no ensino público do que descoñece absolutamente o seu funcionamento, dado que dar clase implica programar, deseñar actividades de ensino-aprendizaxe, xestionar un equipo humano...

Así pois, queda claro polo que opta a Xunta con esta decisión. En lugar de favorecer con condicións dignas a profesión docente, mediante a recuperación horaria previa aos recortes, a eliminación de trámites absurdos de Educalidade, a autorización de desdobres naqueles ciclos máis técnicos, a redución de ratios sobre todo na FP básica… decántase por pagarlle a persoas da empresa privada para que impartan clase como se só ter coñecementos sectoriais fose suficiente para exercer a docencia.

Ademais de todo isto, a CIG-Ensino amosa o seu total rexeitamento a que sexan as direccións dos centros, sen mecanismos públicos e transparentes, quen poidan propor as persoas que van ser contratadas. O panorama está claro. O profesorado do ensino público sobra e o que queda ficará a todos os efectos a mercede das empresas. Estas figuras alleas ao sistema educativo impartirán clase mentres que toda a parte burocrática, de administración, de busca e relación coas empresas lle acabará correspondendo ao profesorado que, ademais, será cada vez menos necesario neste entramado porque, alén disto, tamén terá máis peso o ámbito empresarial en cuestións como a acreditación de competencias profesionais. 

Necesidade dunha resposta docente contundente 

O sindicato nacionalista denuncia que, unha vez máis, a representación lexítima do profesorado vai ser a última en coñecer o borrador deste Decreto pero neste caso a falta de negociación e de democracia por parte da Consellaría pasa a un segundo plano fronte ao intento de entregarlle definitivamente ao mundo empresarial as ensinanzas de FP. Desde a CIG-Ensino faise un chamamento ao persoal docente do ensino público a rebelarse contra esta medida e contra todo o que teña que ver coa implantación do novo Decreto que claramente resulte lesivo tanto para as nosas condicións de traballo, como para a calidade da formación que recibe o alumnado como para a dignificación da nosa actividade. O éxito da Formación Profesional dos últimos anos débese na súa totalidade á profesionalización da función docente e aos e ás magníficas profesionais que sustentaron estas ensinanzas malia os múltiples cambios lexislativos. Ao igual que no caso do intento de control e censura ideolóxica nos centros, o profesorado debe dicir “Non ao aniquilamento e á privatización da FP”.

Volver