A Xunta aproba o Decreto Galego de FP de costas ao profesorado e destacando a creación da figura do profesorado asociado que vai incidir na privatización destas ensinanzas

O propio presidente Rueda sinalou a creación desta figura, inédita no Estado, como unha das principais novidades dunha normativa que non tivo en conta ningunha das 36 emendas presentadas pola CIG-Ensino no Consello Escolar de Galiza nin na Mesa Sectorial.

O sindicato tamén critica que se incida na oferta de formacións aceleradas orientadas a satisfacer as necesidades de empresas concretas, que este curso tiveron moi pouca demanda de alumnado, mentres hai listaxes de agarda en ciclos formativos ou escasa oferta pública en todo o territorio. Pola contra, denuncia que a oferta privada non para de medrar en Galiza (un 60% máis na última década) e a inspección educativa non controla os requisitos tanto do profesorado como dos espazos e material técnico necesarios para a  impartición destes ciclos.

 

O Decreto que vai acabar de privatizar o único que de momento quedaba na FP sen que estivese controlado polas empresas, a docencia, acaba de ser publicado no DOG despois de ser aprobado no Consello da Xunta por un goberno que non oculta para nada cal é a súa intención con estas ensinanzas: convertelas nunha extensión do sector empresarial abandonando o carácter educativo como a súa principal razón de ser. Na nota de prensa publicada polo gabinete da presidencia da Xunta destácase que esta norma vai permitir “avanzar na innovación aplicada ao emprendemento ata adaptar a estrutura e organización da formación profesional ao mercado laboral en Galiza, articular a colaboración público-privada neste ámbito ou impulsar o recoñecemento de novas figuras profesionais/docentes”. Nesta frase resúmese pois a intención do Partido Popular, manifestada hai anos a través da Fundación FAES, a respecto da formación profesional: convertela nunha xeradora de persoal autónomo fomentando o “emprendemento”, fornecer a formación que precisan as empresas para a súa “man de obra” e que deberían proporcionar elas mesmas, como está acontecendo coas formacións aceleradas postas en marcha este curso con escasa demanda por parte do alumnado e que aínda así se manteñen mentres outros ciclos con gran demanda non se ofertan, e introducir persoas do sector privado como docentes no sistema público, sen requirirlles nin titulación específica, nin formación pedagóxica, nin por suposto ter que pasar por un sistema selectivo no que se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade.

O propio Rueda na súa comparecencia de prensa destacou precisamente como unha das principais novidades deste Decreto “a creación da figura do persoal asociado e investigador, semellante ao existente na universidade”. Porén, a diferenza é salientábel coa universidade, sobre todo se se ten en conta, por exemplo, os requisitos esixidos para o profesorado asociado nas Facultades sanitarias.

No texto final do Decreto galego de FP, que pasou polo Consello Escolar de Galiza e pola Mesa Sectorial sen que se tivera en conta ningunha das achegas da CIG-Ensino, non se inclúe ningún requisito específico para esta figura, nin tampouco para a de persoal experto do sector produtivo nin o sénior de empresa que, cómpre lembrar, poderán ser contratados por elección das direccións dos centros para impartir os títulos de alta especialización e graos E, levar a cabo a actualización dos currículos e outras tarefas de innovación e investigación. É dicir, impartirán docencia nos cursos nos que menos problemáticas existen (nin AFD, nin FP Básica, nin CM, nin modular, nin distancia...) e, por suposto, non terán que preocuparse de toda a carga burocrática que abafa a formación profesional desde hai anos: programacións e programacións de empresa, Educalidade, titorías, busca de empresas, seguimento da formación en empresa, acreditación de competencias, presentación de proxectos para a busca de financiamento, asistencia ás Skills, FP Innova, participación no Innovatech... O feito de que estes tres profesionais poidan compatibilizar a activida pública e privada sen ningún tipo de penalización vai supor tamén unha importante fonte de conflito nos centros educativos, dado que ao persoal docente non lle está permitido pola lei de incompatibilidades. 

A CIG-Ensino presentara emendas aos artigos 48, 49 e 50 que prevén a creación destas tres figuras, a do profesorado asociado nin sequera contemplada na normativa básica estatal (o RD 659/2023 polo que se estabelece o sistema da formación profesional) por consideralas un ataque directo ao verdadeiro factor que está detrás do éxito e prestixio destas ensinanzas: a profesionalización da función docente.  

Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta Rueda destacou que o profesorado asociado “serán persoas que conten cun recoñecido prestixio profesional ou presten os seus servizos en empresas e entidades de importancia significativa para os sectores produtivos galegos e que apoien accións de investigación e innovación aplicada nos centros en que dean clase, así como no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros”. Esta afirmación, tamén recollida literalmente na norma, supón unha ofensa dado que o goberno galego non lle recoñece “prestixio profesional” ao seu persoal docente nin considera que este preste servizos nunha entidade “de importancia significativa” como son os centros de ensino públicos. No caso das persoas expertas do sector produtivo remarcan que “teñen dominio específico no ámbito do seu sector produtivo” e, por último, o persoal sénior de empresa serán profesionais “nos anos previos á súa xubilación, ou acollidos/as á xubilación parcial e que poderán contratarse para cubrir as necesidades de formación na FP ou para garantir a permanente actualización do currículo”, dúas accións para as que tampouco parece capacitado o profesorado en activo da Consellaría, pero si persoas a piques de xubilarse no sector privado.

Un Decreto que “rematará” a calidade da FP e que desatendeu as demandas do profesorado

O Decreto 20/26 publicado no DOG o pasado 25 de marzo derroga o Decreto 114/2010 estará en vigor a partir de setembro do curso que vén. A CIG-Ensino solicitou reiteradamente unha Mesa Sectorial específica para tratar aspectos que son de plena competencia da Consellaría de Educación e que lle traslada o profesorado desde os centros, entre o que hai a visión unánime de que a reforma da Formación Profesional “rematará” coa calidade destas ensinanzas. Así, o persoal docente entende que o alumnado que titulará este curso sairá peor formado que o de promocións anteriores tanto pola rebaixa do horario dos módulos estritamente profesionais como pola decisión da Consellaría de non incluír un módulo optativo profesional de 90 horas en lugar dos dous que non permiten nin afondar nas competencias profesionais nin mellorar o dominio do inglés porque apenas suman entre eles 50 horas de docencia no centro educativo. A decisión de dualizar os módulos de competencias básicas e os dous optativos, a elaboración de programacións de empresa totalmente ficticias e a non adaptación da normativa á formación modular tanto presencial como de distancia foron tamén causa de fondo malestar entre o profesorado ao longo deste curso.

A Dirección Xeral de FP actuando con total soberbia continuou a tramitación desta normativa desoíndo o que é un clamor entre o profesorado destas ensinanzas e abocándoas a perder o prestixio que tanto custou conseguir a nivel social e académico nos últimos anos.  A Consellaría gábase na nota de prensa despois da súa aprobación precisamente destas decisións ao resaltar que “parte das novidades, como por exemplo a implantación da FP dual intensiva, o incremento das horas de formación práctica e os novos módulos, que duplican en Galicia o inglés na FP, xa funcionaron o curso pasado e este”.

Ante unha nova afronta máis á calidade do ensino público, neste caso na Formación Profesional, a CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado desta etapa a sumarse a todas as mobilizacións convocadas este curso para rexeitar a política educativa da Consellaría, así como para esixir respecto e dereitos. Se hai un colectivo docente ao que os bandazos normativos, o nivel de esixencia e de actualización profesional e a privatización atroz está poñendo ao límite a súa capacidade de resistencia este é o profesorado de FP. Agora, cun Decreto que ataca directamente a docencia, é preciso máis ca nunca alzar a voz contra unha Consellaría que só emprega estas ensinanzas con fins propagandísticos pero sen ter en conta o seu principal axente, o profesorado, nin a súa opinión nin criterio para a elaboración normativa. Por iso, o día 28 de abril o persoal docente de FP debe secundar masivamente a sexta xornada de folga deste curso para elevar as súas reivindicacións laborais e esixir recoñecemento e valorización profesional.

CIG-Informa sobre a aprobación do Decreto Galego de FP

Documento


Volver