A CIG-Ensino demanda unha solución aos contratos de investigación dependentes da Universidade.

Tras xestións realizadas coa Secretaría Xeral de Universidades o sindicato puido saber que se abordou a situación dos contratos do persoal investigador coas tres universidades e que mañá se detallarán os acordos para cada unha das categorías

Tras as dúbidas e incertezas xeradas pola repercusión que podía ter a declaración e a continuidade no tempo do estado de alarma nas condicións laborais do persoal investigador que traballa actualmente en Galiza, a CIG-Ensino vén de facer xestións coa Secretaría Xeral de Universidades, quen lle adiantou que entre hoxe e mañá habería novidades ao respecto. Segundo puido saber o sindicato levarónse a cabo reunións de coordinación entre a Xunta, a través das distintas áreas con competencia no ámbito científico, tecnolóxico e investigador, as tres universidades e outros organismo científicos radicados en Galiza que chegaron a "acordos favorábeis" para este persoal que, nalgúns casos, estaba pendente de ver se se prorroga o seu contrato máis alá do mes de xuño, como ocorrería de non estar inmersos nesta situación excepcional.

A Secretaría Xeral de Universidades avanzou que hoxe se coñecerían os resultados deses contactos e mañá se publicarán máis detalladamente as repercusións para as distintas categorías de persoal investigador existente no noso país. Para a CIG-Ensino a única solución válida era a prórroga de todos os contratos do persoal investigador, tanto do que traballa a cargo de Proxectos de Investigación como dos distintos programas de Recursos Humanos (pre e post doutorais), como finalmente vén de acordarse, aínda que haberá que agardar a coñecer mañá a "letra pequena" para cada unha das modalidades de investigación. 

Volver