
A Xunta adebédalles aos centros públicos escolares preto de 4 millóns de euros para o funcionamento dos comedores escolares
A Consellaría de Educación segue sen pagarlles aos centros os orzamentos correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro de 2012
Esta actuación evidencia unha vez máis o desleixo da Consellaría de Educación co ensino público que non dubida en malgastar diñeiro público para atacar a nosa lingua recorrendo sentencias ao Tribunal Supremo, facer publicidade innecesaria, destinar 3 millóns de euros a centros que segregan alumnado por aula, aportar 250 millóns de euros ao ensino privado concertado, entre outros. Ao tempo, a Consellaría non asume as súas obrigas cargando sobre as costas dos centros as incompetencias e as consecuencias dos múltiples recortes que está aprobando e aplicando.
A CIG-Ensino esixe o pago inmediato das cantidades que se lle adebedan aos centros, xa que do contrario obrígaos a non facer fronte aos provedores ou ben a facer fronte aos pagos mediante partidas destinadas a outras funcións. Con este comportamento a Consellaría incita aos centros a que teñan que usar mecanismos inapropiados para manter o funcionamento do comedor.
Baixo ningún concepto imos aceptar que a Consellaría de Educación deixe de pagar esta cantidade aos máis de 409 centros que dispoñen de comedores de xestión directa, xa que suporía a imposibilidade de funcionar os comedores nos próximos meses. Ademais o atraso nos pagos pode levar consigo que a calidade do servizo empeore.