A verdadeira avaliación do sistema educativo galego é a que fai o profesorado e que a Xunta leva ignorando 17 anos

Como aconteceu no caso do informe sobre o uso do galego, o balbordo arredor das probas PISA vén a confirmar que son as administracións con competencia directa as responsábeis de reverter tendencias que a sociedade advirte moito antes da súa publicación.

A Consellaría de Educación non levou a cabo ningún procedemento de avaliación, revisión nin de rendición de contas a respecto da súa política educativa desde a chegada de Feijóo en 2009, e moito menos de rectificación, malia que agora este avogue cinicamente por emendar algunha das súas grandes apostas en Galiza só co fin de chegar á Moncloa. Queda claro, unha vez máis, que a Educación para a Xunta é un xogo de dobre cara: privatización e partidismo, sen facer unha aposta de país real por un sistema garante da equidade e da prosperidade social.

As eivas do sistema educativo galego non nacen porque aparezan salientadas por un informe como o PISA, exemplo desde hai décadas de como a OCDE, un organismo sen control democrático, intenta conformar e homoxeneizar as políticas educativas dos estados membros. A realidade da educación en Galiza, que padece as políticas educativas do PP no goberno desde hai décadas, coñécea perfectamente o profesorado galego e evidénciaa continuamente a CIG-Ensino. No sindicato levamos anos apostando por un modelo de avaliación do sistema educativo que vaia á raíz dos problemas e parta de todos os factores que condicionan o día a día nas aulas. De pouco serve centrarse durante uns días no que di ou deixa de dicir o informe PISA, de analizar os seus resultados e mesmo sospeitar deles, se non existe unha análise en profundidade da xestión educativa e mecanismos de rendición de contas e resultados precisamente por parte de quen é responsábel político da Educación dun país. De nada serviría esa revisión sen contar coa propia voz do conxunto da comunidade educativa involucrada e, nomeadamente, o profesorado. Nada disto acontece; nada se avalía, nada se revisa, non se renden contas, e cando os resultados non favorecen a un ou outro goberno, dispárase ao contrario e tirase para adiante até o próximo informe. 

Esta é a realidade que vivimos no ensino galego; un goberno con plenas competencias en Educación que se desentende de calquera crítica sindical, de calquera denuncia de familias ou profesorado ou de calquera informe negativo. Unha Xunta sen iniciativas, sen mecanismos de corrección, instalada en papanatismos de suposta modernidade até que a realidade lle dá unha cotenada nos fociños; e cando a recibe xa vemos como enseguida entoa a consabida “a culpa é da LOMLOE”. Nun tempo no que a mentira e o descaro da manipulación están no día a día da política institucional, a Xunta cumpre co manual: negar calquera responsabilidade e seguir actuando como se todo fose correcto.

Eis algunhas consideracións que a CIG-Ensino considera relevantes sobre o debate actual ao redor do informe PISA e, especialmente, sobre a realidade do sistema educativo galego que o documento deixa coas costuras ao aire: 

  • O informe PISA non responde a uns criterios pedagóxicos postos en común desde unha perspectiva académica, profesional e cun importante enfoque social cos diferentes colectivos que integran a comunidade educativa. O deseño e implementación do informe PISA é acriticamente aceptado polos estados membros da OCDE e os seus resultados son enxalzados como guía de actuación a medio e longo prazo, converténdose nun mecanismo que condiciona as súas políticas educativas. Alén disto, as mostras non son o suficientemente representativas para ditar sentenzas, só tendencias, sen ter en conta variábeis fundamentais como o investimento en Educación ou as políticas levadas a cabo neses catro anos en cada territorio. Canto persoal docente galego en activo nos últimos 15 anos traballou en centros nos que se levaran a cabo as probas PISA? 
  • A falta de protagonismo do profesorado: nin a OCDE como superestrutura gobernamental nin os diferentes gobernos escoitan o profesorado e teñen en conta a súa diagnose da realidade da escola do día a día. O profesorado galego, o de todo o Estado mais tamén practicamente todo o profesorado a nivel mundial, leva anos incidindo nas críticas que, sen ir máis lonxe, a CIG-Ensino considera como elementos fundamentais para entender o fracaso das políticas en materia educativa: recortes en persoal, aposta pola privatización, falta de recursos para atender á diversidade (aspectos que redundan na perda de equidade), falta de políticas centradas na propia realidade (que no caso galego ten a ver con unha escola rural que desaparece e reforza o seu abandono), a burocratización do ensino e o traballo impropio do profesorado, a pésima formación continua oficial promovida pola Consellaría no caso galego ou a desconsideración profesional do traballo docente. O cinismo unha vez máis de quen goberna a Xunta non ten límite. Mentres fala de reforzar a autoridade do profesorado, a Consellaría desposúeo de toda liberdade, como por exemplo coas instrucións da suposta neutralidade ideolóxica. 
  • Non existe unha avaliación do sistema educativo senón só de determinadas habilidades, competencias ou resultados escolares. Pártese dun enfoque finalista e parcial e non dunha revisión dos propios sistemas educativos en si. Así como un modelo educativo que realmente pretenda medir a evolución do alumnado debe partir dunha avaliación continua e non de procedementos de avaliación uniformes e estandarizados, non se pode pretender facer unha valoración do alumnado nun curso concreto sen medir que se fixo desde os poderes públicos co sistema educativo no que se forma ese alumnado. Así, por exemplo:

- cal é a evolución do investimento en educación,

- cal é o gasto real e comparado de cada administración educativa, en que se inviste e que control hai sobre o orzamentado e o executado

- cales son as ratios reais de alumnado, se houbo incremento ou recortes de profesorado nun determinado período,

- como é a formación inicial e continua do persoal docente e os mecanismos para a provisión dos postos de traballo,

- como se adapta o sistema educativo ao enorme aumento da diversidade, a novos fenómenos como a migración ou o incremento dos trastornos de saúde mental, e da complexidade do traballo nas aulas,

- como se desenvolven os modelos de integración nas aulas do alumnado con dificultades e con discapacidade ou necesidades educativas especiais (ter integrado máis do 90% deste alumnado e non ter os recursos apropiados non é integración, é incorporación), entre outros.

  • Desde hai anos vense apuntando non só en Galiza senón a nivel internacional aos problemas relacionados co papanatismo das pantallas nas aulas, mesmo con países que deron un xiro total a políticas erradas (o caso dalgúns países nórdicos) e noutros nos que timidamente se frearon algúns excesos mais sen un plan alternativo claro (que en Galiza se fale agora, logo das queixas de profesionais e familias, de “modelo híbrido” non deixa de ser unha fuxida cara adiante). Agora, o informe PISA apunta no mesmo sentido, cando nos últimos anos foi a propia OCDE un ariete na defensa da dixitalización do proceso educativo. Hai mesmo quen pode pensar se, visto o interese desmedido que houbo por implantar determinadas ferramentas tecnolóxicas nos sistemas educativos, non terá agora a OCDE e as transnacionais con intereses na educación un novo nicho de mercado que atender. 
  • Hai que mirar máis alá das propias paredes das aulas e centrarse en como evolucionaron as familias e a propia sociedade nesta última década: a perda de concentración e capacidade e comprensión lectora, especialmente en textos longos non se limita ao alumnado, está presente en toda a poboación, tamén na adulta. Se a esta sociedade de consumo visual fronte ao lector, do inmediato fronte ao reflexivo, lle unimos a realidade socioeconómica das familias, co incremento da pobreza (mesmo da pobreza laboral, non o esquezamos) e por tanto, da redución do acceso á cultura e aos bens materiais necesarios, volvemos a esa sociedade xerarquizada e piramidal na que aumenta a franxa con menos recursos e, por tanto, con menos capacidade para acadar unha equidade social, cultural e educativa na que debería descansar un modelo educativo democrático. A transformación no mundo laboral nos últimos anos tamén levou a que se prime a produtividade e a inmediatez fronte á profesionalidade e ao rigor, en todos os sectores e ámbitos. O sistema educativo é un espello do sistema económico na medida en que leva anos ao seu servizo, precisamente polos marcados da OCDE. 
  • Amplos sectores da sociedade galega, con especial relevancia da CIG-Ensino e no ámbito educativo, leva alertando da situación de emerxencia lingüística que vive o noso idioma, o galego: perda de alumnado galego falante, papel desgaleguizador do ensino en xeral, o fracaso que implica que un de cada catro alumnos con 15 anos (os mesmos cos que se fai o informe PISA) afirmen que non saben falar galego despois de pasar por un modelo educativo no que a lei fixa que deben ter a mesma capacidade en ambos idiomas ao rematar a escolarización obrigatoria... Botarse as mans á cabeza agora e non facelo cando se fala da situación do noso idioma é mostra do desprezo ou cando menos desinterese do goberno polo idioma propio do país, mais tamén nos debe facer reflexionar como sociedade en xeral: cando se fala de peores resultados en lectura tamén debemos mirar o que pasa co galego e non relegalo a un segundo plano. Pode sentirse satisfeita unha sociedade se o estudantado (e non só) ten dificultade para afrontar un texto longo? Obviamente non, escandalizámonos e entendemos que deben tomarse medidas. Pode esa mesma sociedade aceptar que os seus fillos e fillas sexan incapaces de falar fluidamente en galego cando rematan a ESO?
Quen goberna aquí?

Non tardaron nada o conselleiro de Educación e o presidente da Xunta en evadir calquera responsabilidade, logo de se evidenciar unha caída nos resultados no informe PISA e malia ter a Xunta amplas competencias en materia educativa. “A culpa é do goberno español e da LOMLOE”. Curiosamente outros informes con mellores resultados non eran por obra e graza das leis estatais senón mérito exclusivo dos “xestores” da Xunta. Ante esta desvergoña, esta ausencia de asunción de responsabilidade, fagámonos as seguintes pregunta: que procesos de avaliación existen das políticas educativas da Xunta? Vexamos algúns exemplos:

  • Existe, como fixa o infame Decreto de plurilingüismo, unha avaliación dos seus efectos sobre o noso idioma? Non.
  • Existe unha avaliación da aposta polo plurilingüismo, coa impartición de materias noutros idiomas, nomeadamente o inglés? Non.
  • Existe unha avaliación da implantación de programas como Edixgal en Primaria e Secundaria? Non.
  • Existe unha avaliación dos efectos dos fondos destinados ao reforzo educativo con programas puntuais e non estruturais (PROA e outros)? Non.
  • Existe unha avaliación da formación do profesorado? Non.
  • Existe algún tipo de informe sobre o impacto económico e social das políticas da Xunta de cara ás familias e o alumnado (axudas, gastos en libros e material escolar, entre outros)? Non.
  • Existe unha avaliación sobre os fondos económicos, os recursos humanos destinados á integración de alumnado con necesidades ou desfavorecido socialmente e os propios programas e modelos empregados? Non. 

Un país que queira colocar no centro dos seus intereses as políticas sociais, e a educación é un dos piares do que hoxe somos e do que queremos ser no futuro como sociedade, non pode limitarse a laiarse ou a darse palmadas no lombo en función duns mellores ou peores resultados nunhas probas alleas a nós para as que nin sequera se contou con ninguén do propio sistema educativo. Un goberno merecente de tal nome debe asumir responsabilidades e non botar balóns fóra e, sobre todo, debe escoitar á comunidade educativa. Desde esta, e no caso do profesorado con especial claridade, vénselle advertindo dos erros cometidos así como das desidias e abandonos. 

A CIG-Ensino, xunto cunha inmensa maioría do profesorado, leva tempo petando na mesa e alzando a voz para pór freo a unha situación de deterioro académico e profesional que levou ao rexeitamento de acordos sindicais minoritarios e o curso pasado á vaga mobilizadora máis intensa desde hai décadas. Sen unha diagnose clara dos motivos do fracaso da política educativa da Xunta e sen os cambios necesarios nesta a deriva continuará. Sen escoitar ao profesorado, ás familias e ao estudantado nada se arranxará.

 

Volver