A vacinación do profesorado maior de 55 anos comezará inmediatamente
Segundo a información de Educación quedan algo menos de 10.000 docentes sen vacinar entre ensino público e privado
Logo de ter demandado na última Mesa unha nova reunión para coñecer como se ía actuar co profesorado maior de 55 anos, hoxe mantivemos unha nova videoconferencia con Educación e Saúde Pública.
Na reunión a CIG-Ensino interesouse por aqueles colectivos que non se puideron vacinar (IT, tratamentos oncolóxicos, etc…) así como o persoal maior de 65 anos en activo. Tamén insistimos en que se debe vacinar todo o alumando en prácticas, tanto o que está nos centros educativos (mestrado, grao) como aquel estudantado de FP que está a facer a formación en empresas do sector sociosanitario (centros de día, etc..).
Esta é a información que se nos trasladou:
- Acaban de recibirse pouco máis de 12.000 vacinas AstraZeneca que terán que administrar aos grupos esenciais (entre eles o que traballa en centros educativos). Van analizar de aquí ao luns se van poder vacinar a todo o persoal maior de 55 anos dos centros docentes pendente. Se é así, non fixarán ningunha prioridade e comezarán por orde alfabética (polo H). Se non chegasen as vacinas e tivesen que priorizar usarían o criterio acordado coa Consellaría de Educación.
- A vacinación comezará xa na Semana Santa, non antes do martes 30.
- As persoas maiores de 65 anos en activo non se van vacinar agora xa que de momento non se aprobou o uso da AstraZeneca para esas idades. Serán vacinados polo seu grupo de idade.
- As auxiliares de conversa serán vacinados tamén de inmediato.
- As persoas con tratamento oncolóxico, transplantadas, con inmunodepresión, etc… irán, tal e como se acordou a nivel estatal, co grupo de 70 a 79 anos.
- Van revisar o número de alumnado en prácticas nos centros educativos para tomar unha decisión en función da dispoñibilidade das vacinas.
- Van revisar a situación do alumnado en formación en empresas como centros de día ou similares para que se vacinen canto antes.
- Unha vez que rematen cos grupos esenciais toda a vacinación será por grupos etarios (como se está a facer con maiores de 80 anos).
- A partir da semana que vén existirá un teléfono no SERGAS para solucionar dúbidas sobre o proceso de vacinación.
- A listaxe que están preparando nas direccións nos centros con incidencias non será a última, xa que segundo se vaian incorporando novo profesorado de listas ou persoas que están de baixa, terán que actualizarse.
Desde a CIG-Ensino consideramos que ningún colectivo debe quedar excluído da vacinación. Neste sentido agardemos que se rectifique na exclusión do persoal que atende comedores escolares e son contratados por ANPAs. Na reunión acordouse que convocarán ás federacións de nais e pais para buscar unha solución.
Entendemos que isto mesmo se debe facer con todos aqueles centros educativos non dependentes da Consellaría de Educación e que, de momento, aínda non se incluíron na vacinación e que desde a CIG-Ensino xa demandamos hai semanas que se vacinasen (conservatorios municipais, etc…).