A UVigo, a única universidade galega que ten pendente a suba salarial a 600 PDI con contratos pre e posdoutorais ou con cargo a proxectos de investigación
A CIG Ensino denuncia que siga sen cumprirse a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de novembro pola que ten que aplicarse a suba salarial no sector público dos anos 22 e 23 a todo o PDI da Universidade de Vigo.
Era novembro de 2025 cando a Sala do Social do Tribunal Supremo ditou a sentenza 1065/2025 pola que se desestimaba o recurso de casación presentado pola UVigo, confirmándose despois a súa firmeza pola Sala do Social do TSXG número 4252/2023 de 4 de outubro en demanda do conflito colectivo número 24/2023.
Despois desta vitoria xudicial é unha obriga da Universidade de Vigo pagar ao persoal con contratos posdoutorais e ao conxunto do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación as subas retributivas aplicadas ao resto do persoal da universidade nos anos 2022 e 2023.
Os atrasos xerados polo impago do 1,5% (acrecentamento retributivo disposto para o ano 2022) e polo impago do 2,5% (acrecentamento retributivo disposto para o ano 2023) son desde novembro de 2025 de obrigado pagamento para a UVigo.
A CIG leva meses intentando negociar como se efectuarían estes pagamentos co equipo reitoral en funcións neste momento. Celebráronse reunións, entregáronse escritos e solicitouse por distintos medios que se cumprira a sentenza sen que a día de hoxe haxa unha resposta concreta.
O sindicato lamenta que o equipo reitoral saínte non fose capaz de deixar resolto este asunto no que hai máis de 600 compañeiros e compañeiras afectadas e ás que non lles queda máis saída que volver ao xulgado a pedir, a nivel individual, o que xa a CIG gañou como conflito colectivo.
Así a situación, a CIG-Ensino anima ao persoal afectado a que rexistre unha reclamación individual na que esixa non só as retribucións sinaladas na sentenza senón tamén os xuros que se xeraron co paso do tempo. O sindicato pon a disposición de todo o persoal afectado un modelo de reclamación para poder rexistrar e iniciar o procedemento de reclamación.
Novas relacionadas

