A trampa do aumento da oferta de FP para o vindeiro curso: máis formacións aceleradas, máis formación a distancia e máis dual intensiva

No CGFP a CIG-Ensino criticou a aposta da Consellaría por formacións inestábeis e de curta duración como as aceleradas e denunciou a redución da oferta modular presencial e a proliferación de centros privados, que xa superan os públicos en Vigo.

Nunha comparativa entre o borrador da oferta e a do curso pasado redúcense 75 formacións (entre ciclos, formacións aceleradas e cursos de especialización) fronte ás 104 que aumentan, polo que o incremento neto é de só 29. O 20% das prazas que se ofertan de nova matrícula o vindeiro curso son a distancia e segue medrando o réxime dual intensivo até as 6.500 prazas, todas elas concentradas nos centros públicos, dado que os privados e concertados rexeitan este réxime.

A CIG-Ensino afeoulle á Consellaría de Educación que unha vez máis priorizara a propaganda antes que a interlocución co sector despois de que a oferta de FP fora presentada polo presidente Rueda e polo conselleiro Rodríguez até en catro ocasións a semana pasada antes do seu envío ao Consello Galego de FP. “O profesorado sempre é último en enterarse e con escaso tempo para poder contrastar uns números nos que só se informa da oferta pública e se dan datos globais da concertada e se ocultan os da privada”, indicou a responsábel de FP da CIG-Ensino, quen puxo como exemplo a cidade de Vigo onde o número de centros privados xa supera os públicos e o número de ciclos están igualados ou a familia profesional de Sanidade na zona de Compostela na que é minoritaria a oferta pública fronte á privada.

Con respecto aos números da oferta detallados pola directora xeral de FP, a CIG-Ensino considera que estes teñen trampa, dado que o maior incremento se dá nas formacións aceleradas (un 89% máis), “que son formacións volátiles, que cambian dun ano para outro, cunha duración de entre 4 e 6 meses e que non permite afondar nun ensino competencial de calidade. Contabilizar estas prazas na oferta global é un engano porque non son estábeis”, engadiu, á vez que lembrou que o ano pasado moitas non se chegaron a ofertar por falta de matrícula e preguntou que tipo de certificación obtería este alumnado ao rematala. A directora xeral asegurou que darían dereito a certificar cando menos un grao C. O profesorado de FP xa alertara á CIG-Ensino de que moita oferta modular presencial, que diminúe considerabelmente con respecto ao curso pasado, se convertiría ou ben en formación acelerada o vindeiro curso ou ben en formación ordinaria.

O sindicato tamén se amosou contrario a que unha de cada cinco novas prazas do total que se ofertan para matrícula no curso 26/27 sexan na modalidade a distancia “por tratarse dun ensino eminentemente competencial no que é inviábel adquirir certos coñecementos e aptitudes nesta modalidade en moitos ciclos. Pero engadir esta oferta supón engordar as cifras dado que a media de matrícula en cada ciclo é de 50 prazas”.

En xeral, segundo a comparativa do borrador da oferta presentado hoxe e o presentado o curso pasado no Consello Galego de FP a CIG-Ensino detectou que hai 75 formacións menos (entre ciclos, formacións aceleradas e cursos de especialización) fronte a 104 que aumentan, polo que o incremento neto é só de 29 formacións. En concreto, puido constatar que desaparecen 19 formacións:

  • 5 formacións aceleradas (Control de calidade na industria alimentaria, Cubertas e impermeabilizacións, Organizacións e proxectos de instalacións solares térmicas, Planificación e supervisión da área de carrozaría de vehículos automóbiles e Xestión loxística e comercial na industria alimentaria)
  • 1 programa formativo básico de Almacén
  • 2 Ciclos Medios (Planta Química e Proceso e Transformación de Madeira)
  • 9 Ciclos Superiores, a maioría de dobres titulacións (Deseño e amoblamento e oferta parcial de Proxectos de edificación, Deseño e produción de calzado e complementos, Dirección de cociña e oferta parcial de Dirección de servizos de restauración, Dirección de servizos de restauración e oferta parcial de Xestión de aloxamentos turísticos e Dirección de cociña e oferta parcial de Procesos e calidade na industria alimentaria, Dobre titulación en Axencias de viaxes e xestión de eventos e Guía, información e asistencia turísticas e oferta parcial de Animación sociocultural e turística, Dobre titulación en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, Mantemento electrónico e oferta parcial de Sistemas electrotécnicos e automatizados e de Sistemas de telecomunicacións e informáticos e Patronaxe e moda e oferta parcial de Vestiario á medida e de espectáculos).
  • 2 Cursos de Especialización (Instalación e mantemento de sistemas conectados a internet (IoT) e oferta parcial do ciclo de grao medio de Mantemento electrónico e Dobre titulación en Automoción e Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos).

Ademais redúcese a oferta noutros 56 ciclos destacando os de Audioloxía Protésica, Automoción, Instalacións Frigoríficas e de Climatización, Mecatrónica Industrial, Produción de Audiovisuais e Espectáculos e Sistemas microinformáticos, o CE de Desenvolvemento de aplicacións en linguaxe Phyton e os CM de Mantemento Electromecánico e de Servizos de restauración).

Aposta desaforada pola dual intensiva

O apartado no que a CIG-Ensino foi máis crítica foi co incremento da oferta de dual intensiva “cando xa se pensaba que non podía subir máis”. En concreto, este ano ofrécense máis de 6.500 novas prazas, un 3,72% máis, cando no curso 23/24 segundo as estatísticas oficiais do Ministerio apenas había 3.300 estudantes matriculados en toda Galiza. Isto significa que non se cobren a metades das prazas ofertadas porque non é un réxime atractivo para o alumnado. Para o sindicato, a dual intensiva ten múltiples problemas desde a súa concepción até a súa materialización “sen ningún marco normativo que garanta dereitos para o alumnado e deixando ao profesorado vendido diante da administración e das empresas”. Neste sentido, a representante da CIG-Ensino pediu unha Mesa Sectorial específica para abordar esta temática e instou á Consellaría a tomar en serio os riscos dos espazos de traballo reais para non ter que lamentar máis accidentes mortais como o dun alumno nunha empresa de Vilalba. “Esta traxedia que sacudiu emocionalmente como ningunha outra ao profesorado de FP ten que servir como punto de inflexión para frear esta aposta desaforada por un réxime que para empezar non se axusta ás características do alumnado da FP básica ou ciclos medios. Por idade, por inmadurez, por dificultade para trasladarse até as empresas, pola escasa información de apenas uns meses coa que acceden ás empresas e sobre todo polo contexto laboral de riscos non debera ser apta para estes niveis”. Ademais incidiu nun dato interesante. Os centros concertados e privados apenas ofertan dual intensiva “porque non queren compartir o negocio. Fronte a eses 3.300 estudantes matriculados na pública hai dous cursos apenas había 90 en todos os centros privados e concertados do país, así que cando a FP dual intensiva teña presenza na oferta privada poderemos pensar nas súas supostas bondades”.

Enlazando coa dificultade que ten o profesorado para buscar e facer o seguimento da formación nas empresas, a CIG-Ensino volveu solicitar que a persoa titora dual nas empresas exerza como tal. “Dado que a filosofía da nova LOFP e deste réxime é que a formación é compartida, debe ser a titora dual na empresa a que certifique os RA adquiridos e se comprometa a que o alumnado reciba toda a formación específica de PRL adaptada ao seu posto de traballo”. Mentres, apuntou que o próximo curso todas estas tarefas serán, ademais de ingratas e sen recoñecemento por parte da administración, máis difíciles de executar dado que na recente reforma da xornada laboral se reduce de 3 a 1 hora lectiva as horas para a coordinación de FCT, así como da titoría de ciclo e non se mencionan sequera as titorías de FCT ou de dual. 

Outros aspectos da oferta

Por último, a CIG-Ensino tamén pediu coordinación entre a DX de FP e a DX de RRHH para que non exista ningún problema coas tres novas titulacións da familia profesional Intelixencia Artificial e Data que se van implantar no IES Fernando Wirtz e os IES Urbano Lugrís da Coruña e do IES San Clemente a respecto da atribución docente para o profesorado das dúas especialidades de Informática e Comunicacións.

Noutra orde de cousas amosou a súa decepción con que froito do plan FPGal 360 non se incrementara a oferta de FP básica como debera ao longo do territorio malia os 24 millóns de euros anunciados en xaneiro de 2025, que só se vai implantar o ano que vén un itinerario directo de FP Básica a ciclo medio no CIFP Compostela e que nas aulas nómadas anunciadas para o IES República Oriental do Uruguai de Vigo, o IES Pazo da Mercede das Neves e o IES de Carral se teña en conta a opinión do centro e se respecten os sistemas de asignación docente.

E por último interesouse por se había algunha previsión de oferta formativa pensada para formar a profesionais da futura fábrica de SAIC na comarca de Ferrolterra, recordando que durante anos houbo alumnado formándose mesmo na matriz de Portugal para o desembarco de Altri en Galiza. 

Rogos e preguntas

Na última parte da reunión incidiuse na convocatoria dunha Mesa Sectorial específica para abordar cuestións laborais relativas ao profesorado de FP (equiparación salarial do PESSFP, compensación horaria semanal nos CIFPs, plan de atención á diversidade nestas ensinanzas..) así como nas instrucións para o vindeiro curso, na necesaria actualización dos currículos e o desenvolvemento normativo do Decreto Galego de FP, entre outros.

 

Volver