A situación no Colexio Junior´s comeza a ser insostíbel con impagos de até 4 meses

A CIG-Ensino denuncia que a propiedade do centro despediu a varios docentes a comezos de curso sen notificarllo por escrito e que tampouco lles deu os contratos ás 14 persoas novas que se incorporaron a comezos de curso.

O secretario comarcal, Rubén F. Monteagudo, avanza que o sindicato está estudando emprender accións legais e levar a cabo mobilizacións ante unha situación que cualifica de “lamentábel”.

A día de hoxe todos os traballadores e traballadoras do Colexio Junior´s (20 docentes e membros do equipo directivo e 7 de administración e servizos) acumulan un mes de impago, chegando nalgúns casos até os 4 meses sen cobrar o seu salario. Así o denunciou esta mañá o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, que alertou sobre a grave situación que vive a empresa tanto a nivel de solvencia económica como de xestión. En concreto, salienta que hai casos de compañeiros e compañeiras despedidos de palabra pero que non recibiron ningunha comunicación por escrito, polo que seguen asistindo ao centro pero non lles permiten nin dar clase nin estar na sala de profesorado.

“A situación é tan lamentábel” –engade- “que en setembro incorporáronse 14 persoas novas das cales moitas delas a día de hoxe tampouco recibiron o contrato”. O sindicato estuda emprender accións legais para evitar que se sigan vulnerando os dereitos laborais deste persoal. En calquera caso, e dado que o descenso de matrícula no centro foi moi drástico, pasando de 130 o ano pasado a 55 alumnos/as este curso, desde o sindicato alertan de que a situación non debe prolongarse moito no tempo e instan á propiedade do colexio a tomar medidas efectivas que garantan a viabilidade da empresa para non seguir prexudicando o seu persoal. Do contrario, Rubén F. Monteagudo, avanza que a CIG-Ensino emprenderá mobilizacións inmediatas.

Volver