A Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa coas prácticas caciquís e coa persecución ao profesorado CELGA
A CIG-Ensino exixe o cese no acoso ao colectivo do profesorado que, malia formar parte das listaxes de profesorado colaborador e de ter realizado os cursos de avaliador/a, é castigado sen a posibilidade de impartir cursos e agora de avaliar.
No escrito remitido polo secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o día 30 de abril, comunicábaselle ao secretario xeral de Política Lingüística o seguinte:
“É totalmente inxustificábel e inaceptábel que a Secretaría Xeral continúe empeñada en apartar e despedir o profesorado que até agora impartía e/ou avaliaba os cursos Celga e as linguaxes específicas, e procure a súa substitución con profesorado en activo.
Non se pode admitir que a Secretaría Xeral continúe instalada na opacidade e no clientelismo á hora de proceder e de seleccionar o persoal. Hoxe por hoxe, continuamos sen coñecer cales son os criterios, máis alá dos “dedocráticos”, utilizados para seleccionar o profesorado que está impartindo os cursos preparatorios Celga e o profesorado que vai impartir os de linguaxes específicas.
A CIG-Ensino exixe o cese destas prácticas caciquís na actuación da Secretaría Xeral e no acoso ao colectivo do profesorado que, malia formar parte das listaxes de profesorado colaborador e de ter realizado os cursos de avaliador/a, é castigado sen a posibilidade de impartir cursos e agora de avaliar.
Até o día de hoxe non recibimos ningunha contestación, mais temos coñecemento de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa coas prácticas clientelares para buscar profesorado para impartir os diferentes cursos e para avaliar os exames a conta de despedir o profesorado Celga.