A Secretaría Xeral da Lingua financia cunha media de 2,6 euros por estudante os proxectos de fomento do galego nos centros de ensino públicos
A Resolución publicada onte no DOG mantén inalterábel a mesma contía que o ano pasado, o que supón unha redución de 230.000 euros menos que en 2004, último goberno de Fraga
A Xunta segue deixando de lado o sector educativo nas axudas para o fomento do galego. A nova mostra é a convocatoria dirixida aos centros de ensino públicos publicada onte pola Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e que mantén o mesmo orzamento que o pasado ano, 450.000 euros, o que supón un investimento de media de apenas 375 euros por centro educativo e de 2,6 euros por estudante. Para a CIG-Ensino esta cantidade é totalmente irrisoria tendo en conta a situación crítica que vive a nosa lingua sobre todo pola falta de coñecemento e de uso por parte da poboación que cursa o ensino obrigatorio.
A Consellaría de Cultura relega o fomento do galego no ensino e a única partida que sobe con respecto ao ano pasado a respecto da nosa lingua é a da propaganda, é dicir, as supostas campañas de normalización que na práctica serven para financiar todo tipo de eventos sen que estea contrastado que teñan esta finalidade. Así, esta contía sobe en máis de un millón de euros mentres que a dirixida ás Equipas de Dinamización Lingüística mantense en 450.000 euros para os centros públicos e en 50.000 euros para os privados. Tal e como xa denunciara a CIG-Ensino na análise dos orzamentos da Xunta para 2026, no último goberno de Fraga esta contía sumaba 680.000 euros e non hai nada que xustifique un descenso nesta cantidade, mais ben ao contrario se se ten en conta a alarmante situación sociolingüística actual. Por outra banda, esta convocatoria contrasta cos máis de 2,3 millóns de euros previstos para fomentar este ano os idiomas estranxeiros mediante programas fóra do currículo académico en centros públicos e privados.
Activar a campaña “Eu Ensino en Galego” e posta ao día do Proxecto Lingüístico de Centro
A CIG-Ensino segue intentado contrarrestar a perda de falantes entre a poboación escolar e animando ao profesorado a que actúe como axente galeguizador nas aulas. Para iso lanzou a comezos de curso unha campaña baixo o lema “Eu Ensino en Galego” con chapas, colantes, calendarios, imaxes dixitais e cartaces para visibilizar os efectos negativos que tivo o Decreto de Plurilingüismo no ensino galego. O material pode atoparse nesta ligazón da web para o seu uso por parte do profesorado e a súa distribución entre familias e alumnado. A maiores actualizouse desde a súa publicación a Guía para a posta ao día do Proxecto Lingüístico de Centro (PLC) con máis recursos para que o persoal docente implicado na elaboración deste documento poida actualizalo ou redactalo de novo tendo en conta a actual situación sociolingüística do seu centro que puido mudar a respecto da última vez que se revisou (segundo a normativa cada 4 anos). Cómpre lembrar que este PLC é unha das poucas ferramentas coas que se conta para a normalización lingüística partindo das particularidades de cada colexio, instituto ou centro.
Nel recóllese en que lingua se imparte cada materia co obxectivo de propiciar as transferencias a partir da lingua minorizada, as medidas que se van poñer en marcha para que o alumnado adquira competencia nas dúas linguas cooficiais ao remate de cada etapa e o fomento do galego nas actividades e funcionamento ordinario do centro. Ademais inclúe outras accións para que o alumnado que non teña suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se imparten.
A versión actualizada do documento conta con varios modelos de enquisas para as familias, centro, profesorado e alumnado, así como de probas para avaliar a competencia comunicativa; ademais de trípticos informativos sobre o Tratamento Integrado das Linguas (TIL), un caderno TIL do profesorado e do alumnado e exemplos de actividades e situacións de aprendizaxe.

