
A Secretaría das Mulleres da CIG participará nas mobilizacións do feminismo galego do mércores 25 de xuño
Para reclamar unhas institucións públicas libres de persoas machistas
A Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, xunto con outros 25 colectivos feministas da Galiza levan máis de 10 días agardando por un pronunciamento no que o Goberno galego recoñeza a súa irresponsabilidade tras a rolda de prensa realizada polo conselleiro do Mar da Xunta de Galiza, Alfonso Villares, despois de ser imputado por un delito de agresión sexual.
Mediante un comunicado, a MMM denunciaba unha cerimonia de lavado de cara e conivencia por parte do Goberno do Partido Popular á fronte da Xunta, así como a complicidade de moitos medios de comunicación, entre eles os medios públicos galegos, contribuíndo a sinalar a agredida e a defender o acusado e, ao mesmo tempo, a banalizar algo tan grave como a violencia sexual e a violencia machista en xeral.
Conscientes da necesidade de reaccionar, o colectivo chama a unha resposta feminista forte, como a que impulsou o feminismo galego noutros momentos da historia nos que foi necesario responder aos feminicidios, ás inxustizas, aos intentos de desmantelamento de servizos públicos ou de agresións aos dereitos sexuais e reprodutivos.
Até hoxe non só non houbo pronunciamento, senón que o feminismo tivo que responder nas rúas a dous feminicidios que o Goberno aínda non recoñeceu oficialmente e escoitar como desde as institucións centraron o discurso en defender a súa propia acción (dos corpos de seguridade, da administración, da xudicatura), obviando a súa responsabilidade en avaliar incorrectamente o risco e desprotexendo as vítimas da violencia que acabou co seu asasinato.
Situación de emerxencia total
Nas últimas semanas coñecéronse varios intentos de feminicidio en Verín, no Barco, e o máis recente en Vigo, que afortunadamente non remataron en asasinato, mais que dan conta tamén de que por toda Galiza se rexistran varios atestados por delitos de violencia de xénero a diario.
Estamos asistindo a unha situación de total emerxencia onde hai milleiros de vidas en xogo. Vidas de mulleres. Por iso, a Secretaría das Mulleres da CIG denuncia a violencia institucional que deposita nas mulleres toda a responsabilidade -se denuncian, se non o fan-, no canto de pór o dedo acusador no asasino e nos erros do sistema.
“Non podemos tolerar seguir vivindo nunha sociedade na que os máximos representantes públicos, encargados de que se respecten os nosos dereitos e de garantir a nosa protección, no canto de pór o foco nos agresores cuestionen o comportamento da vítima, mesmo até o punto de responsabilizala publicamente do seu asasinato”, rexeita a MMM nun manifesto. “Se non están capacitados para estar á fronte dun cargo desta magnitude que os cesen ou que dimitan. Pero non podemos consentir máis agresións”.
Cómpre un cambio radical do sistema
Por todas estas razóns, a Secretaría das Mulleres da CIG, xunto co resto de colectivos que forman parte do activismo feminista do país, fai un chamado a todas “as persoas que consideren que é preciso pór á fronte das institucións persoas capaces, que non lles trema a man en sinalar o que está detrás de cada feminicidio, en exixir un cambio radical do sistema, para que se mobilicen o vindeiro mércores 25 de xuño diante das sedes do PP, “contra quen ten a responsabilidade de dar exemplo desde as institucións mais permite que se siga cuestionando as vítimas”.
Abonda xa! Fóra machistas das institucións!
Novas relacionadas