A secretaría da Muller da CIG lanza a campaña “Na túa empresa tamén hai violencia”, con motivo do 25 de Novembro

Convoca concentracións, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en cidades e vilas galegas

“Na túa empresa tamén hai violencia” é o lema da campaña deseñada pola Secretaría da Muller da CIG con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha campaña coa que se quere chamar a atención sobre as agresións e a violencia simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito laboral e que foi presentada no marco dun encontro nacional de mulleres da CIG.

Margarida Corral, Secretaria das Mulleres da CIG, fixo un percorrido pola situación de violencia que padecen as mulleres, desde a máis extrema: o feminicidio –termo que considerou imprescindíbel socializar-, até esas outras violencias que chamou a “nomear” e “identificar” para tomar consciencia dunha realidade cotiá á que ningunha muller é allea.


Respecto da súa manifestación máis extrema, sinalou que segundo a OMS “a violencia machista é a principal causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras” e que “case mil mulleres foron asasinadas no Estado español desde hai unha década, delas, case un cento galegas”.


Respecto desas outras manifestacións, denunciou as “formas sutís” que están na base da sociedade patriarcal: desde o humor sexista, até o control, a publicidade sexista, a anulación, a invisibilización do xénero feminino na linguaxe e os micromachismos. Unha violencia que, dixo, “podemos atopar nas nosas relacións familiares, sociais, no ámbito da parella, no traballo, na escola, nas organizacións e na comunidade no seu conxunto”.


Ante isto, Corral explicou que coa campaña deste 25 de Novembro a Secretaría das Mulleres pretende dar claves de identificación desas múltiples manifestacións de violencia e sexismo no ámbito laboral, na propia empresa, para comezar polo máis próximo.  Así sinalou que “son violencia machista” os achegamentos físicos excesivos por parte dun xefe ou un compañeiro de traballo” mais tamén que se poña en risco a saúde da muller ou do feto cando a empresa non adopta medidas preventivas no traballo; as diversas formas de humillación que sofren as traballadoras cando non se recoñece nin o seu traballo nin a súa valía; cando se paga menos polo mesmo traballo; cando non se promociona á muller polas cargas familiares ou cando se culpabiliza a unha traballadora  que solicita unha redución de xornada por coidado creando un clima de traballo hostil “facendo crer ao cadro de persoal que teñen que traballar nun horario incómodo pola súa culpa”.


Fixo ademais fincapé nos micromachismos que se poden manifestar na propia entrevista de traballo cando á muller se lle pregunta se ten familia o seu cargo ou se ten previsto tela; cando lle quitan valor ás ideas ou opinións das mulleres minusvalorándoas ou mesmo cando se cambia unha reunión cando cadra cun partido de fútbol, mais non cando coincide con actividades extraescolares das crianzas.


Corral subliñou o erro, no que as veces se cae, de considerar que a violencia contra as mulleres é un tipo de violencia máis e de que se trata de casos illados. Fronte a isto, alertou de que “se activan por causas inxustificadas e teñen por obxectivo deixar de manifesto quen ten a autoridade da relación”.


Para a secretaria das Mulleres “recoñecer estas actitudes non significa aceptar que vivimos nunha sociedade que perpetúa a desigualdade e a diferenza entre mulleres e homes, e que agocha a discriminación e a violencia contra as mulleres”. Ao contrario, demandou un maior investimento público nos programas de atención e protección das vítimas, penalizando aos agresores e evitando que poidan reincidir e unha intervención directa nas causas da violencia de xénero. “Para irmos á raíz, temos que ir ás orixes, valores e condutas xerados pola cultura dos xéneros e propiciar cambios e alternativas.


SITUACIÓN ALARMANTE


Corral fixo ademais un percorrido polo datos máis alarmantes, entre os que salientou que en 2014 foron asasinadas 9 mulleres –oficialmente só se recoñecen 6- e que no que vai de ano 2015 xa foron asasinadas 8; que actualmente en Galiza están vixentes 7.759 ordes de protección; que o centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu, desde xuño de 2014 até decembro, a 28 persoas: 14 mulleres e 14 crianzas ou que o teléfono da Muller atendeu o ano pasado un total de 4.870 chamadas.


Unha situación que para a secretaria das Mulleres “é máis que grave” e que porén non foi considera así polo goberno do PP, que aínda que incrementou este ano os recursos públicos nun 5,3% respecto do anterior, chegando aos 10.310,2 millóns de €, non chega para compensar os recortes introducidos desde 2009 cando o orzamento foi de 11.792,8€.


Corral denunciou ademais o impacto que os recortes, en xeral, tiveron na vida das mulleres. Recortes cos que a Xunta de Galiza provocou o desmantelamento das políticas e igualdade, incidindo directamente nos dereitos humanos das mulleres. Neste sentido sinalou que a ONU suspende ao goberno do PP en todas as áreas que, de xeito directo e indirecto consolidan a discriminación das mulleres: violencia de xénero, igualdade, saúde, emprego, dereitos sexuais e reprodutivos… e un longo etcétera”.


Tal é así que o Estado español ocupa o posto 29 dun estudo que abrangue a 142 países e que sitúa entre os dez primeiros, ademais de europeos como Islandia, Finlandia, Noruega ou Suecia, a outros como Ruanda ou Filipinas, que van 20 postos por diante.


Mobilizacións

 

Margarida Corral anunciou ademais que, ao igual que en anos anteriores, a CIG convocará concentracións de delegadas/os en cidades e vilas galegas, ademais de sumarse ás mobilizacións que se convoquen desde o movemento feminista. “Sairemos novamente ás rúas amosando que é responsabilidade de toda a sociedade mudar e reverter o noso modelo de relacións sociais”, dixo.



MOBILIZACIÓNS DA CIG CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA:

  • A Coruña: ás 12 horas na Praza Luís Seoane, ás 12 horas
  • Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
  • Compostela: ás 12 horas diante da Confederación de Empresari@s, na rúa do Vilar, 54
  • Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo
  • Vilagarcía: ás 11 horas diante da FECA (Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa, na Rúa Castelao)
  • Ourense: ás 11 horas diante do local sindical
  • Lugo: ás 12 horas diante da CEL (Confederación de Empresarios/as de Lugo)
  • Vigo: ás 12 horas nos Xulgados o día 24 de novembro

CIG-INFORMA 25 DE NOVEMBRO

Volver