A Consellaría rexeita a proposta da CIG-Ensino de reducir ratios en todas as etapas no vindeiro curso

A baixada comezaría en Primaria no curso 2027/28, na ESO no 2028/29 e no Bacharelato no 2032/33

O sindicato formulou a súa proposta na Mesa Sectorial celebrada o martes 30 de xuño, na que se negociou un documento para reducir as ratios na ESO e no Bacharelato. A Consellaría levou esta cuestión á Mesa máis de dous meses despois de anunciala publicamente, curiosamente o día anterior á sexta xornada de folga deste curso.

Alegrámonos de que a Consellaría se vexa obrigada a emendar, aínda que sexa parcialmente, un dos apartados máis vergoñentos do acordo asinado en 2023. Aquel acordo anunciaba unha redución de ratios en secundaria e bacharelato, mais deixaba sen calendario real a súa aplicación nestas etapas, remitindo a negociación a un momento posterior, concretamente ao curso 2026/27, cando rematase a redución de ratios na Educación Infantil. É evidente que as mobilizacións deste curso e a presión do profesorado obrigaron a rectificar unha situación que a CIG-Ensino xa denunciara no seu momento.

Agora ben, este avance é claramente insuficiente. Non se pode vender como unha gran medida unha redución que non comezaría até o curso 2028/29. Estamos a falar de agardar dous cursos máis para iniciar unha baixada de ratios que xa debería estar implantándose no vindeiro curso.

A Consellaría pretende presentar como iniciativa propia unha medida que, no caso da ESO, sitúa o inicio da aplicación exactamente no curso previsto polo calendario estatal do Ministerio. Isto non pode converterse nun xogo político entre administracións para ver quen anuncia antes a medida ou quen consegue atribuírse o mérito. Como lle dixemos ao Ministerio, dicímosllo tamén á Consellaría: a baixada de ratios na secundaria ten que comezar xa no curso 2026/27. Non hai motivo que xustifique agardar até 2028/29.

E aínda menos comprensíbel é que se se vai tardar dous anos en implantar as novas ratios se deixe, para a aplicación desta medida,  un período transitorio de catro anos a excepcionalidade para que se poidan manter as ratios actuais.

Tamén é insuficiente a proposta para o Bacharelato. A CIG-Ensino considera que a ratio máxima nesta etapa debe situarse tamén en 25 alumnos e alumnas por aula, e non en 30. Non ten sentido defender a mellora da atención educativa e das condicións de traballo do profesorado e, ao mesmo tempo, manter grupos de Bacharelato con 30 estudantes, tendo en conta que a ratio actual está en 33.

Ademais, a proposta deixa nunha situación especialmente preocupante o calendario de Bacharelato. Se a implantación se realiza de maneira progresiva a partir de 1º da ESO, a aplicación efectiva en Bacharelato podería quedar desprazada até os cursos 2032/33 e 2033/34. Isto é absolutamente inasumíbel. Non se pode anunciar unha baixada de ratios en Bacharelato e, na práctica, adiala durante seis ou sete anos.

A Consellaría rexeitou calquera adianto neste calendario para evitar "tensións", dado que no curso 27/28 comeza a redución en primaria. Esta argumentación carece de sentido e está claro que o concepto "tensión" o que implica para a administración é ter que dotar de maior profesorado o ensino público antes de que as ratios baixen pola deriva demográfica na que está inmersa Galiza.

Para a CIG-Ensino, a redución de ratios non pode ser unha medida propagandística nin unha cuestión que se leve á Mesa Sectorial como un acordo xa pechado fóra dela. Ten que ser unha medida real, con calendario inmediato, con dotación de profesorado e cun compromiso orzamentario suficiente.

A redución de ratios en todas as etapas é necesaria xa, non dentro de dous, cinco ou sete cursos.

Cadro de aplicación da redución de ratios

Curso

Infantil e primaria

Secundaria e Bacharelato

Proposta da CIG-Ensino

2024/25

4º de Ed. Infantil

-

- Que a baixada de ratios en Primaria, na ESO e no Bacharelato comece no curso 2026/27.
- Que se acelere a aplicación da redución de ratios.
- Que o Bacharelato baixe a 25 alumnos e alumnas por aula.
- Que se negocie tamén a redución de ratios na Formación Profesional, en réxime especial e no resto de ensinanzas.

2025/26

5º de Ed. Infantil

-

2026/27*

6º de Ed. Infantil

-

2027/28

1º de Primaria

-

2028/29

2º de Primaria

1º da ESO

2029/30

3º de Primaria

2º da ESO

2030/31

4º de Primaria

3º da ESO

2031/32

5º de Primaria

4º da ESO

2032/33

6º de Primaria

1º de Bacharelato

2033/34

2º de Bacharelato

*Segundo o Acordo de 2023, a negociación do calendario de aplicación da redución de ratios na ESO e no Bacharelato tería lugar no curso 2026/27, non este curso, polo que o anterior calendario demostra dúas cousas: que a presión das mobilizacións deste curso obrigou a mover a posición inicial da Consellaría, mais tamén que a proposta segue sendo insuficiente, lenta e pouco ambiciosa.

Como quedan as ratios nas outras ensinanzas?

Con respecto ás outras ensinanzas non hai novidades salientábeis. No caso das aulas mixtas a Consellaría adiou a súa aplicación até o curso 27/28. 

Na Formación Profesional, malia que o RD 659/2023 marca como obxectivo para o curso 28/29 que nos ciclos medios, superiores e cursos de especialización presenciais as ratios máximas teñen que ser de 25 por aula, a oferta formativa do vindeiro curso contempla ciclos con prazas variábeis entre 18 e 30. A Consellaría, por boca da directora xeral de FP, comentou na Mesa Sectorial que Galiza xa cumpre este obxectivo porque case todos os ciclos prácticos en Galiza teñen 22 prazas, algo que non se corresponde coa realidade. De feito, o cómputo do alumnado repetidor é unha demanda que se repite ano tras ano e que depende da vontade cada inspección educativa polo que hai ciclos presenciais que superan os 30 alumnos e alumnas. Con respecto á FP a distancia mantense unha ratio avultadísima, de 50 por módulo. A CIG-Ensino aproveitou a súa intervención na Mesa para solicitar ratios máximas de 15 na FP básica, 25 nos ciclos medios e superiores e 30 na FP a distancia.

No que ten a ver coas ensinanzas para persoas adultas a Consellaría non contempla ningunha medida neste sentido, ao igual que para as ensinanzas de réxime especial. 

 
O enésimo incumprimento: cómputos especiais dentro das ratios

Por outra banda, tampouco se produce ningún avance a respecto do cómputo do alumnado repetidor dentro das ratios máximas da aula nin do alumnado con algún tipo de necesidades. A Consellaría mantén a aplicación destas dúas medidas tan só nos dous cursos nos que de momento se produciu a baixada acordada en 2023, isto é, 4º e 5º de infantil, deixando fóra o resto de etapas educativas. Ademais, no caso do alumnado con necesidades estabelece moitas limitacións, computando como dobre ou triplo só aquel que ten un trastorno de conduta debidamente xustificado, discapacidade superior ao 33 ou 65% ou graos de dependencia.

Volver