A proposta do Ministerio de redución de ratios para o primeiro ciclo de infantil responde ás demandas da CIG-Ensino que pide máis axilidade na súa implantación

Na reunión do grupo de traballo co Ministerio celebrada onte, o sindicato galego tamén solicitou máis ambición na redución de ratios de Bacharelato até 25 e que se adiante a implantación desta baixada en todas as etapas e se inclúa a Formación Profesional

O Ministerio reunirase agora coas comunidades autónomas para pechar este documento, que incorpora tamén cuestións relativas aos espazos que deben cumprir os centros nos que se escolarice alumnado de 0 a 3 anos. Para a súa materialización bastará coa modificación do Real Decreto 132/2010. Por outra banda, na reunión de traballo cos sindicatos máis representativos do Estado tamén se avanzou a proposta de reducir de 35 a 30 o alumnado por aula no Bacharaleto, que a CIG considera insuficiente, e de aprobar mediante RD Lei a baixada de ratios nas ensinanzas obrigatorias incluída no Proxecto de Lei que se está a debater no Congreso dos Deputados se finalmente esta non sae adiante.

Onte evidenciouse que a loita dá os seus froitos. As traballadoras do primeiro ciclo de infantil, que en Galiza foron as primeiras en mobilizarse en todo o Estado con seis xornadas de folga no ano 2023, recollida de sinaturas contra o convenio estatal en 2024 e nestes intres folgas e múltiples mobilizacións en demanda dun convenio galego viron como o Ministerio de Educación recollía unha das súas demandas históricas, que tamén fora presentada pola CIG-Ensino na reunión do grupo de traballo cos sindicatos do 11 de xuño: a baixada de ratios a 4, 6 e 8  nenos e nenas respectivamente de 0 a 1 anos, de 1 a 2 e de 2 a 3. A modificación do Real Decreto 132/2010, de 12 de febreiro aplicaríase a partir do curso 27/28 de forma progresiva até o curso 29/30 e incorpora tamén outras cuestións referentes aos requisitos que deben cumprir os espazos nos que se desenvolve esta etapa educativa. A CIG-Ensino congratúlase deste avance mais pediu que se adiantara a súa aplicación xa ao vindeiro curso e que se teña en conta a inclusión na regulamentación da parella educativa. No que ten a ver con outras cuestións recollidas no documento, que foi presentado durante a reunión sen poder estudalo nin contrastalo co persoal traballador das ensinanzas afectadas, a CIG-Ensino, atendendo á realidade demográfica galega, fixo unha observación sobre o novo artigo introducido no RD 132 para limitar que os centros que oferten o primeiro ciclo de infantil deban contar con 3 unidade mínimo. Neste sentido, aínda que se deixa marxe para autorizalos en base a unha disposición adicional, cómpre ter en conta que en moitas localidades do rural galego cunha natalidade moi baixa precisan agrupar distintos niveis na mesma aula.

Con respecto aos requisitos mínimos dos espazos cos que deben contar os centros que impartan educación infantil na etapa 0-3 anos o sindicato galego solicitou que se inclúa a existencia de zonas naturais suficientes en patios exteriores (mínimo 50%) e o acondicionamento ás condicións climatolóxicas para asegurar o seu uso durante todo o curso escolar. Aínda que a Galiza tamén sofre as consecuencia do cambio climático e do incremento das temperaturas o feito diferencial dunha maior nivel de precipitacións tamén debe estar recollido na adecuación destes espazos exteriores. Así mesmo, volveu incidirse en que aula de usos múltiples non teña que empregarse como comedor e que se aseguren zonas de xogo suficientes nas aulas dado que o documento só indica que se deben diferenciar áreas de descanso e de hixiene. Na práctica as zonas de descanso son as mesmas que as de xogo e redúcense as opcións de espazo para esta última.

Preguntados polos prazos de aprobación da modificación deste Real Decreto do ano 2010 os representantes ministeriais comentaron que teñen pendente reunirse coas CCAA e non deron datas definitivas, mais é un trámite que o goberno non ten que demorar excesivamente no tempo. Dado que se trata doutra etapa non obrigatoria, esta modificación incluiría tamén a proposta ministerial de baixar a ratio de bacharelato máxima de 35 a 30 a partir do curso 29/30. Neste punto a CIG-Ensino volveu incidir en que é preciso que se axilice a temporalización da baixada de ratios e que esta comece no primeiro curso de todas as etapas á vez (segundo ciclo de infantil, primaria, secundaria, educación para persoal adultas e bacharaleto), a ser posíbel desde setembro de 2026 e senón desde setembro de 2027. Así mesmo, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, pediu que se acometa a regulación de ratios máximas para as distintas modalidades da Formación Profesional porque, aínda que no RD 659/2023 se indica que a comezos do curso 28/29 estas deben ser máximo de 25 en ciclos medios e superiores e CE presenciais e de 20 en ciclos básicos, esta última por exemplo é moi elevada ou non se aborda a modalidade a distancia, a oferta modular...

Previsto un Real Decreto Lei en caso de que non se aprobe a Lei de redución horaria e de ratios

Representantes do Ministerio informaron tamén que teñen previsto aprobar un RD Lei, para o que non precisan de maioría absoluta nas Cortes xerais, coa redución de ratios e da xornada lectiva no caso de que o Proxecto de Lei que está nestes intres no Congreso non supere a súa tramitación parlamentaria. Neste sentido cómpre lembrar tamén que a derrogación do RD Lei é moito máis sinxela que a dunha Lei, dado que esta última implica a elaboración doutra nova. Lembramos que o texto que está agora mesmo no Congreso dos Deputados inclúe o seguinte:

- Baixada a 20 alumnos/as por unidade escolar a partir do curso 27/28 no segundo ciclo de educación infantil. A CIG-Ensino pediu a redución a 15 deste cociente tendo en conta a baixada que se propón agora para 2-3 anos de 8 por aula e o salto cuantitativo que implica que en 3-4 anos pasen a 20 por docente sen que iso se traduza nun salto madurativo. En Galiza completarase o próximo curso a baixada a 20 nesta etapa.

- Baixada a 22 alumnos/as por unidade escolar a partir do curso 27/28. Coincidiría temporalmente co acordo da Xunta de 2023 agás que en Galiza sería de 20, un número cada vez máis adaptado á realidade demográfica da maior parte das localidades galegas e que, ao demorarse até o curso 32/33, xa se vai producir sen necesidade de regulamentación normativa.

Nas dúas etapas de infantil e primaria a secretaria nacional da CIG-Ensino insistiu na necesidade de estabelecer ratios máximas para as aulas mixtas tan habituais no rural galego onde os agrupamentos, con claros efectos a nivel pedagóxico, son máis frecuentes que a masificación.

- Baixada a 25 alumnos/as por unidade na Educación Secundaria Obrigatoria a partir do curso 28/29. Neste caso a Xunta levará á Mesa Sectorial do vindeiro martes unha proposta que se limita a cumprir o Proxecto de Lei do Ministerio. A CIG-Ensino volveu insistir en que se adiante a súa calendarización dado que actualmente esta etapa é a que concentra maiores problemas de convivencia e de problemáticas relacionadas coa atención á diversidade do seu alumnado.

- Baixada a 30 alumnos/as por unidade no Bacharelato desde o curso 29/30. De novo incidiuse en que é preciso adiantar esta temporalización e ser máis ambiciosos igualando a ratio con Secundaria a 25. Na proposta que trae a Consellaría de Educación á Mesa Sectorial o martes non aparece nada reflectido a respecto do Bacharelato, polo que se entende que non tiña previsto regulamentala até que rematara a redución na ESO.

- Educación para persoas adultas. O Ministerio inclúe unha modificación tamén no RD 132/2010 que di literalmente “as administracións educativas procederán á redución progresiva das relacións numéricas alumnado-profesor/a destes centros” sen entrar a valorar cifras concretas. A Consellaría tampouco ten pensado acometer esta regulamentación dado que non inclúe estas ensinanzas no documento que trae á Mesa Sectorial do martes.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, solicitou que tamén se regulen ratios máximas para o persoal especialista en atención á diversidade, nomeadamente para o persoal orientador, e que se revise o cómputo dobre do alumnado NEAE e non só do alumnado NEE. Con todo, e malia considerar as propostas do Ministerio como insuficientes, a CIG-Ensino fai unha valoración positiva de como se foron producindo as sucesivas negociacións, tendo en conta que deberan ser na Mesa Sectorial e non en grupos de traballo, pero que en todo caso foron primeiro contrastadas coas organizacións sindicais antes de con outros axentes. Isto contrasta coa falta de respecto polos órganos de representación laboral da Consellaría de Educación que en ensinanzas como a Formación Profesional ou para a tramitación da Lei de Educación Dixital presenta a súa proposta antes a axentes externos ao sistema educativo que á representación do profesorado, alén de que as medidas avanzadas para o vindeiro curso sobre ratios e xornada laboral foran tratadas de forma escurantista e totalmente opaca na comisión de seguimento dun acordo asinado por unha minoría sindical.

 

Volver