A presión da CIG-Ensino materialízase en avances na negociación do Plan de Igualdade

O sindicato anima ao profesorado a facer achegas ao primeiro borrador de protocolo de acoso que foi facilitado no día de hoxe pola administración e a colaborar na construción das futuras medidas que conterá o Plan de Igualdade

O pasado mércores 25 tivo lugar unha reunión na que se coñeceu o primeiro borrador do protocolo de acoso aportado pola administración logo dun ano e nove meses de negociación. Esta convocatoria prodúcese tras meses de denuncia pública por parte do sindicato, incluídas concentracións de persoal delegado, sobre a falta de avances neste ámbito e a paralización dos traballos por parte da Consellaría de Educación. Na reunión acordouse abrir un prazo de achegas até o 15 de abril, tanto para o borrador do protocolo de acoso como para as medidas do Plan de Igualdade, así como convocar unha nova reunión o día 22 de abril.

En canto ao borrador do protocolo de acoso, A CIG-Ensino anunciou a súa intención de estudalo en profundidade, tanto no ámbito da federación como por parte do gabinete técnico de igualdade da central sindical e de facelo público para poder recibir as achegas do profesorado en canto fora facilitado para a súa difusión.

A estrutura do documento abrangue os seguintes aspectos principais:

  • Obxecto e ámbito de aplicación: definición das condutas constitutivas de acoso. Establécese un ámbito que comprende o conxunto das relacións laborais e a súa interacción con outros colectivos.
  • Tipoloxía de condutas e límites do protocolo: diferénciase entre acoso e conflitos relacionais, que segundo a proposta quedarían fóra do protocolo, así como entre acoso e feitos que poidan constituír delito, que deberán ser derivados á vía xudicial.
  • Canles de comunicación e inicio das actuacións: as denuncias deberán presentarse por escrito e ser ratificadas. Prevese tamén a actuación de oficio por parte da administración, así como a coordinación con outras canles internas xa existentes.
  • Comité de intervención: prevese crear un órgano técnico encargado da investigación e a cualificación preliminar dos feitos, paritaria entre a administración e a representación sindical.
  • Procedementos de actuación: o borrador de protocolo contempla tanto vías formais como mecanismos de mediación ou conciliación.
  • Medidas de protección e reparación: inclúense medidas preventivas, e cautelares para protexer á vítima, destacando que non deberá ser apartada do seu posto de traballo. Tamén se recolle a garantía de indemnidade para evitar represalias.
  • Prazos e investigación: establécese a necesidade de fixar prazos áxiles.
  • Coordinación e límites de actuación: no borrador prevese a coordinación con outros ámbitos da administración e límites de actuación en determinados casos, como os conflitos con persoas alleas á administración (por exemplo, familias)

A CIG-Ensino a maiores de elaborar propostas de emenda para o protocolo de acoso, negociará na reunión do día 22 de abril medidas sobre as diferentes materias do conxunto do Plan de Igualdade, sobre as que o sindicato xa ten detectadas eivas e necesidade de avance real. Incluímos os ámbitos sobre os que se redactarán as medidas para facilitar as achegas:

  • Clasificación profesional e promoción
  • Formación
  • Condicións de traballo
  • Igualdade retributiva
  • Conciliación e corresponsabilidade
  • Infrarrepresentación feminina
  • Prevención de acoso e violencias sexuais
  • Violencia de xénero
  • Saúde laboral con perspectiva de xénero
  • Comunicación
CIG

As aportacións ao documento deberán de facerse antes do mércores 15 de abril mediante correo electrónico ao enderezo: igualdade@cig-ensino.gal.

Ligazón ao borrador do Protocolo de acoso

Volver