
A Presidenta do Parlamento prohíbelle ao secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, acceder como convidado ao pleno
Non deixa de ser curiosa, nin casual, esta actitude represiva precisamente contra a CIG, conculcando un dereito cívico como este
O secretario nacional de CIG-Ensino explica que, malia estar convidado polo BNG, xa nin sequera aparecía na relación de convidados para asistir á sesión plenaria. Porén, asegura que nin el, nin o propio BNG, organización que tramitou o convite, foron informados, nin de que non se lle permitiría o acceso, nin, moito menos, das razóns polas que se decidiu esta prohibición.
Na porta de entrada á sala dos convidados ao pleno, o xefe de seguridade impediulle o paso, afirmando, unha vez que o deputado Bieito Lobeira lle fixo saber que na relación de convidados ía a proposta de Anxo Louzao, que a listaxe procedía da Presidencia. Con posterioridade, puidemos saber que a decisión fora tomada pola presidenta da Cámara.
Para o secretario nacional de CIG-Ensino, esta actitude constata a “persecución sindical” da que é obxecto a CIG, por parte do PP, e supón unha “vulneración de dereitos democráticos, por parte dunha representante pública que actúa como se a cámara de representación do pobo galego fose a súa finca privada”.
Louzao afirma que “non deixa de ser curiosa, nin casual, esta actitude represiva precisamente contra a CIG, conculcando un dereito cívico como este”.
Pola súa banda, María Xosé Abuín lembra que a persecución sindical do PP vén de lonxe e que mesmo en 1994, sendo Alberto Núñez Feijóo secretario da consellería de Sanidade impediu aos representantes de CIG-Saúde participar nunha Mesa Sectorial, mesmo con presenza policial. Unha actitude que o propio Tribunal Constitucional considerou que vulneraba a liberdade sindical, en sentenza xudicial do ano 2000, obrigando ao actual presidente da Xunta a pagar unha multa.
A CIG-Ensino vai estudar a posibilidade de denunciar no xulgado esta actitude autoritaria, arbitraria e antisindical da presidenta do Parlamento galego.