
A precariedade laboral mata. A CIG-Ensino condena o asasinato dunha traballadora social
Concentración diante das facultades de Educación mañá, xoves 13 de marzo, ás 12 horas
A CIG, central sindical maioritaria no sector de reforma xuvenil e de protección de menores en Galiza, apoia as concentracións de mañá, xoves 13 de marzo, nas tres universidades públicas galegas en rexeitamento ao asasinato dunha educadora social nun piso tutelado en Badajoz e en solidariedade coa familia e os compañeiros e compañeiras da vítima.
Concentración e minuto de silencio.
Xoves 13 de marzo ás 12:00 horas.
Diante das facultades de educación das universidades públicas galegas:
- A Coruña (Campus Elviña).
- Lugo (Centro Asociado da UNED).
- Santiago de Compostela (Campus Vida e Campus Norte).
- Ourense (Campus as Alagoas, diante do edificio de Ferro).
A central sindical condena calquera tipo de agresión contra as traballadoras e traballadores destes centros, máis neste caso que se dá na súa máxima expresión, o asasinato dunha persoa.
A CIG segue a reivindicar máis protección e vixilancia nos centros de intervención social, que se reforce o persoal na atención directa, a baixada nas rateos para unha mellor atención, ademais doutro tipo de melloras de ámbito laboral e social.
O sindicato leva anos denunciando a falta de cobertura de baixas, o infrafinanciamento dos recursos tanto materiais como persoais, a externalización na prestación destes servizos que deberían ser de xestión directa e pública, o estado das instalacións, en moitos casos obsoletas e sen o acondicionamento adecuado, a precariedade laboral, así como o exceso de rateos en todos e cada un dos centros.
Resulta especialmente grave o desinterese das administracións públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza que ten as competencias nesta materia, á hora de destinar os orzamentos suficientes para atender ás e aos menores, tanto no relativo á crianzas tuteladas como as que teñen que cumprir algún tipo de medida xudicial ou de reforma, cando son un colectivo altamente vulnerábel e en risco social.
Os servizos sociais están totalmente esquecidos pola Consellaría de Política Social, como evidencia que a día de hoxe a CIG-Ensino segue sen ter resposta da conselleira Fabiola García á petición de reunión para tratar a situación dos centros de menores na Galiza, a pesar de ter reiterado esta solicitude en diversas ocasións e malia a entrega de máis de 500 sinaturas (o 60% do persoal) instando a unha mellora das condicións laborais e sociais e á negociación dun convenio galego que dea resposta ás necesidades, preocupacións e intereses do persoal traballador.