A práctica totalidade do persoal convocado que non tiña que estar como servizos mínimos secunda a folga en menores, discapacidade e infantil 0-3
A primeira xornada de folga conxunta nestes tres sectores foi un éxito tendo en conta que só podía participar un 30% dos máis de 5.000 traballadores/as que os conforman por mor duns servizos mínimos que as organizacións convocantes tachan de abusivos.
Na manifestación en Santiago de Compostela que rodeou o edificio administrativo de San Caetano para rematar diante de Política Social participaron máis dun milleiro de persoas chegadas de toda Galiza.
Primeira xornada de folga conxunta nos centros de educación infantil até 3 anos de xestión privada, nos centros de protección de menores e de reforma xuvenil e nos centros de atención a persoas con discapacidade cun éxito rotundo de seguimento, así como a asistencia á manifestación convocada para esta mañá arredor da Xunta. Tal e como destacou nas declaracións aos medios Henrique García, responsábel de Ensino privado da CIG, sindicato maioritario nos tres sectores, “todo o persoal que podía facer hoxe folga está aquí na manifestación en Santiago, dado que dos máis de 5.000 traballadores e traballadoras que suman estes tres sectores en Galiza, só podían exercer este dereito un máximo dun 30% despois de que os servizos mínimos impostos por Política Social sexan totalmente abusivos”.
Na mesma liña expresouse Gómez Soto delegada da CIG en ASPANAS (Ourense), que amosou a súa sorpresa porque a Consellaría impuxera unha ratio menor hoxe de atención ás persoas usuarias que a que teñen calquera día de traballo, “o que lles impide a moitas compañeiras participar na folga”. Tamén se queixou da situación de desgaste físico e psíquico que implica a atención a persoas con discapacidade e que, debido ás nefastas condicións laborais, acaba tamén afectando á saúde do persoal. “É necesario coidar a quen coida porque hai moito persoal de incapacidade laboral precisamente pola penosidade coa que estamos exercendo o noso traballo”.

A marcha, na que se estima unha participación superior ao milleiro de persoas, rodeou o edificio administrativo de San Caetano e transcorreu baixo consignas como “traballo feminizado, traballo precarizado”, “convenio galego, salarios dignos” ou “menos discursos e máis recursos” en alusión esta última á conselleira de Política Social que ten as competencias para xestionar estes tres servizos, a maioría deles xestionados por asociacións sen ánimo de lucro en réxime de concerto social. Neste sentido, Germán Estévez, presidente do comité de empresa de Monteledo, un dos dous grandes centros residenciais de Ourense dedicados á reforma xuvenil e a medidas terapéuticas para menores en situacións complexas, indicou que “precisamente o que pedimos é que se nos trate como un servizo público concertado e non coa situación de precariedade tanto salarial e laboral que temos actualmente, con soldos nalgúns casos rozando o SMI, conxelados nos últimos anos, sen pluses de nocturnidade e perigosidade, sen revisar á baixa a ratio de menores por educador/a nin vixiar que se cumpran as estabelecidas, sen a cobertura do persoal de baixa e con moitas dificultades para atopar persoal tanto de forma temporal como permanente. Está pasando que moitas educadoras e e educadores sociais pasan por estes centros só como unha vía intermedia mentres non atopan un traballo mellor... Ademais, a nosa realidade é moi diversa porque hai moitos centros pequenos dedicados á protección de menores en situación de vulnerabilidade, pisos tutelados, casas de acollida, puntos de encontro familiar... que teñen problemáticas particulares que non están a ser atendidas, aínda que as condicións que rexe o convenio estatal nos marquen uns parámetros iguais para todos e todas”.
Pola súa banda, na lectura final do manifesto, Lucía Barros, delegada da CIG na Escola Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra, volveu incidir en que as traballadoras do primeiro ciclo de infantil están consideradas “traballadoras pobres”, con salarios por debaixo do SMI, con ratios inasumíbeis de até 8 menores de un ano por cada traballadora ou até 20 de dous a tres anos, sen horario laboral para preparar as actividades, dado que é todo de atención directa. Nós non coidamos, nós educamos, e esa tarefa está claramente desvalorizada”. Tamén se mencionou que o convenio estatal non dá resposta ás peculiaridades de Galiza onde é gratuíta a matrícula para as familias nas escolas infantís -a través das subvencións da Xunta financiadas con fondos europeos- e iso non reverteu en mellores condicións laborais para as súa traballadoras que malia encargarse de atender e educar a nenos/as cando se trata da súa conciliación familiar e laboral non teñen ningún dereito a maiores dos recollidos no Estatuto dos e das Traballadoras.
Chamada ás patronais a negociar e a Política Social a intermediar
Pola súa banda Henrique García dirixiuse ás patronais e empresas dos tres sectores para que senten a negociar constituíndo mesas tripartitas no Consello Galego de Relacións Laborais. Deben ser decididas e valentes para facelo porque é necesario que se incrementen xa os concertos económicos e que non se agarde a que haxa novos pregos de contratación para que as subas salariais incluídas nos últimos convenios estatais permanezan sen aplicarse tres anos máis. “Moitas patronais reclamaron estes días incremento no financiamento porque a situación tamén era insoportábel para elas. Onte mesmo a propia conselleira da Política Social dixo nunha comparecencia parlamentaria que o seu departamento aplicará os convenios cando estean negociados entre patronais e sindicatos. E iso é o que pretendemos pero a administración ten que intermediar porque é o seu papel ao estar privatizados servizos que dependen directamente dela. O que está facendo nestes momentos son remendos porque aprobou algunha suba nos acordos con algunhas asociacións de atención á discapacidade para que estas puideran aplicar agora incrementos salariais dos convenios estatais. Pero estao facendo de forma desigual entre as asociacións e só por un 8,5% e non polo 10 que marca o convenio estatal”. Neste sentido Henrique García recordou que “algunha destas subas non se van producir nos convenios propios de empresas, pois son nominativos a quen ten o estatal; outras non se aplicarán a traballadores/as que teñen pregos anteriores ao convenio e outras son absorbidas polo complemento SMI“. A única solución é negociar aquí os nosos marcos de relacións laborais”, á vez que insistiu en que “Política Social está a tempo de rectificar porque todo o que anunciou de incremento nos orzamentos para o ano que vén son para outras cuestións e non para mellorar as condicións laborais do persoal traballador destes sectores”. “É preciso que neses orzamentos se inclúan partidas específicas para este fin e sentármonos a negociar canto antes”, concluíu.

