A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocadas para hoxe concentracións en toda Galiza en contra dos recortes

En Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, A Guarda, Verín, Vilagarcía, Foz, son ás 19:30, e ás 20:00 horas en Ribeira e no Barco de Valdeorras

Hoxe, martes 8 de maio, as diferentes comarcas do país acollerán concentracións simultáneas para demandar do Goberno galego o cese dos recortes no ensino público galego. Con estas mobilizacións, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego, inicia o calendario de accións que teñen como obxectivo evitar a aplicación no noso país do Real Decreto-Lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.

Estas concentracións celebraranse ás 19:30 horas en Santiago (Praza do Toural), Ferrol (diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza), Ourense (Rúa do Concello,11), Vigo (Príncipe, diante do MARCO), A Coruña (Praza de Pontevedra), Pontevedra (Praza da Peregrina), Lugo (Edificio Administrativo da Xunta de Galiza, na Ronda da Muralla), A Guarda (Praza do Reloxo), Verín (Praza do Concello), Vilagarcía (Praza de Galiza), Foz (Praza de Galiza) e ás 20:00 horas en Ribeira (Diante do Concello) e no Barco de Valdeorras (Praza do Concello).

 

A Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público Galego, constituída en autoconvocatoria o pasado 25 de abril, está integrada por representantes da  comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades (organización sindicais do ensino, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organización estudantís, partidos políticos …) e permanece aberta a novas adhesións individuais e colectivas que poden formalizarse no enderezo electrónico http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/ .

 

Calendario de mobilizacións

 

Dentro do calendario de accións aprobado pola Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público inclúese o apoio a folga de estudantes e a manifestación convocada o xoves 10 de maio. Catro días despois, o luns 14 de maio, iniciaranse peches rotativos nos centros educativos en toda Galiza e o día 3 de xuño celebrarase unha manifestación en Santiago. A Plataforma tamén insta aos Consellos Escolares e Claustros a que aproben resolucións de apoio ao ensino público.

 

No seu manifesto, a Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que as medidas aprobadas polo Goberno central -que se veñen sumar aos recortes a aplicados pola Consellaría de Educación nos últimos anos no ensino galego- buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Volver