A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público escenifica as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE
O escritor e mestre Xabier Docampo compartiu a súa experiencia como alumno durante o franquismo nun acto realizado no Museo Pedagóxico de Galiza
Xabier Docampo (Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil) resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas.
Xabier Docampo tamén se referiu á situación do idioma “chegabamos todos falando galego mais a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e á segregación “brutal” e contranatura que sufría o alumnado. O mestre e escritor, que insistiu en “canto de verdade hai” na afirmación de que a LOMCE é un retroceso. Tamén compartiu a súa experiencia coas reválidas das que dixo “significaban a perda dun ano de aprendizaxe que era dedicado exclusivamente a preparar a proba. O clasismo, a xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das aulas do Mupega.
Este acto contra a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino público terán continuidade nos actos reivindicativos que organiza para o 4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en todas as cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser ás oito.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).