A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entrégalle cabazas ao ministro e ao conselleiro polo seu suspenso como responsables da Educación
Convocou un acto reivindicativo diante da Consellaría como preludio da folga e as manifestación contra a LOMCE do 24 de outubro
O acto está encadrado nas mobilizacións que de xeito permanente está a convocar a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE e os recortes no ensino público, e unha vez que a LOMCE xa pasou o trámite parlamentario do Congreso e foi enviada ao Senado. A Plataforma recorda que a LOMCE expulsará do ensino a unha boa parte do alumnado, o que teña menos recursos, avanza na confesionalidade e na privatización do ensino e é unha lei profundamente españolizadora , que nega o dereito ao ensino en galego.
Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, segundo explicou Anxo Louzao, integrante da Plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, a LOMCE “é unha lei que nace cos días contados e que vai directamente contra o corazón do sistema educativo público”. Anxo Louzao afirmou que o conselleiro e o ministro son moi merecentes destes “agasallos” en coherencia co que levan feito contra ensino público, gañándose un suspenso moi merecido.
Este acto é o preludio da folga contra a LOMCE do 24 de outubro e as manifestacións convocadas para as 11:30 horas nas sete cidades, Burela, Vilagarcía, Lalín, Cee, Carballo e Ribeira.