A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca manifestación nacional o 28 en Compostela en demanda de medidas para atender a diversidade

A marcha sairá ás 12 horas da Alameda compostelá e está aberta á participación de toda a sociedade galega, así como de asociacións vinculadas ao ensino e á diversidade funcional. Está previsto que haxa servizo de autobuses desde distintas comarcas.

No último curso do que hai estatísticas, o 23/24, o 17% do alumnado matriculado en Galiza en centros públicos desde infantil de tres anos a ciclos superiores ten necesidades de atención educativa, ou o que é o mesmo en números absolutos, un total de 65.259 estudantes só con casuística NEE ou NEAE.

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciaron esta mañá en Santiago a convocatoria dunha manifestación para o próximo sábado, 28 de febreiro, centrada na demanda de medidas que permitan atender a cada vez maior diversidade que existe nas aulas galegas. A presidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete, explicou que “este problema afecta a toda a comunidade educativa, comezando polo alumnado máis vulnerábel que é o que ten diagnósticos ou sofre de problemáticas que requiren unha atención especial, pasando polo resto de estudantes que comparten aula e centro educativo e polo profesorado que non ten ferramentas para levar a cabo esta atención e, por suposto, as familias”. Neste sentido lembrou que no vai de curso son moitas as Anpas que están saíndo á rúa para visibilizar estas problemáticas e que é preciso seguir facéndoo até conseguir avances. 

Datos fronte a propaganda 

Pola súa banda, Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, incidiu en que ante a situación que vive o ensino público e a conflitividade deste curso faise necesario reactivar a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público galego, na que teñen representación Anpas, o sindicato maioritario no ensino público, organizacións estudantís e políticas. En concreto deu datos do incremento “espectacular” no número de alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) nos últimos anos, alén doutras problemáticas cada vez máis acuciantes nas aulas como os trastornos de saúde mental que non están reflectidos nas estatísticas publicadas polo Ministerio de Educación. “Por suposto este incremento das necesidades non veu acompañado nin do aumento proporcional de persoal para atender a diversidade (especialistas de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, persoal auxiliar coidador e Orientación) nin doutras medidas necesarias como maior persoal docente en xeral para realizar apoios, desdobres ou reforzos en todas as etapas. 

Así, comparativamente no período que vai do curso 19/20 ao 23/24 o total de alumnado matriculado en Galiza con necesidades educativas especiais desde o segundo ciclo de infantil até ciclos superiores de FP incrementouse sobre todo en infantil, debido aos diagnósticos máis temperás pasando de 987 a 2.439 en cifras absolutas e tamén significativamente na Formación Profesional na que até hai poucos anos esta non era unha problemática relevante nas aulas. Cómpre lembrar que o alumnado NEE é aquel con condicións graves (discapacidade intelectual, motora, auditiva, visual, trastorno do espectro autista (TEA), trastornos de comunicación, trastornos graves de conduta ou pluridiscapacidade).

No que ten a ver co alumnado NEAE (con diagnósticos como dislexia, trastorno da linguaxe, altas capacidades, TDAH, vulnerabilidade socioecónomica, incorporación tardía, alumnado migrante con dificultades coa lingua ou de adaptación...) o incremento foi aínda máis relevante neste período de tempo, destacando especialmente as etapas de primaria, ESO, Bacharelato e FP.

A porcentaxe de alumnado NEE e NEAE sobre o total matriculado nestas ensinanzas no último curso do que hai estatísticas sitúase nun 17,5%, cando no 20/21, que foi o primeiro que do Ministerio forneceu este dato, estaba no 13,3%.

A preguntas xornalísticas, a secretaria nacional da CIG-Ensino desmontou a propaganda da Consellaría indicando que a oferta de emprego público deste ano é a peor dos últimos sete anos, tal e como denunciou o sindicato esta mesma semana, e a segunda peor no que ten a ver con prazas de PT, AL e Orientación.

Ademais explicou que hai tamén moito descontento polo estado dos centros de ensino, moitos deles con espazos inhabilitados ou mesmo que poñen en risco a seguridade da comunidade educativa, e outros moi afectados polas obras como o CIFP Manuel Antonio de Vigo, o maior centro de Galiza. “A última semana de febreiro será, sen dúbida, unha semana de loita porque van coincidir no tempo diversas mobilizacións de profesorado e familias en distintos puntos de Galiza, que agardamos que acaben confluíndo o día 28 en Compostela coa forza da unidade de toda a comunidade educativa e tamén de toda a sociedade porque defender o ensino público é unha causa colectiva”, concluíu.

Volver