
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galiza para o día 9 de marzo
E manifestacións ás 11:30 horas nas cidades e vilas
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera que unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.
Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado, e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental que a xornada de folga do día 9 sexa todo un éxito.
No entanto, considerando que a derrogación da LOMCE é imprescindíbel a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou convocar folga para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza, mantendo as nosas reivindicacións e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.
☆ A Coruña: Praza de Vigo
☆ Santiago: Alameda
☆ Ferrol: Praza de España
☆ Ribeira: diante do IES Nº1
☆ Lugo: Praza da Horta do Seminario
☆ Ourense: Subdelegación do Goberno
☆ Pontevedra: Praza da Peregrina
☆ Vigo: Praza de América
Toda a información sobre a convocatoria e do distinto material pódelo atopar na seguinte ligazón