A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concéntrase diante de Educación para denunciar os recortes en educación e exixir a retirada da LOMCE
A mobilización coincidiu co inicio do curso en Infantil e Primaria e a publicación da adxudicación de destinos provisionais de Secundaria
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público repasou as carencias que ten o sistema educativo público galego e as cifras que marcan o inicio de curso con 15 centros menos, 64 unidades suprimidas, profesorado sen traballo (que fai falta nos centros) ou máis de 700 docentes que van ter que impartir materias das que non son especialistas, entre outros datos. “Desmantélase o público mentres se apuntala a privada, con 40 unidades máis concertadas e 18 ciclos formativos novos incluso con centros que segregan alumnado por sexo”, dixo Anxo Louzao, da CIG-Ensino, integrantes da Plataforma.
Pero se algo marca o inicio deste curso escolar 2013-2014, insistiron os integrantes da Plataforma, é o incremento do gasto escolar que vai dificultar o acceso á educación a moitas familias por medidas como a limitación da gratuidade nos libros de texto, o novo decreto de comedores, a suba das taxas na universidade, a redución das bolsas ou a suba das matrículas nos conservatorios. Neste sentido, Elvira Lombao da Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL) denunciou que o novo decreto de comedores nega a gratuidade do comedor incluso ao alumnado que o precisa porque ten que ir en transporte escolar aos centros e subliñou que “a Consellaría vai cobrar máis de catro euros por un menú que costa pouca máis de dous euros”: tamén Alexandre García dos Comités, afirmou que moitos estudantes están a ter dificultades para pagar as matrículas.
A concentración de hoxe terá continuidade coa mobilización que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten prevista para o 28 de setembro e que consistirá nunha Marcha a Santiago. A Plataforma ofrecerá autobuses desde diferentes comarcas. Os autobuses chegarán en Santiago a Ponte da Rocha, inmediacións do CEIP Lamas de Abade, Polígono do Tambre e Monte do Gozo, lugares desde os que sairán a pé, ás 10:30 horas, os/as participantes en dirección á Praza de Praterías, na que se fará, ás 12.00 horas, un acto reivindicativo final.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPAS de Compostela, do BNG, Galiza Nova, Federación de ANPAS da Costa da Morte, Federación de ANPAS de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes e Liga Estudantil Galega.