A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a secundar a folga contra a LOMCE

E anima a participar nas mobilizacións previstas para mañá 24 de outubro ás 11:30 horas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca mobilizacións ás 11.30 horas en Lugo, Burela, Ferrol, Carballo, Cee, A Coruña, Santiago, Ribeira, O Barco, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín e Vigo

Representantes da Plataforma Galega en Defensa de Ensino Público fixeron este mércores 23 de outubro un chamamento a que o profesorado, o alumando e o e as familias secunden de xeito masivo a  folga contra a LOMCE convocada para mañá e as mobilizacións previstas para as 11:30 horas nos seguintes lugares:

  • A Coruña (Praza de Vigo)
  • Carballo (Praza do Concello)
  • Cee (Praza do 8 de marzo)
  • Ferrol (Praza de España)
  • Santiago (Praza do Toural)
  • Ribeira (Estación de Autobuses) 
  • Ourense (Diante da Xefatura Territorial de Educación. Rúa Concello)
  • Pontevedra (Praza da Peregrina) 
  • Vilagarcía (Praza de Galiza)
  • Lalín (Praza de Igrexa)
  • Vigo (Praza dos Cabalos)
  • Lugo (Horta de Seminario)
  • Burela (Praza da Mariña)
  • O Barco (Praza do Concello)

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Publico insistiu na importancia de que estas mobilizacións sexan un éxito porque aínda que o PP aprobe a lei, é un contrareforma que nace morta. A Plataforma valorou como un éxito das mobilizacións realizadas até o de agora o feito de que as forzas da oposición expresaran o seu compromiso de derrogala se se produce unha alternativa no Goberno central.

Despois das máis de 900 asembleas realizadas nos centro de ensino galegos, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, organización sindical maioritaria entre o profesorado galego e integrante da Plataforma Galega en Defensa de Ensino Público explicou que todo indica que o profesorado vai secundar maioritariamente a folga e que as mobilizacións van ser multitudinarias porque o conxunto do profesorado é consciente de que esta lei anula a liberdade de cátedra e a importancia da función docente. Louzao referiuse ao procedemento para aprobar a LOMCE como un camiño inzado de autoritarismo. Tamén lembrou a actitude do conselleiro de Educación que se negou a debater a LOMCE coa comunidade educativa galega e se comportou como alumno avantaxado, en materia de concertos, de modelo lingüístico -que agora copia a LOMCE- e de recortes. Neste sentido lembrou que os orzamentos dedicados ao ensino público reducíronse desde o ano 2009 nun 33%.

O presidente da Federación das ANPA de Compostela Fernando Lacaci referiuse tamén ao traballo de mobilización e de información realizado polas propios pais e nais que entenderon que esta lei é un “despropósito”, que é “perniciosa e letal” e que deixará fóra da “carreira” aos seu fillos e fillas. Lacaci tamén se referiu aos recortes como un “torpedo á liña de flotación da educación” que responden a unha “política de anulación dun dereito” porque para ter unha educación boa hai é imprescindible dedicarlle recursos.

Monica Martínez dos Comités, falou en representación do estudantado e subliñou que desde a unidade que representa a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público “conseguiremos enterrar ese cadáver que é a LOMCE. Non deixaremos de estar na rúa defendendo un ensino público, galego e democrático”. De feito a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocado xa actos reivindicativos para o 13 de novembro e está a recoller sinaturas para o Manifesto Cultura Galega contra a LOMCE.

Na rolda de prensa estiveron representantes de distintas  organizacións que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: Carmen Romero da AS-PG, Anxo Louzao da CIG-Ensino,  Mónica Martínez dos Comités, a Liga Estudantil Galega,  Fernanado Lacaci, da Federación das ANPA de Compostela, Andrea Martins, de Galiza Nova e o deputado Cosme Pombo do BNG. A Plataforma está integrada tamén pola Federación Provincial das ANPA de Lugo (FAPACEL), a Federación das ANPA da Costa da Morte, a Federación das ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), o Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público e o Sindicato de Estudantes.

Volver