A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anuncia novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes
Un acto o 28 de maio comparará a LOMCE co ensino no franquismo e o 4 de xuño darase lectura a un manifesto nos centros e faranse actos reivindicativos pola tarde na rúa
No acto do 28 de maio participará profesorado que experimentou na súa propia carne o ensino do franquismo. Entre as semellanzas sobre as que se quere chamar a atención están, segundo explicou Anxo Louzao, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, as reválidas, o reforzamento da Relixión, avaliable a todos os efectos, os principio clasistas e segregadores do ensino no franquismo -e que tamén inspiran a LOMCE- o centralismo ou a xestión antidemocrática dos centros, entre outros.
Por outra banda, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fará un chamamento para que o día 4 de xuño, nos centros - durante o recreo- se dea lectura a un manifesto de rexeitamento da LOMCE e os recortes. A xornada continuará con actos lúdico-reivindicativos na rúa ás sete da tarde, semellantes ao realizados noutras ocasións.
Con estes actos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén quere denunciar os recortes que se van producir para o inicio do curso escolar, con novas supresións, deficiencias nos centros, a falta de prazas -especialmente en ensino infantil de 0 a 3 anos e a formación profesional-, aulas masificadas e outras actuacións da Consellaría como a circular ás Escolas oficiais de Idiomas para que o alumnado que cursa 4º da ESO só nos centros plurilingües poida acadar o nivel básico ou intermedio de Inglés e Francés.
Na rolda de prensa estiveron representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).