A partir de hoxe a Xunta deixa totalmente desprotexido o persoal docente ante situacións de acoso

Publicouse no DOG unha resolución que exclúe “de forma expresa” o persoal docente, de sanidade e de xustiza do Protocolo da Xunta de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo.

Esta decisión responde á estratexia da Consellaría de Educación de evitar as multas e sentenzas condenatorias por non aplicar o Protocolo da Xunta ante a inexistencia dun propio. A CIG-Ensino lamenta que en lugar de axilizar a aprobación do Protocolo fronte ao acoso para o colectivo docente, que está pendente de detalles técnicos tras a súa negociación dentro do Plan de igualdade, o departamento de Román Rodríguez opte pola dilación e por seguir incumprindo a normativa de igualdade.

A Xunta de Galiza e a Consellaría de Educación consumaron hoxe a súa intención de deixar desprotexido ao profesorado ante calquera situación de acoso e violencia sexual ou psicolóxica que sufra no traballo. Coa publicación no DOG da Resolución do 2 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta do 1 de xuño de 2026, polo que se modifica o I Plan de igualdade da Xunta de Galicia o persoal docente, xunto co de sanidade e co de xustiza, quedan excluídos, “de forma expresa”, tal e como reza a resolución, do Protocolo da Xunta de actuación fronte a estas situacións no traballo. Esta decisión aprobada na Comisión de Seguimento do I Plan de igualdade da Xunta de Galicia e na Comisión de Persoal, á que o sindicato CIG se opuxo frontalmente, foi ratificada o pasado día 1 no Consello da Xunta. 

Para a CIG-Ensino é indigno que o goberno da Xunta se dedique a modificar a normativa para vulnerar dereitos laborais en lugar de axilizar a aprobación dun Protocolo de Acoso no ámbito docente, que debera estar en vigor desde hai moitos anos en cumprimento da Lei de igualdade. Ademais, a elaboración e redacción deste Protocolo está practicamente rematada despois de varias reunións dentro da negociación do I Plan de igualdade da Consellaría de Educación e de que a administración admitira boa parte das emendas presentadas pola CIG-Ensino. Así as cousas, a partir de hoxe calquera docente que se atope nunha situación de vulneración dos seus dereitos neste ámbito terá moitas máis dificultades para acudir á xustiza e demandar que se lle aplique o Protocolo da Xunta. Esta situación fora recoñecida con varias sentenzas condenatorias á Consellaría de Educación precisamente por non dispor do seu propio Protocolo e non aplicar o da administración autonómica. 

A CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación a presentar canto antes o último borrador do Protocolo contra o acoso no ámbito docente, tal e como se comprometeu na Mesa Sectorial do pasado 26 de maio, e a non dilatar máis no tempo o cumprimento da normativa laboral en materia de igualdade.

Volver