A partir da vindeira semana reavívase o conflito laboral docente coa acción “martes en loita” e peches rotatorios en centros educativos por todo o país
Esta é a proposta que lanzan CIG e STEG até o Entroido para visibilizar as reivindicacións do profesorado en colexios e institutos diante da comunidade educativa e da sociedade, sen descartar outras accións contundentes no que resta de trimestre.
Os peches realizaranse a partir de media tarde para facilitar a asistencia de profesorado e familias en centros das comarcas da Coruña, Costa da Morte, Ferrol, Compostela, Lugo, Terra de Lemos, A Mariña, O Salnés, Deza, Pontevedra, Vigo, O Morrazo, O Condado, Ourense...
Ademais, a partir do próximo 27 daría comezo a acción “martes en loita” na que se anima ao profesorado a vestir de negro e con mensaxes reivindicativas tanto dentro como fóra do seu posto de traballo e a transmitir nas clases e nas titorías con familias as demandas que están protagonizando este curso e que lles afectan directamente: ratios elevadas, falta de persoal para atender a diversidade, xubilacións amortizadas, profesorado impartindo materias das que non é especialista, burocracia asfixiante, falta de liberdade pedagóxica...
Despois do enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, o conflito laboral que mantén o profesorado coa Consellaría entra noutra fase na que as organizacións convocantes das mobilizacións pretenden “resucitalo” tamén simbolicamente. “Ao igual que no día a día é o persoal docente o que mantén vivo o ensino público malia a súa situación agonizante, as accións que se propoñen antes do Entroido van na liña de facerlle ver a toda a sociedade, fundamentalmente á máis afectada polos recortes, alumnado e profesorado, que estamos a tempo de revivilo unindo as nosas demandas e mantendo a tensión fronte á Consellaría. Neste tempo, e malia cinco convocatorias de folga e mobilizacións multitudinarias, o único que fixo o conselleiro foi redobrar a propaganda con vídeos nas redes sociais cada semana e visitas a centros mesmo cando non teñen ningún obxectivo, como a que fixo o día 2 de xaneiro a un instituto de Caldas en obras na que, por certo, lle faltou ao respecto a todo o profesorado dicindo dúas veces que traballa pouco”, comenta Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.
Malia este silencio e o desprezo polo sentir maioritario do profesorado galego, o sindicato maioritario é optimista e chama a non resignarse. “Temos que manter o espírito co que arrancamos esta loita: RECTIFICAR, RECUPERAR, RECOÑECER, é preciso recuperar os dereitos perdidos, que se rectifiquen as políticas de recortes e que se recoñeza o profesorado como se merece. Os obxectivos están intactos. Sabemos, porque así nolo dixeron cando lles propuxemos unirse ás mobilizacións, que os sindicatos asinantes do acordo están negociando medidas coa Consellaría e queremos denunciar como se está a facer. É absolutamente imprensentábel que se estean producindo esas reunións xa non só porque se deixa de lado a representación maioritaria do profesorado, senón porque non se informa de que é o que está enriba da mesa. Fálase da recuperación do horario lectivo de secundaria e outras ensinanzas a 18 horas por exemplo. Pero desde cando actúan así organizacións sindicais? O profesorado ten claro que isto coa CIG nunca pasaría porque sempre que estamos nunha negociación publicamos as propostas que fai a administración para recibir achegas e imos informando de cada paso que se dá. Nunca negociamos ás escondidas. É unha falta de respecto por todas as partes e deslexitima a función que debe ter a verdadeira representación sindical, aínda que hai ben tempo que no ensino público estas organizacións non actúan como tales”, apuntou Arroxo.
Peches rotatorios abertos a toda a comunidade educativa e “martes en loita”
A primeira das medidas que propoñen CIG e STEG “para descentralizar aínda máis o conflito” son peches rotatorios a partir de media tarde nos propios centros de ensino. Serán os martes, mércores e xoves das dúas vindeiras semanas e realizaranse en centros da Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Vigo, Cangas, Ponteareas e Ourense, a falta de que se poida sumar algunha outra localidade. Trátase dunha medida para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa. Os peches darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros, debater sobre futuras accións a levar a cabo... Á mañá seguinte farase unha acción informativa na entrada ás aulas.
Ademais, a vindeira semana tamén dará comezo outra iniciativa que pretenden impulsar as organizacións convocantes das mobilizacións e que leva por título “martes en loita”, co fin de manter o espírito do lema que vén acompañando todo este conflito “profesorado en loita”. “De novo, xogando co ensino en loito e en loita, propoñemos ao profesorado que acuda os martes a traballar vestido de negro, se concentre con mensaxes reivindicativas e que lle comente tanto ao alumnado como ás familias nas titorías as problemáticas que ten no seu centro e que afectan directamente á calidade educativa. A idea é ir máis alá e levar esta vestimenta tamén fóra do centro para unha maior visibilización social”, explica a responsábel da CIG-Ensino.
Esta acción desenvolverase até o Entroido tendo o día 10, o martes anterior a este período, unha significación especial. “Para visibilizar todas estas accións é obvio, e máis na sociedade na que vivimos, que é necesario que o profesorado faga fotos e vídeos desas concentracións e as comparta tanto con nós como nas súas redes sociais. Isto farase cada martes pero o último, antes do Entroido, que sabemos que en moitos centros se traballa cos mandatos do Meco ou directamente se acode a traballar disfrazado, propoñemos que sexa unha xornada especialmente reivindicativa neste sentido. A imaxinación do profesorado seguro que non defrauda e se hai quen quere caracterizarse dos perpetradores dos recortes, de Rueda e Rodríguez, ou como vimos nas manifestacións do anterior trimestre das orientadoras pantasma que faltan nos centros ou dos manifestantes docentes que ocultan os medios de comunicación públicos todo será benvido”, engade. Será pois a antesala dun entroido reivindicativo nos centros educativos da que debe quedar a máxima constancia a nivel gráfico para facerlle ver á Consellaría a magnitude do malestar do profesorado ao que non pode seguir ignorando nin xogando con el por cálculo político “porque no caso da recuperación das 18 horas parece que o único que está agardando é a ver se hai algún movemento por parte do goberno central para vender que se adianta ou se finalmente a proposta do Ministerio vai quedar en nada, aforrar calquera avance”, sinala Arroxo.
Con todo, o sindicato maioritario non descarta máis convocatorias de folga nos próximos meses e espera que estas e outras accións sorpresa que se van levar a cabo lle sirvan como ultimato á Consellaría para que sente a negociar dunha vez por todas coa representación sindical maioritaria e que está liderando estas mobilizacións.
Novas relacionadas

