A oferta de FP para o curso 2019/2020 desoe as peticións dos centros educativos

O Director Xeral de Formación Profesional volve mostrar a súa peor cara

O martes día 11 está convocada a Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional.

Nesa xuntanza trataranse entre outros temas a oferta de formación profesional do sistema educativo galego, tanto ordinario como modular para o curso 2019/2020.

Nunha análise moi rápida da oferta a CIG Ensino detectou que a mesma non recolle as solicitudes dos centros galegos. O director xeral volve presentar unha oferta na que a opinión e as necesidades dos centros educativos galegos non aparece reflectida.

Dende a Consellaría de Educación, ningunéase o profesorado, equipos directivos e centros, xa que nin sequera puideron ser coñecedores desta proposta antes da súa presentación no Consello Galego da FP.

A Consellaría, e nomeadamente o director xeral de FP, volve mostrar a súa peor cara e pretende impor unha oferta sen negociación, nin posibilidade de que os centros poidan facer valer a súa necesidade de implementar novas titulacións.

A imposición chega a tal de non autorizar ciclos medios que dan continuidade á tan cacareada pola consellaría FP Básica.

Por outro lado coartan a vontade dos centros que, cando solicitan ciclos na modalidade ordinaria, reciben presións da Consellaría para que a titulación que solicitan sexa a través da modalidade da FP dual.

Desde a CIG Ensino solicitaremos un aprazamento da xuntanza da Comisión Permanente do Consello Galego de FP para que os centros educativos e o profesorado galego poidan analizar a proposta e presentar, co tempo necesario, todas as achegas que consideren.

Oferta FP Ordinaria. Ligazón

Oferta FP Modular. Ligazón

Volver