A nova proposta do Ministerio segue a ser insuficiente ao propoñer un calendario de redución de ratios a 6 anos vista e con excepcionalidades

Na segunda reunión do grupo de traballo para negociar as condicións “de desempeño docente” a CIG-Ensino reiterou que se elimine a excepcionalidade que permite chegar a 20 horas lectivas en Secundaria e outras ensinanzas.

Aínda que o subsecretario de Educación, Santiago Roura, aceptou incorporar algunha das emendas presentadas pola CIG con respecto á anterior proposta quedan aínda moitas cuestións que non foron atendidas: a consideración das ratios para agrupamentos de distintos niveis, que lle afecta sobre todo ao rural galego; o alumnado NEAE que non computa como dobre, a definición das ratios máximas para infantil, bacharelato e ciclos de Formación Profesional (á marxe das incluídas no RD 659/2023) e unha revisión das ratios alumnado/docente e non só enfocadas ao número máximo de estudantes por aula. Así mesmo, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, aproveitou para solicitar que se siga avanzando nos outros grupos de traballo para que “se de verdade o Ministerio quere que esta sexa a lexislatura do profesorado se aproben outras medidas como o corpo único docente, por exemplo”.

O Ministerio de Educación, FP e Deportes presentou durante a reunión do grupo de traballo 4 sobre “Condicións de desempeño docentes” unha nova proposta a respecto da redución do horario lectivo e das ratios no ensino público non universitario. No primeiro punto a única novidade é a redución da excepcionalidade de 21 a 20 horas semanais no caso de secundaria e outras ensinanzas, como se recolle no documento e ao que a CIG-Ensino se volveu opoñer porque, en palabras da súa secretaria nacional, Laura Arroxo, “sabemos que a Xunta faría do excepcional a norma”.

Con respecto á outra medida que incorporará o Anteproxecto de Lei que prepara o goberno central, e que cómpre lembrar que ten que ser aprobado polo Consello de Ministros/as para o seu posterior debate e aprobación no Congreso e no Senado, as principais novidades desta segunda reunión son a fixación de que o alumnado con Necesidades Educativas Especiais computará dobre nas ratios de aula e a fixación máxima de 22 estudantes por aula en primaria e 25 en secundaria. O subsecretario de Educación explicou que non se fixan as ratios para infantil e bacharaleto porque ao non ser ensinanzas obrigatorias é preciso cambiar o Real Decreto 132/2010, de 12 de febreiro polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria. No texto presentado hoxe explicítase que esa modificación acometeríase no prazo de un ano desde a entrada en vigor desta lei, polo que no mellor dos casos as ratios para infantil e bacharelato non estarían aprobadas até 2027 coincidindo co final da lexislatura, se esta non se adianta. A CIG-Ensino pon o foco tanto na aritmética parlamentaria que é precisa para aprobar esta norma no Parlamento español como nos prazos que tería o goberno do Estado, nunha situación inestábel, para modificar este RD antes de que venza a que ía ser, segundo a ministra Pilar Alegría, “a lexislatura do profesorado”. Neste sentido apremou aos responsábeis ministeriais a negociar outras medidas pendentes como a reforma do sistema de ingreso na función pública docente ou a aprobación do corpo único co paso ao nivel A1 de todo o profesorado en paralelo a este grupo de traballo.

Un calendario de redución de ratios até o curso 31/32

A CIG-Ensino pon o foco tanto na aritmética parlamentaria que é precisa para aprobar esta norma no Parlamento español como nos prazos que tería o goberno do Estado, nunha situación inestábel, para modificar este RD antes de que venza a que ía ser, segundo a ministra Pilar Alegría, “a lexislatura do profesorado”. Neste sentido apremou aos responsábeis ministeriais a negociar outras medidas pendentes como a reforma do sistema de ingreso na función pública docente ou a aprobación do corpo único co paso ao nivel A1 de todo o profesorado en paralelo a este grupo de traballo.

En relación ao calendario que se fixa na proposta ministerial, o sindicato nacionalista considera que é demasiado extenso dado que a súa aplicación chega ao curso 31/32, que é cando a redución de ratios se completaría en todas as etapas. Entende, e así o expresou na reunión Arroxo, que o lóxico é que as medidas se aplicaran desde o curso que vén en todas as ensinanzas de forma progresiva. O documento do MEFPD recolle a seguinte temporalización:

- Curso 26/27: baixada a 23 horas lectivas en infantil e primaria (en Galiza até 2011 eran 21) e a 18, coa excepcionalidade de 20, en secundaria e outras ensinanzas e cómputo como dobre de todo o alumnado NEE.

- Curso 27/28: inicio da baixada de ratios nos primeiros cursos de infantil (as que se determinen regulamentariamente) e primaria (22 estudantes por aula).

- Curso 28/29: inicio da baixada de ratios na ESO a 25 estudantes por aula.

- Curso 29/30: inicio da baixada de ratios en Bacharelato segundo se determine na modificación do RD 132/2010. 

Con respecto á FP Santiago Roura indicou que se mantén o previsto na disposición adicional sétima do RD 659/2023 que di literalmente que “na modalidade presencial haberá un máximo de 25 estudantes nos ciclos formativos e Grao Medio, de Grao Superior e Cursos de Especialización, e até un máximo de 20 nos de Grao Básico ao inicio do curso 2028-2029”. A CIG-Ensino reiterou a necesidade de acometer unha rebaixa das ratios nestas ensinanzas que vaia máis alá do contemplado nesta norma, nomeadamente na FP Básica e nos ciclos medios. 

Excepcionalidade tamén na aplicación das ratios 

O documento ministerial deixa aberta a porta a que os centros atendan doutro xeito - mediante a codocencia, apoios ou reforzos, por exemplo-, o alumnado sempre que non sexa posíbel cumprir con estas ratios derivada de falta de espazo ou por outro motivo. A CIG-Ensino solicitou que esta excepcionalidade se manteña só durante a aplicación progresiva da redución de ratios que, insistiu, ten que acurtarse no tempo para que realmente sexa efectiva antes de que a baixada de natalidade (dado que se empeza tamén por primaria) a faga totalmente ineficaz.

A vindeira reunión está prevista para o próximo xoves, 16 de outubro. A CIG-Ensino está aberta coma sempre a calquera achega que se queira facer ao texto no correo galiza@cig-ensino.gal

A mobilización e a folga máis necesarias ca nunca

 

A CIG-Ensino segue mantendo a necesidade de que é preciso mobilizarse contra a Xunta de Galiza, que é quen realmente ten as competencias en recursos humanos en Educación e quen pode tomar decisións máis rápidas, sen esperar polo trámite parlamentario e o posterior desenvolvemento dunha lei que, ademais, malia ter boa intención, non responde ás necesidades do profesorado e do sistema educativo galego. Neste sentido non se contempla nada respecto das ratios nos agrupamentos da aulas mixtas nin tampouco o cómputo do alumnado NEAE dentro das ratios máximas das aulas. Ademais tampouco se fala da ratio por docente nin por persoal orientador ou de atención á diversidade por exemplo.

 

Así mesmo, o profesorado galego ten que recuperar o horario que tiña até a chegada de Feijóo ao goberno, as 21 horas en primaria e infantil a as 18 horas no resto, polo que con máis vixencia ca nunca é necesario secundar as dúas convocatorias de folga previstas para o 28 e 29 deste mes e animar aos compañeiros e compañeiras unir as forzas para forzar á Consellaría a negociar outras reivindicacións polas que o colectivo docente galego leva agardando 15 anos (redución da xornada laboral para maiores de 55 anos, incremento retributivo no complemento autonómico, recuperación do pagamento do verán para o persoal substituto, reforzo do persoal para atender a diversidade, redución e eliminación de burocracia...)

Volver