A non obrigatoriedade de presentarse ás oposicións para o persoal consolidado é unha medida que lle convén á Consellaría e por si soa non resolve os problemas nos procesos selectivos nin de xestión das listas
A CIG-Ensino critica que a o departamento de Román Rodríguez negocie “só o que lle interesa” cos 4 sindicatos mansos e deixe fóra o maioritario que quere unha revisión máis profunda tanto do sistema de oposicións como das condicións do persoal interino
Cando se presente na Mesa Sectorial esta proposta, a CIG-Ensino incidirá en que é necesario volver acometer unha negociación integral do Acordo de condicións de traballo do persoal interino e substituto para, entre outras demandas, cambiar o ámbito territorial para poder restrinxir, sen xustificación, as zonas xeográficas nas que traballar en lugar das provincias actuais; fixar un prazo amplo de renuncia tamén sen xustificación, permitir a renuncia sen penalización por coidado de menor até os 12 anos de idade e non os 6 actuais; recuperar os estudos superiores de FP como causa xustificada para as renuncias; mellorar a xestión nos chamamentos para axilizar a cobertura das vacantes e volver aplicar o baremo do concurso-oposición para ordenar o persoal cando se abre unha lista de substitución. Ademais, o sindicato reclamará recuperación inmediata, para este curso académico, do pagamento do verán para o persoal substituto que traballe máis de 5 meses e medio, dereito que recortou o PP en 2011 aínda que aparece recollido no texto do Acordo e a negociación dunha cláusula de estabilidade para o persoal interino.
Negocia só cando quere e o que lle interesa. A última demostración de que este é o modus operandi da Consellaría témola hoxe mesmo co anuncio de que non será obrigatorio matricularse nin presentarse ás oposicións para aquel persoal interino e substituto que estea consolidado nas listaxes de substitución. Mentres que miles de opositores e opositoras agardan saber que especialidades se convocan e cantas prazas, o departamento de Román Rodríguez non ten data aínda para a Mesa Sectorial na que se “negociará” a convocatoria de oposicións, malia anunciar tres veces xa o número de prazas totais. Sen embargo, hoxe coñeceuse unha medida que a quen máis beneficia é á propia administración porque reduce considerabelmente a xestión administrativa do persoal opositor e que a CIG-Ensino agarda que sirva para reducir na mesma proporción o número de persoas aspirantes por tribunal e que estes vexan alixeirada a súa carga de traballo.
Aínda que o sindicato xa pedira en ocasións anteriores que esta medida se aplicara para persoal de máis de 55 anos, critica que se negociara no marco da comisión de seguimento do Acordo do persoal interino e substituto e non na Mesa Sectorial, que é o órgano no que teñen que tratarse todas as condicións laborais e profesionais que afectan ao colectivo docente. Con todo, e dado que finalmente esta proposta terá que pasar pola Mesa de negociación, a CIG-Ensino aproveitará para solicitar unha revisión exhaustiva do contido deste Acordo, ademais de que se cumpra o pagamento do verán para o persoal substituto que segue aparecendo no texto do mesmo pero que ano tras ano se limita nos Orzamentos Xerais da Xunta. Esta medida, ademais de xusta, é necesario recuperala para evitar os problemas que existen actualmente en varias especialidades para atopar persoas dispostas a aceptar substitucións, como se pode comprobar hoxe mesmo coa apertura de listas de Latín e Grego nas que se exime de solicitar o Mestrado de Formación do Profesorado para poder anotarse.
Propostas para mellorar o proceso de oposicións e as condicións do persoal interino e substituto
Na Mesa Sectorial aproveitarase para poñer enriba da mesa propostas concretas na liña de mellorar o proceso selectivo, coa redución de aspirantes por tribunal e a elección a sorteo de todos os seus membros, a baremación a cargo dunha comisión técnica, a acumulación das prazas desertas de promoción interna para a quenda libre, a maior transparencia do procedemento coa publicación das rúbricas unha vez realizadas as probas...
Ademais tamén se volverá pedir a apertura da negociación do Acordo do persoal interino para incorporar moitas demandas deste colectivo e que xa foran presentadas no seu día pola CIG-Ensino hai dous anos entre as que destacan unha cláusula de estabilidade para o persoal con moitos anos de servizo, a posibilidade de renunciar a traballar nas listas sen xustificación durante un prazo de tres anos, que era a proposta do sindicato, a ampliación dos supostos para as renuncias sen penalización, a restrición por zonas xeográficas ou concellos sen necesidade de xustificación para facilitar a conciliación laboral e familiar, a recuperación do baremo á hora de ordenar o persoal que accede ás listas de substitución por apertura das mesmas e a axilidade na cobertura das substitucións. Neste sentido sorprende que hai dous anos a CIG-Ensino, como se pode ver na información da Mesa Sectorial, propuxera “unha aplicación web que permita a selección diaria das vacantes e mellore o sistema actual de chamadas cunha actualización diaria e o aviso mediante SMS ás persoas que van poder elixilas segundo o número delas e que os chamamentos deben ser con carácter diario e en horario de mañá durante todo o curso escolar” e que a resposta da Consellaría fora literalmente que “tiña dúbidas de que unha aplicación desas características puidese mellorar o sistema actual de chamamentos” e agora leve anunciada esa aplicación que non dá arrancado desde comezos de curso. Así pois, a CIG-Ensino alégrase de que, aínda que tarde, a Consellaría, e o resto de organizacións sindicais, se vaian sumando a medidas que sendo insuficientes supoñen unha mellora para o colectivo máis vulnerábel do profesorado.
Novas relacionadas

