A negociación do novo convenio colectivo das universidades públicas galegas arrancará en febreiro

Previamente recollerase nunha acta da Comisión Paritaria do actual convenio a adaptación derivada dos últimos cambios normativos de rango superior

Na reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do PDI do 17 de xaneiro debateuse un documento de traballo presentado polas universidades no que, tal e como se lle demandara na reunión anterior, se recollen as actualizacións legais de rango superior que alteran necesariamente o actual convenio colectivo, que data xa do 2011.

As actualizacións céntranse principalmente en recoller as novas figuras do PDI que aparecen na LOSU para dar seguridade xurídica a todas as novas contratacións, preservando os dereitos de todas aquelas figuras existentes antes da entrada en vigor da nova lei orgánica do sistema universitario.

Tal e como solicitara a CIG-Ensino tamén se actualiza o capítulo de licenzas e permisos e o valor das horas extras, actualizado co incremento dos salarios desde 2011.

As universidades propuxeron incorporar no acordo a regulación da xubilación forzosa do PDI laboral, respectando o que xa fora pactado tanto no I como no II Convenio Colectivo e que a última reforma das pensións deixaba sen efecto. No tema da xubilación, a posición da CIG-Ensino foi idéntica a expresada hai agora dous anos, cando xa se trouxo este tema á Paritaria e tamén a que comunicamos na reunión do 22 de novembro: a Comisión Paritaria non é competente para aprobar un cambio destas características ao non estarmos diante dunha adaptación ou interpretación. O sindicato mantivo a súa posición de que esa modificación só se pode facer no seo dunha Comisión Negociadora do Convenio Colectivo para dar seguridade xurídica. Como resultado do debate e negociación, e unha vez que se adoptou o noso criterio, o que se acordou na reunión foi o seguinte:

  • As universidades remitirán ás organizacións sindicais un novo documento no que se exclúa o tema da xubilación, recollendo exclusivamente o que pode aprobar a Comisión Paritaria: adaptación legais do Convenio. Ese acordo subscribiríase o 7 de febreiro nunha acta da Comisión.
  • Nesa mesma data constituiríase unha Comisión Negociadora para:
    • Aprobar a regulación da xubilación forzosa aos 70 anos de idade para o PDI laboral, na liña de como figuraba até a reforma das pensións e incorporando a demanda da CIG-Ensino de recoller expresamente que do resultado desas xubilacións non se pode derivar ningunha redución do cadro de persoal do PDI de cada universidade.
    • Abrir formalmente a negociación na súa integridade dun novo Convenio Colectivo do PDI laboral das universidades galegas.

Volver