A mobilización e unidade de acción sindical de CIG-Ensino e CUT consegue un acordo retributivo autonómico coa patronal galega de menores GAFIX
O persoal traballador poderá comezar a cobrar neste ano 2026 un “complemento equiparador autonómico galego” e non terá que esperar a 2029 para cobrar as subas salariais do V Convenio Estatal.
Este xoves tivo lugar a sinatura dun acordo de mellora retributiva autonómica coa patronal galega de menores GAFIX por parte da CIG-Ensino e CUT, con máis do 50% de representación sindical, CCOO e UGT, que será trasladado ao convenio estatal co fin de que sexa de obrigado cumprimento por parte da administración galega, neste caso por Política Social da Xunta de Galiza. Grazas ao acordo asinado, o persoal traballador deste sector poderá cobrar un incremento salarial que se lles negaba ate o momento e comezar un camiño de negociacións nun marco galego de relacións laborais para seguir conseguindo novas melloras para o sector.
Prodúcese este acordo despois de intensas xornadas de loita na rúa e varias xuntanzas coa patronal galega. Foron precisas estas accións para eliminar as discriminacións e consecuencias do asinado en Madrid polo sindicato CCOO, que, xunto a UGT E USO, decidiron abandonar a unidade de acción sindical no conflito que mantemos coa Consellería de Política Social para lograr melloras neste sector de menores, na discapacidade e en Infantil 0-3 (onde o sindicato SNEP ten representación e si participa da unidade sindical de acción).
Este acordo é unha clara demostración de que camiñando xuntas e facendo sentir as nosas reivindicacións na rúa podemos conseguir obxectivos, e podemos facelo no ámbito onde se desenvolven as nosas relacións laborais -na Galiza- sentándonos e acordando propostas coas patronais e órganos da administración galega. Hai outras organizacións sindicais que prefiren mirar para outro lado e escusar a súa inacción en que os convenios non os negocian eles senón os seus representantes en Madrid. Virán agora a apuntarse un éxito que non é deles, mais a CIG e a CUT non van entrar en debates absurdos. Nós imos seguir loitando por convenios dignos e xustos na nosa terra e defendendo os intereses das persoas traballadoras, aínda que iso signifique ter que pór remendos aos desastres que outras organizacións asinan en Madrid.
Este é o exemplo a seguir nos outros dous sectores, discapacidade e infantil 0-3, e o noso compromiso será reivindicarlles o camiño a seguir ás correspondentes patronais e Asociacións que xestionan estes centros na Galiza ( asistenciais, de emprego e educativos, atención temperá 0-6 e escolas infantís 0-3), para acadar tamén melloras laborais e salariais, coa finalidade de lograr nun futuro convenios galegos dignos e xustos en cada sector., decidindo aquí e non en Madrid.
ACORDO RETRIBUTIVO NO ÁMBITO TERRITORIAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO SECTOR DE REFORMA XUVENIL E PROTECCIÓN DE MENORES:
PRIMEIRO.- Crear un acordo retributivo específico para a Comunidade Autónoma de Galicia conforme ao establecido na Disposición Transitoria Segunda do V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores (código de convenio 99016175011900).
O motivo de dito acordo é tratar de compensar a través dun complemento denominado Complemento Equiparador Autonómico Galego ás persoas traballadoras ás que non lles resultaría de aplicación os complementos salariais recollidos nos artigos 65, 66 e 72 do V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores.
SEGUNDO.- O presente acordo alcánzase cumprindo todos os requisitos que ao respecto quedan establecidos na dita Disposición Transitoria Segunda, é dicir, é de ámbito de comunidade autónoma, que é un dos ámbitos territoriais admitidos pola mesma e alcánzase pola maioría de representatividade das asociacións patronais e das asociacións sindicais.
TERCEIRO.- As partes asinantes acordan a creación para o ámbito do presente acordo retributivo dun complemento salarial denominado Complemento Equiparador Autonómico Galego coas seguintes características:
- non consolidable, de contía específica e determinada por categoría profesional, conforme ás táboas anexas, de devengo mensual e aboamento en catorce pagas,
- Natureza compensable e absorbible, non revalorizable.
Este Complemento Equiparador Autonómico Galego quedará automaticamente compensado e absorbido polo aboamento dos complementos salariais regulados nos artigos 65, 66 e 72 do V Convenio Colectivo de Reforma Xuvenil e Protección de Menores.
Este complemento salarial seralles de aplicación ás persoas traballadoras que realicen a súa actividade laboral nos distintos centros, recursos e programas integrados no ámbito funcional do V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores.
Este acordo retributivo e, en concreto o Complemento Equiparador Autonómico Galego aplicarase efectivamente a todos aqueles recursos, programas ou servizos de contratación pública que se desenvolvan na Comunidade de Galicia realizada baixo calquera das modalidades previstas no ordenamento xurídico (subvención, contrato, concerto, convenio ou outras fórmulas legais), con contratos vixentes e licitados antes do 16 de decembro de 2024 e naquelas prórrogas en que a Administración pública ou órgano contratante correspondente amplíe o financiamento durante o período 2026 (desde a entrada en vigor do acordo) ata o 30 de setembro de 2029 co efecto de incorporar os incrementos salariais pactados neste acordo retributivo.
En caso de non producirse a ampliación da totalidade do financiamento indicado polo órgano contratante, este Complemento Equiparador Autonómico Galego non resultará de aplicación.
CUARTO.- O presente acordo surtirá efectos desde o día seguinte á publicación do mesmo no Boletín Oficial do Estado ata o 30 de setembro de 2029, momento en que resultará de aplicación xeral os complementos recollidos no V Convenio Colectivo nos seus artigos 65, 66 e 72.
QUINTO.- As partes acordan fixar unhas táboas retributivas específicas para as persoas traballadoras do sector de reforma xuvenil e protección de menores que presten os seus servizos laborais na Comunidade Galega para as anualidades de 2026 (a parte proporcional desde a data de entrada en vigor deste acordo retributivo) ata o 30 de setembro de 2029 de acordo co establecido no Anexo 1 ao presente acordo.
SEXTO.- As partes acordan que, dado que o presente acordo en nada fai cambiar os acordos acadados na negociación colectiva estatal, senón só os seus importes, en todo o non pactado expresamente neste acordo retributivo, incluídas as definicións dos conceptos salariais referidos nel, estarase ao disposto no V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores.
SÉTIMO.- Para todos aqueles conceptos salariais nos que sexa necesario para o seu cálculo a suma de salario base e complemento específico, tales como complementos de nocturnidade, festividade e horas extraordinarias, etc. tomarase como referencia o salario resultante da suma do Salario Base, o Complemento Equiparador Autonómico Galego e cando proceda o Complemento Transitorio.
OITAVO.- Créase unha Comisión Paritaria de interpretación do presente Acordo Retributivo conformada por catro representantes de cada unha das partes, social e patronal, en representación das entidades asinantes do mesmo.
Novas relacionadas

