A mentira ten a perna curta
Información da CIG-Ensino ante as falsas acusacións feitas polos demais sindicatos que forman parte da Xunta de Persoal da Coruña contra o seu presidente
- O actual presidente da Xunta de Persoal Docente non Universitario da Coruña é, ao mesmo tempo, secretario comarcal da CIG-Ensino da Coruña, feito de sobra coñecido, tanto polos sindicatos como pola Administración educativa da Coruña.
O dito presidente da Xunta de Persoal Docente non Universitario da Coruña nunca solicitou, como tal, o número de xubilacións producidas nesta provincia.
En ningunha das tres reunións da Permanente da Xunta de Persoal Docente co xefe territorial, celebradas no presente curso, previas á de febreiro, se solicitou o número de xubilacións do profesorado da provincia da Coruña
Ningún dos sindicatos denunciantes se dirixiu ao presidente da Xunta de Persoal para que solicitase, en nome do órgano, o número de xubilacións que se produciron nesta provincia.
Menten cando din que o presidente da Xunta de Persoal lle solicitou á administración os datos relativos ás xubilacións. Menten e sábeno. O que si é certo é que en calidade de secretario comarcal da CIG-Ensino, o 22 de xaneiro, solicitou á Administración educativa, desde a conta de correo comarcal do sindicato, o número de xubilacións do profesorado obxecto do concurso xeral de traslados. Por que non o solicitaron eles? Acaso pretenden impedir que a CIG-Ensino actúe sindicalmente?
O presidente da Xunta de Persoal desde que asumiu a presidencia deste órgano sempre tivo moito coidado en distinguir os dous papeis, de tal xeito que as comunicacións como presidente e representante da Permanente coa Xefatura Territorial fanse desde o correo corporativo xunta.persoaldocente.coruna@edu.xunta.es, conta de correo que este órgano dispón por primeira vez e por empeño persoal do actual presidente.
Do mesmo xeito, nas reunións coa Xefatura Territorial e/ou co Servizo de Inspección Educativa cóidase moito en sinalar cando actúa como presidente e cando como representante da CIG-Ensino, tal e como consta nas actas das distintas reunións. Por tanto, as OOSS menten cando denuncian o uso “fraudulento” da condición de presidente.
Faltan á verdade cando din que o presidente adiou a reunión da Permanente prevista para o 27 de xaneiro por motivos persoais; faltan á verdade da peor forma posíbel: con medias verdades. Esta reunión debería terse realizado o 20 de xaneiro, mais, no mes de decembro, acordouse, por unanimidade, que se realizase o 27 dado que ANPE non podía acudir.
Na noite do luns 25 de xaneiro, o presidente comunicou aos representantes de todos os sindicatos que non lle era posíbel acudir ás 10 da mañá do 27 e propón adiala para as 13:00 horas dese mesmo día. Finalmente, decídese realizala o xoves 28 ás 9 da mañá e así llo comunica á Xefatura Territorial. Posteriormente, FETE-UGT manifesta que non lle é posíbel, polo que queda acordado facela o 17 de febreiro. Nesta conversa, CCOO di “É máis, xa se podía pedir de antemán información sobre as vacantes para o CXT e levalas estudadas”, proposta que o presidente efectivizou puntualmente, logo dun duro enfrontamento co xefe de Inspección polo inxustificado retraso en enviar as vacantes obxecto do CXT.
Faltan á verdade, por tanto, cando insinúan que a reunión se retrasou ao 17 de febreiro deliberadamente por intereses espurios da CIG-Ensino. Menten e saben que podemos demostralo.
A Xefatura Territorial e a Inspección Educativa da Coruña cando envían información á Xunta de Persoal sempre o fan ao enderezo electrónico de todas as organizacións sindicais presentes na mesma e ao de todas as persoas que forman a Permanente. Isto é así desde hai anos.
Resulta sorprendente a contundencia sen fundamento que amosan, neste caso, algunhas das organizacións sindicais que no entanto no seu día non estiveron dispostas a solicitar a dimisión do xefe de Inspección e do xefe territorial pola caótica xestión das vacantes provisionais do mes de xuño.
Cómpre salientar que a CIG-Ensino ten moi claro cal é o ámbito onde debe discorrer a acción sindical e actúa e distingue escrupulosamente o ámbito orgánico do institucional. A CIG-Ensino continuará empeñada en informar e combater as actuacións irregulares e a ineficacia, tanto do xefe territorial como do xefe da Inspección Educativa, así como en defender o profesorado e en non perder o tempo en denuncias sen ningún fundamento.
Galiza , 26 de febreiro de 2016