A loita como principal eixe do sindicalismo nacionalista no ensino 50 anos despois
A CIG-Ensino publica o documental Facermos parte que recolle os acontecementos máis destacados desde a fundación da Unión de Traballadores/as do Ensino de Galiza (UTEG) en 1974 até o curso que vén de rematar.
Na peza audiovisual preténdese recoller as loitas máis destacadas desde o xerme da UTEG na clandestinidade (a estabilidade do profesorado non numerario, a defensa do galego como lingua vehicular e a loita contra o Decreto de bilingüismo do ano 1979; o conflito dos mestres e mestras desprazados fóra de Galiza; a oposición á carreira docente e a aposta por un corpo único; a negociación a nivel nacional das condicións laborais e de parte da ordenación educativa; a non estratificación salarial do profesorado; a oposición a leis privatizadoras, centralistas e reaccionarias, nomeadamente a LOMCE; a loita contra os recortes brutais nos últimos 15 anos ou contra o Decreto de Plurilingüismo, entre outras) até o remate deste curso no que a CIG-Ensino celebrou o seu 9º Congreso revalidando os principios fundamentais de defensa dun ensino público, galego e en galego, laico, democrático e igualitario.
“Medio século de existencia que o foi de resistencia e de contrapoder”. Así define no vídeo Facermos parte, 50 anos de sindicalismo nacionalista no ensino, o ex secretario nacional, Suso Bermello, a esencia do que caracteriza a actividade do que foi o xerme do primeiro sindicato creado en Galiza como parte do movemento nacional popular dos anos 70 até o ano 2025. A dupla vocación de defensa do ensino público galego e das condicións de traballo do persoal docente mantense tamén na actualidade, na que se aproveita esta efeméride para render homenaxe a todas e cada unha das persoas que dun xeito ou doutro, ben co traballo militante, ben como afiliación, ben como votante nas eleccións sindicais, contribuíron á hexemonía actual que ten a CIG-Ensino, coa maioría da representación na Mesa Sectorial Galega e con presenza nos ámbitos de negociación de Función Pública da Xunta, así como do goberno do Estado e do Ministerio pola súa condición de sindicato máis representativo. Unha federación, inserida hoxe no que é Confederación Intersindical Galega, e que é o auténtico dique de contención contra as políticas privatizadoras, de recortes, españolizadoras e de desvalorización da profesión docente practicadas polos sucesivos gobernos do Partido Popular en Galiza.
No vídeo recóllense algunhas voces de fundadores e fundadoras da UTEG así como dos dous últimos secretarios nacionais da CIG-Ensino que precederon a elección este ano de Laura Arroxo, a primeira muller á fronte desta responsabilidade. Nesta peza, na que se rescataron imaxes de mobilizacións en plena ditadura pouco visibilizadas, autoría de Carlos Varela Veiga, faise un percorrido polas principais loitas que liderou primeiro a UTEG e posteriormente a CIG, con referencia aos anos de escisión no sindicalismo nacionalista galego, contra o franquismo e os gobernos saídos da mal chamada transición, tanto en Galiza como en Madrid. Tamén se fai especial fincapé nas diferenzas que representa o sindicalismo nacionalista a respecto do españolista e da posición histórica que desde o mesmo momento do nacemento da UTEG se mantén de defender un ensino público, rexeitando os concertos educativos; galego, con políticas deseñadas e aplicadas en Galiza sen inxerencias externas; laico, no que a relixión non teña cabida nas aulas; democrático, coa participación de toda a comunidade educativa e a sociedade na súa xestión; igualitario (feminista e contrario a calquera tipo de discriminación), pacifista e que promova valores como o respecto ao medio ambiente, á diversidade cultural e á soberanía das nacións.
Estes 50 anos son, pois, só o comezo dunha historia que seguirá xirando arredor da loita e da defensa acérrima da identidade e da cultura galega e do ensino público como garante da igualdade social e de oportunidades, así como da clase traballadora galega encarnada polo colectivo docente cada vez máis deostado e precarizado polas políticas da Xunta.