A irresponsabilidade e a falta de entendemento entre a Consellaría e o Ministerio pode provocar de novo a xudicialización do CXT
A CIG-Ensino exixe que se xestione ante o MEC unha resolución do Concurso Xeral de Traslados que non resulte lesiva para o profesorado
A CIG-Ensino procurou que, tanto na Mesa Sectorial de Educación como na proposta dirixida ao Ministerio, se tomasen as medidas correspondentes para evitar de novo a xudicialización do CXT e para que non se producisen discriminacións. Isto sería factíbel se a Consellaría de Educación aplicase o baremo que está en vixencia en Galiza para todo o profesorado que concurse, para o que o fai dende Galiza e para o que procede de fóra. Pola contra, ao profesorado galego que concurse a prazas de fóra de Galiza aplicaríaselle o baremo correspondente ao territorio ao que opte.
O grave da situación é que a estas alturas, malia que o CXT se convocou no mes de novembro , nin o Ministerio nin a Consellaría fixeron nada para resolver esta situación. Máis unha vez, constátase a submisión e o pouco peso político do actual conselleiro de Educación que se mostra impasíbel ante unha situación incerta e prexudicial para as e os miles de docentes que procuran un novo destino a través do CXT. Estamos ante unha desconsideración máis co profesorado que o sitúa como albo do menosprezo dunha Consellaría que ten como pauta de actuación a irresponsabilidade.
A CIG-Ensino exixe que se xestione ante o MEC unha resolución do Concurso Xeral de Traslados que non resulte lesiva para o profesorado, xa que, como recoñece a mesma Consellaría de Educación, é posíbel tecnicamente e pasa por aplicar os mesmos criterios de baremación para todo o profesorado que concursa a prazas de Galiza.